“Unha hora máis de descanso da vaca son dous litros de leite máis por muxidura”

Isabel Blanco Penedo é investigadora da Universidade de Ciencias da Agricultura de Suecia e defende a relación directa entre o benestar animal e a saúde do gando e como isto afecta á rendibilidade das explotacións

“Unha hora máis de descanso da vaca son dous litros de leite máis por muxidura”

Natural da comarca do Deza, Isabel Blanco Penedo non deixou de moverse desde que rematou a carreira de Veterinaria, con estancias en Alemania, EEUU ou Reino Unido. Hoxe é investigadora da Swedish University of Agricultural Sciences. Recentemente analizou en Lugo, nunha xornada técnica sobre produción de leite ecolóxico, a relación que existe entre a saúde do gando e aspectos como a produción ou o medio ambiente.

“O benestar animal está no centro dos tres piares fundamentais da sustentabilidade dunha explotación, pois ten relación directa coa economía, co benestar social e co aspecto ambiental”, asegura. “É difícil demostrar que o benestar animal xera máis beneficios, pero si que é facilmente demostrable que cando non hai benestar animal xéranse máis custos e, polo tanto, redúcese a rendibilidade da nosa explotación”, argumenta.

Un factor clave para lograr un maior benestar do gando é sen dúbida o seu descanso. Da vida diaria da vaca, máis da metade do tempo pásao descansando (entre 12 e 14 horas), fronte ás 6-7 que pasa rumiando, as 4-5 que bota inxerindo alimento en até 19 tomas distintas ou as 2-3 horas que pasa interactuando e relacionándose coas outras vacas.

“Hoxe sabemos que as vacas que máis producen non son as que máis comen, senón as que máis descansan”

“Hoxe sabemos que as vacas que máis producen non son as que máis comen, senón as que máis descansan”, asegura Isabel, que cuantifica esta relación: “Por diversos estudos sabemos que unha hora máis de descanso ao día equivale dous litros máis de leite por cada muxidura”, di.

Entre cos efectos beneficiosos do descanso nas vacas está unha maior irrigación no ubre e, polo tanto, maior produción de leite, maior salibación e, polo tanto, maior actividade do rumen, e maior alivio dos pés e das articulacións.

Isabel asegura ademais que “é moi importante deseñar as instalacións pensando no descanso e no confort dos animais” e pon o foco sobre dous elementos: o chan por onde camiñan as vacas e os cubículos onde descansan. “O chan é tremendamente importante porque as vacas teñen unha memoria de tres anos e se o chan é esvaradío e unha vaca cae no corredor de alimentación unha vez irá moito menos por alí”, indica.

Ademais de non esvarar, di, “hai que tentar reducir a humidade do chan polo efecto negativo que isto ten sobre o número de coxeiras, dado que en chans húmidos hai máis coxeiras”, conta.

Desaxuste entre o tamaño da vaca e o do cubículo

En canto aos cubículos, defendeu que “a cama ten que estar seca e ser cómoda e o seu deseño debe ser o axeitado para evitar golpes e lesións”. Neste sentido puxo enriba da mesa o feito de que nos últimos anos “a evolución xenética nas granxas fixo que o tamaño das vacas fose aumentando e producíndose un paulatino desaxuste entre o tamaño dos cubículos e o das vacas, sobre todo naquelas instalacións máis antigas”, describe.

Nas explotacións pasou un pouco o mesmo que aconteceu co tamaño dos vehículos e as dimensións das prazas de estacionamento nos aparcadoiros antigos. Non se aventurou a dar unha medida ideal de cubículo porque este variaría en cada explotación en función do tamaño medio das súas vacas, por iso recomendou que “para dimensionar ben o tamaño do cubículo habería que medir as vacas e adaptar o cubículo ao tamaño medio das vacas que teñamos”, dixo.

Os animais sans producen menos gases de efecto invernadoiro que os enfermos

Isabel Blanco Penedo durante a súa intervención nas xornadas técnicas celebradas en Lugo

Isabel Blanco Penedo durante a súa intervención nas xornadas técnicas celebradas en Lugo

“A gandería pode ser sostible ambientalmente”, asegura, e pon o foco nun manexo axeitado da superficie agraria da explotación, co que se logrará que o chan secuestre carbono e tamén que estea san. “Un chan san favorece que haxa animais sans e os animais sans producen menos gases de efecto invernadoiro que os enfermos”, relata.

“Hai outros sectores que producen moitas máis emisións, pero sen embargo ponse moito o foco sobre a gandería”, quéixase esta investigadora, que evidencia que “a pegada de carbono da gandería ecolóxica é menor que a convencional pola eficiencia de captación de carbono e, polo tanto, nunha avalación integradora, o seu impacto sobre o cambio climático é moito menor”.

Desde a súa experiencia en Suecia, onde hai ganderías ecolóxicas desde hai máis de 60 anos, Isabel asegura que “para que a agricultura ecolóxica siga medrando é fundamental a colaboración coa cadea alimentaria porque é necesario que o consumidor vexa claramente que hai seguridade alimentaria nos produtos ecolóxicos”. Tamén, dixo, “que os gandeiros perciban que hai un prezo que é xusto”.

Mellores produtores

Vacas volvendo do pasto nunha gandería ecolóxica do concello da Pastoriza. A saída ao prado reduce as coxeiras

Vacas volvendo do pasto nunha gandería ecolóxica do concello da Pastoriza. A saída ao prado reduce as coxeiras

“Os animais sans son moito máis eficientes á hora de aproveitar os recursos e transformalos en leite” e, polo tanto, máis rendibles, asegura. E compara: “Nós, os humanos, cando estamos enfermos producimos menos. Se por exemplo nos doe un cóbado, traballamos peor. Pois os animais igual. As vacas coxas son animais moi expostos a unha dor moi continuada, polo que de xeito consciente reducen a súa mobilidade, comen menos e producen menos”, argumenta.

Con datos de distintos estudos na man, explicou que “unha coxeira subclínica, ás que moitas veces non se dá importancia nas explotacións, está demostrado que ten un impacto negativo de 600 euros anuais nese animal pola merma da súa produción”.

Unha vaca coxa ten un impacto sobre a produción de 600 euros ao ano

“En Europa temos uns índices de vacas coxas situados en niveis altos en gandería convencional, próximos nalgúns casos ás cifras que se dan en EEUU, onde a media de coxeiras se achega e mesmo supera o 50% do rabaño”, describe. A cifra é moito menor en ecolóxico, relacionado directamente co feito de que as vacas saen a pacer.

En relación ao pastoreo, defendeu o beneficio de traballar con sistemas silvopastorís, polos que se está a apostar decididamente en países de América Latina e de Asia. Ademais das vantaxes sobre a biodiversidade ou o control de incendios, produce beneficios na propia cabana gandeira. “É moi positivo para os propios animais que haxa varios estratos vexetais con distintos tipos de alimento, porque, ao tempo que se entreteñen, fai que as vacas non se aburran da comida e coman máis”, argumentou.

Vixiar os animais durante a recría

Isabel Blanco indicou que a nivel de enfermidades infeccionsas hai dous momentos nos que se debe prestar especial atención. Un deles atópase no entorno do parto e o gandeiro normalmente é consciente desta vulnerabilidade e teno en conta no manexo.

Pero hai outro momento crítico ao que non sempre se lle presta a atención debida, o da recría. “O 80% das enfermidades infecciosas danse durante a etapa da cría e recría, por iso é moi importante coidar esta etapa. Hai que ter os animais vixiados, non serve telos apartados nunha nave ou nun prado”, dixo.

Incidiu ademais en que “os momentos de separar as vacas e cambialas, por exemplo do lote de produción ao de secas, xera moito estres aos animais”. Do mesmo xeito, relatou que “cando temos un mal manexo hai vacas que acaban tendo medo crónico e hai estudos que viron que se producía unha redución de máis de dous litros de leite en cada vaca por muxidura cando os gandeiros lles berraban”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información