Un total de 66 gandeiros galegos terán que pagar 4,4 millóns de supertaxa láctea

Trátase da última multa da Unión Europea por sobreprodución. No conxunto de España a supertaxa láctea afectará a 138 gandeiros por un importe total de 10,5 millóns de euros.

Un total de 66 gandeiros galegos terán que pagar 4,4 millóns de supertaxa láctea

Vacas nun prado

Un total de 66 explotacións lácteas galegas terán que pagar 4.465.247 € de multa por superar a súa cota na campaña pasada, que finalizou o pasado 31 de marzo. A media por sanción en Galicia é de 66.520 euros.

No conxunto do Estado a supertaxa láctea da UE correspondente á última campaña con cotas afectou a 138 gandeiros que terán que pagar 10,44 millóns de euros de multa, cunha media por explotación de 75.660 €.

Así se desprende dos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, que acaba de facer públicos os datos finais do último período de taxa láctea, tras realizar as análises e depuracións das declaracións anuais de entregas e a xestión dos transvasamentos de cota.

Inicialmente, cos datos provisionais dos que dispoñía o FEGA, a supertaxa láctea ascendía afectaba a uns 150 gandeiros por un importe de 11 millóns de euros e estimábase que en Galicia afectaría a unhas 100 explotacións por un importe que roldaría os 6 millóns de euros.

Realizando unha análise dos datos obsérvase que o 47% dos gandeiros de España que terán que pagar supertaxa láctea son galegos, que pagarán á súa vez o 42% da multa do conxunto do Estado.

SUPERTAXA_2015

Dende o Ministerio destacan que só terán que pagar supertaxa o 0,78% do total dos gandeiros que teñen entregas declaradas. Polo tanto, só terán liquidación aqueles gandeiros que excederon considerablemente a súa cantidade de referencia individual.

En concreto, no período finalizado o pasado 31 de marzo, superouse a cantidade de referencia nacional de 37.500 toneladas, o que vai dar lugar a unha liquidación da taxa láctea por un importe inferior aos 10,5 millóns de euros.

Pagamento graduado da supertaxa

Por outra parte, o Ministerio destaca que o pagamento da supertaxa se poderá realizar de forma graduada en tres prazos sen intereses. O primeiro deles ata o 30 de setembro de 2015, co pagamento de polo menos un terzo do total. O segundo prazo ata o 30 de setembro de 2016, co pagamento tamén de polo menos un terzo do total e o terceiro prazo ata o 30 de setembro de 2017 co último terzo do total.

O pagamento da taxa efectuarase polos compradores e polos gandeiros de venda directa. No caso dos compradores, deberán repercutir aos produtores as cantidades nas mesmas porcentaxes nas que fixesen os pagamentos.

O pagamento graduado considérase como un dereito do gandeiro, non como unha obriga, polo que se non queren acollerse a esta posibilidade abonda con manifestar a súa vontade en contra, ou ben facer o pagamento da cantidade debida dunha soa vez antes do 30 de setembro de 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información