Unións advirte de que os plans de mellora marxinan a granxas profesionalizadas

A organización agraria sinala que as explotacións sen incorporacións nos últimos cinco anos están a quedar sistematicamente fóra das axudas

Unións advirte de que os plans de mellora marxinan a granxas profesionalizadas

Silo para o almacenamento de forraxe nunha explotación láctea.

Este ano houbo unhas 1.600 explotacións que solicitaron as axudas de plans de mellora para afrontar investimentos de ampliación ou modernización. Do total de solicitudes, máis da metade serán denegadas por falta de presuposto, segundo deduce Unións Agrarias dos datos que manexa sobre os listados provisionais de expedientes aprobados.

O responsable de Servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, explica que un criterio determinante para a concesión dun plan de mellora é que a explotación tivese unha incorporación nos últimos 5 anos. “Hai moitas granxas modernas e profesionais que non están nesa situación, polo que xa quedaron fóra dos plans de mellora o pasado ano e volveron quedar este ano”, advirte Pose.

A organización agraria considera positivo o apoio que se lle está dando nos plans de mellora ás persoas que se incorporan á actividade agraria, pero advirte de que ese apoio non pode ser a costa de paralizar investimentos nas explotacións máis profesionais e que levan anos “tirando polo sector”.

Este ano, tras a alto número de solicitudes de incorporacións e de plans de mellora do 2016, a Consellería elevou o presuposto destinado a esta liña un 7%, ata 65 millóns de euros, se ben amósase un ano máis como curto para afrontar a demanda.

Licenzas de obra
Outro problema que se está a rexistrar cos plans de mellora é o coñecido das licenzas de obra, pois aquelas granxas que non lograron acompañar a súa solicitude da correspondente licenza quedaron fóra. Unións entende que habería que volver ó sistema anterior, cando a licenza se podía presentar á hora de certificar a obra, como se fai noutras comunidades autónomas.

As dificultades para obter a licenza afectaron, entre outras, a persoas que se incorporaban á explotación, co cal hai casos de mozos/as con axudas para incorporarse pero sen plan de mellora aprobado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información