Unións advirte que só 3 de cada 100 vacas sacrificadas por tuberculose deron positivo en matadoiro

Unións advirte que só 3 de cada 100 vacas sacrificadas por tuberculose deron positivo en matadoiro

O sindicato Unións Agrarias ve necesario actualizar o protocolo de detección de casos de tuberculose nas explotacións galegas, que se derivan das campañas de saneamento gandeiro, debido ao que cualifica de “altísimo número de animais sacrificados que logo non deron resultados positivos nas análises post morten nos matadoiros”.

Galicia conta cun dos mellores ratios –só superado polas illas Baleares- de prevalencia de animais enfermos por tuberculose, 40 en 2016 sobre unha cabana de 829.696, grazas ao traballo do corpo de veterinarios de sanidade pública que levan anos vixiando as granxas. Sen embargo, o sindicato advirte que “a cruz destes bos datos sitúase no altísimo número de vacas que son sacrificadas innecesariamente, (1.287 en 2016), por ter reaccionado ao test de tuberculose, pero que nas análises feitas en matadoiro, só 40 foron confirmados como tuberculose”.

Cambios no protocolo de saneamento gandeiro

Ante esta situación, Unións Agrarias lembra que solicitou unha reunión con conselleira do Medio Rural “para propoñer un novo modelo que sen baixar a garda sobre a vixilancia, evite sacrificios innecesarios, que ademais de provocar perdas nas explotacións, elevan o risco de contaxio ao suplir as vacas mortas por reses adquiridas noutras comunidades autónomas con menores índices de eficiencia sanitaria”.

Os datos do MAPAMA indican que a incidencia da tuberculose na cabana galega é cada vez mais limitada e caeu en picado nos últimos 5 anos pero o número de sacrificios por motivos sanitarios segue manténdose. Así, se en 2011 foron sacrificadas 1015 vacas das que se confirmaron 424 casos, en 2015 foron sacrificadas 1.581 reses das que se confirmaron 172.

“O índice positivo por animais sacrificados en España foi do 74% mentres que en Galicia foi do 3%”

Neste sentido, o sindicato lembra que a media en España en 2016 foi de 35.345 animais sacrificados para 26.090 positivos, o que supón un índice do 74.17%, mentres que en Galicia nese ano apenas se superou o 3%. Ademais, o dato de prevalencia en explotación (índice moi importante a hora de valorar a situación sanitaria dun territorio) sitúase nun 0.04%, moi por debaixo do que presentan as outras CCAA.

“Está claro que o modelo de procedemento non resulta efectivo en niveis de afectación moi baixos, polo que desde UUAA incídese en que se procure un mecanismo que teña o centro de actuación nas análises de matadoiro e que desde eses resultados se actúe sobre as granxas onde se poidan detectar algún tipo de problema. Máxime nas explotacións de leite onde a rotación de animais permite unha detección case inmediata”, conclúen dende Unións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información