Unións cifra en 13 millóns de euros mensuais a suba de ingresos que xera a manteiga

A revalorización da materia prima no último ano e medio mellora as contas das industrias en 6 céntimos por litro de leite, segundo os cálculos da organización agraria. No mesmo periodo, o leite no campo subiu 1,1 céntimos

Unións cifra en 13 millóns de euros mensuais a suba de ingresos que xera a manteiga

Óscar Pose e Javier Iglesias, en rolda de prensa.

Cando a comezos do 2016, a manteiga cotizaba a 2,98 euros o quilo, cada litro de leite deixaba en nata un valor de 6,4 céntimos, segundo as contas de Unións Agrarias. Ano e medio despois, en xullo do 2017, o valor da manteiga é de 5,75 euros e cada litro de leite deixa na nata 12,4 céntimos, calcula Unións. A organización agraria cifra en 6 céntimos o beneficio extra que lle están a sacar as industrias a cada litro de leite. No mesmo periodo, o prezo no campo subiu en Galicia só 1,1 céntimos.

As contas, que expuxeron nunha rolda de prensa Javier Iglesias, responsable de Vacún de Leite de Unións, e Óscar Pose, responsable de Servizos, baséanse no seguinte cálculo. O ‘mix’ de leite enteiro, semi e desnatado que se vende no supermercado sitúase nunha media de graxa do 1,6%. Cada litro producido en Galicia na granxa ten unha media do 3,75% de graxa. Por tanto, hai 21,5 gramos de graxa por litro que a industria comercializa a maiores do leite. Eses 21,5 gramos de graxa son os que xeraron un beneficio extra de 6 céntimos no último ano e medio por mor da revalorización da manteiga, segundo as estimacións de Unións.

“Se temos en conta que Galicia produce unha media de 220.000 toneladas de leite ó mes, os ingresos a maiores que están tendo as industrias lácteas son de 13 millóns de euros mensuais, sen que esa ganancia teña repercusión no campo. No resto de Europa si se produciu unha suba de 5-6 céntimos no litro de leite no agro que non se está a ver en Galicia”, cuestiona Javier Iglesias.

Mesas de negociación
A organización agraria considera preciso que as industrias renegocien os actuais contratos e que, no caso das renovacións que se están a producir, haxa un repunte de prezos. Desde Unións piden a implicación da Consellería do Medio Rural e do Ministerio de Agricultura para correxir a conxelación de prezos do leite que se vive no campo nos últimos meses.

“É hora de traballar” -valora Óscar Pose-, “a última reunión do chamado Plan de Fortalecemento do sector lácteo de Galicia, que é o único foro de interlocución que hai no sector na comunidade, tivémola en xaneiro. Díxose daquela que habería unha xuntanza cada tres meses, pero pasaron sete e seguimos sen ter noticias”, cuestiona.

Do Ministerio, Unións pide que se “deixe de esconder” detrás do acordo lácteo do 2015, “que non permitiu nin a recuperación dos prezos no campo nin prezos aceptables na distribución, que nos últimos meses volveron baixar nas marcas brancas ó entorno dos 55-56 céntimos de xeito maioritario”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información