Un novo método duplica a detección de fasciolose bovina

Parasitólogos galegos perfeccionan o diagnóstico desta enfermidade que afecta ao 20% do gando bovino, provocando importantes perdas económicas. Piden que a Xunta cambie o seu método de diagnóstico por este novo

Un novo método duplica a detección de fasciolose bovina

Kit co novo método de detección

Un grupo de investigadores galegos desenvolveron un novo método que mellora notablemente o diagnóstico da fasciolose, unha enfermidade parasitaria do fígado que afecta o gando bovino, causando importantes perdas económicas. E é que, mesmo nos estadios iniciais da enfermidade, produce perdas de produción de leite, de crecemento e problemas de infertilidade.

Así, segundo os expertos en Galicia a fasciolose afecta en torno ao 20% dos bovinos, principalmente vacas e ovellas que pacen no exterior, e ata o 60% dos rabaños. Esta enfermidade tamén afecta os humanos, e calcúlase que uns 17 millóns de persoas en todo o mundo, principalmente en Asia e Latinoamérica, padecen fasciolose.

Empregando mostras fecais, o novo método consiste nun test ELISA amplificado, que combina anticorpos monoclonais e policlonais e que detecta minúsculas cantidades das encimas dixestivas (catepsinas) que liberan os parasitos nas vías biliares mentres se alimentan.

O novo método mellora a detección en fases temperás

Aínda que existen tratamentos antihelmínticos “con medicamentos que tratan a infección por vermes”, o seu uso incontrolado provocou a proliferación de cepas resistentes que poñen en cuestión a súa eficacia a curto e medio prazo. Os investigadores galegos esperan que o novo método permita agora un mellor control da enfermidade xa que posibilita a detección de animais con parasitacións baixas pero que seguen contaminando os pastos. Servirá tamén para valorar a eficacia dos tratamentos fornecidos co fin de impedir a dispersión de cepas resistentes.

Ademais, “a súa alta sensibilidade permite percibir o parasito en fases temperás da doenza, co que se consegue mellorar de maneira significativa os procedementos que existen na actualidade para o seu diagnóstico”, matiza Florencio Martínez, un dos coordinadores da investigación.

O método utilizado actualmente é por detección de ovos de parasitos de fasciola en feces, o que, segundo os expertos “non chega a detectar nin un 50% dos animais infectados, sobre todo en gando vacún con baixo nivel de parasitos”. Pola contra, co novo método, máis sensible aos estados iniciais da enfermidade, poderíanse detectar ata case o 100% dos animais infectados.

Piden que o novo método sexa autorizado pola Xunta

Por iso, os autores da investigación piden que este novo método sexa instaurado pola Xunta de Galicia como proba oficial para a detección da fasciolose en Galicia.

Os compoñentes principais do test prodúcense e ensámblanse na Universidade de Santiago de Compostela, e posteriormente a empresa belga BIO X Diagnostics comercialízao. Ademais deste test para detectar antíxenos parasitarios nas súas propias feces, os mesmos investigadores desenvolveron outros métodos para a detección de anticorpos no soro de pacientes ou en animais así como para o diagnóstico inmunolóxico de enfermidades causadas por outros helmintos como Trichinella ou Anisakis.

Recomendacións aos gandeiros para evitar a fasciolose

A fasciolose é unha enfermidade parisataria do fígado por unha especie de vermes (fasciolas). O animal que actúa de vector desta enfermidade adoitan ser os carafio de auga. Neste sentido, recoméndase ao gandeiro valar as zonas de risco -principalmente humidais e zonas encharcadas- e evitar que os animais beban en canles naturais.

Investigadores que desenvolveron este novo método

Este método de detección máis perfeccionado foi desenvolvido por investigadores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (INGACAL), coordinados polos investigadores Florencio Martínez Ubeira e Mercedes Mezo Menéndez, respectivamente.

O traballo, cuxa primeira asinante é Victoria Martínez-Sernández, da USC, acaba de ser publicado na revista PLOS Neglected Tropical Diseases, unha das máis importantes polo seu índice de impacto no campo da parasitoloxía, e foi financiado en parte por proxectos concedidos polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información