Unións advirte da expansión dos danos do xabarín sobre o millo

A organización agraria incide nos problemas que se rexistran en Lalín e demanda unha actuación coordinada dos cazadores coa Consellería de Medio Ambiente

Unións advirte da expansión dos danos do xabarín sobre o millo

Cultivo de millo estragado polo xabarín. / Arquivo.

Co millo en fase de maduración, o cultivo é a cada paso máis apetecible para o porco bravo. Esta situación está levando a que nos últimos días se estean expandido os ataques do xabarín sobre o cultivo. En Lalín, son numerosas as parroquias con gandeiros xa afectados, como son Sello, Catasós ou A Xesta. Ante esa situación, Unións Agrarias vén de demandar unha actuación coordinada dos cazadores con Medio Ambiente para afastar ós animais do millo.

A organización entende en que os Tecores, coa autorización de Medio Ambiente, deben establecer xa un calendario de accións, incluindo esperas e batidas onde os danos non permitan atrasar as intervencións de caza ata o inicio do periodo de caza, previsto para finais de agosto.

Unións considera que tanto estas posibles accións extraordinarias como as batidas ordinarias, que comezarán nun par de semanas, deben realizarse con criterios de prevención de danos, alí onde máis necesarias sexan. Cómpre actuar, por tanto, arredor de zonas cultivadas para afastar as mandas de xabaríns, segundo valora a organización agraria.

Comunicacións a Medio Ambiente
Desde Unións están poñendo a disposición dos produtores as follas de denuncia e comunicación de danos en cultivos para facilitar o parte e a solicitude de medidas de caza ao Servizo Provincial de Medio Ambiente, de forma que a Administración teña coñecemento directo dos danos, e inste aos Tecores para actuar de acordo co protocolo de prevención de danos pactado.

Trátase de evita a repetición de danos catastróficos ocurridas en campañas anteriores, onde os estragos superaron o 20% das superficies cultivadas en moitas parroquias, co conseguinte aumento de custes e perda de rendemento das producións, segundo sinala a organización agraria.

“Hai que destacar que na comarca do Deza cultívanse unhas 5.000 hectáreas de millo forraxeiro, nas que que os danos do xabaril poden supoñer máis de 1.500 euros de perda por hectárea afectada, sen que existan fondos de compensación nin axudas públicas para os produtores, as cales se convocaron por última vez nas campañas do 2009 e 2016”, lembra Unións Agrarias en nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información