Unións acusa a Lactalis de impoñer a renuncia ó contrato anual

A organización agraria considera que as prácticas da firma gala vulneran a lexislación vixente

Unións acusa a Lactalis de impoñer a renuncia ó contrato anual

Extracto da folla de renuncia que Lactalis lle traslada ós gandeiros.

A lexislación sobre contratos de compra venda do leite obriga ás industrias a presentarlle por escrito ós gandeiros unha oferta de contrato anual. Lactalis así o fai, pero Unións Agrarias acusa á firma gala de acompañar esa oferta doutra folla na que se explicita a renuncia do gandeiro a asinar o contrato. “No caso de non asinar esa renuncia, Lactalis cancelaría a recollida do leite, co cal deixaría ó gandeiro nun carreiro sen saída”, critica a organización agraria.

Unións considera que a firma gala sobresae na estratexia de impoñerlle ós gandeiros a renuncia ó contrato anual, se ben advirte de que se trata dunha práctica xeralizada de todas as empresas. A organización agraria insta á Administración galega a tomar medidas e a convocar unha reunión de todo o sector, como xa lle solicitaron de xeito reiterado nas últimas semanas as distintas organizacións do agro. Esta mesma semana, a Organización de Productores de Leche (OPL) realizou unha concentración ante a Xunta na demanda tamén de accións por parte do Goberno galego.

En canto a Lactalis, Unións insta á industria a dar unha resposta sobre o problema que denuncia, xa que considera que a firma gala está a vulnerar a lexislación vixente ó obrigar ós gandeiros a renunciar ó contrato anual que lles presenta.

Proposta de contrato de Lactalis
O contrato anual que Lactalis lle oferta ás explotacións inclúe un prezo base para abril que iría cambiando ó longo do ano en función da variación dos prezos en orixe que o Ministerio publica para Galicia, segundo a información que manexa Unións Agrarias. É un sistema co que tampouco está de acordo o sector, que aposta por indexar ós contratos ós índices acordados pola Inteprofesional Láctea, que se elaboran en función de diferentes datos de mercado (prezos en orixe nos países veciños, prezos dos produtos lácteos industriais, evolución dos custos de produción, etc.).

O sistema proposto por Lactalis é en boa medida autorreferencial, xa que a firma gala é a principal empresa de recollida de leite en Galicia, co cal, referencia en parte a evolución do que lle paga ó gandeiro ó longo do ano ós pagos que ela mesma fai con anterioridade, unha práctica discutible.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información