Un galego xestionando unha das maiores ganderías de vacún de leite de Nova Zelandia

Fernando, “Ferreiro”, de Bama (Touro) é un galego que dende hai anos se ocupa de formar ao persoal e establecer protocolos de traballo en Canterbury Pampas Ltd, unha das maiores ganderías de Nova Zelanda, con algo máis de 6.000 vacas en muxido. Explícanos como traballan

Un galego xestionando unha das maiores ganderías de vacún de leite de Nova Zelandia

Fernando medindo o pasto

Fernando, “Ferreiro”, de Bama (Touro) é un galego que dende hai anos se ocupa de formar ao persoal e establecer protocolos de traballo en Canterbury Pampas Ltd, unha das maiores ganderías de Nova Zelanda, con algo máis de 6.000 vacas en muxido. Nesta entrevista explícanos como é a produción de leite en Nova Zelandia e as leccións que pode tirar Galicia.

¿De onde xorde o teu interese pola gandería?
Se son honesto, eu non teño interese pola gandería, só pretendo gañar un soldo acorde á miña produtividade para lograr unha determinada calidade de vida. Traballo nisto porque na miña casa, na parroquia de Bama, no concello coruñés de Touro, sempre houbo e hai vacas e vivíase e viven delas.  E o entorno levoume a traballar nisto.

Ao finalizar os estudios estiven traballando noutros sectores, e nun momento determinado decidín traballar na explotación dos meus pais, e ahi empezou todo. Cada vez sentía máis curiosidade por todo o que englobaba o sector.  Intentaba absorber toda a información posible (revistas, charlas, cursos…etc). Acórdome que bombardeaba de preguntas aos técnicos, que moito me axudaron e aos que lles mando un saúdo.

¿Como acabas traballando en Nova Zelandia?
Todo isto foi por curiosidade por ter ganas de coñecer e de aprender. Sempre se escoitaba falar de que determinados países facían mellor as cousas que nós  os galegos, e fun ver se iso era certo. Todo empezou cunha oferta de traballo que me levou a Irlanda e de ahi a coñecer o Reino Unido e algún outro país de Europa. E agora Nova Zelandia.

Explícanos un pouco como é o traballo que realizas e como é a granxa na que traballas.
Canterbury Pampas Ltd é unha empresa  que está formada por 5 granxas distribuídas por todo o largo da illa sur de Nova Zelandia.  En total, moxen máis de 6000 vacas. Para dicilo dun xeito rápido: basicamente ocúpome de establecer protocolos de traballo e de entrenamento e incorporación de persoal na granxa. Por exemplo, de como sacar as vacas dunha pradeira e levalas á sala de espera para seren muxidas, pois medimos o tempo en chegar da pradeira a sala; a velocidade de avance do gando, mídese o pasto residual (pasto que deixaron as vacas sen comer)  e planéase o novo pasto a comer, facer o chequeo de bebedeiros e  da potencia do pastor, etc. Pois todo isto, aínda que pareza mentira, ten uns procesos para facelo e uns tempos establecidos.

O obxectivo é ser máis eficientes no traballo para manexar máis litros de leite por persoa. Neste momento estamos en cerca dos 8000 litros diarios por persoa presente traballando.

¿Que importancia ten o sector lácteo en Nova Zelandia?
Nova Zelandia produce  case 21 millóns de toneladas de leite e este ano cóntase cun incremento do 5%. Das vacas neozelandesas sae case o 5% do leite mundial e o país produce o 17% dos produtos lácteos comercializados internacionalmente (a cooperativa Fonterra produce 49% do leite enteiro en pó do mundo).

Ademais, é de destacar que Nova Zelandia exporta o 95% da súa produción, principalmente a China, Xapón, Estados Unidos e Unión Europea. O sector lácteo representa o 40% das exportacións do país. En determinadas condados de Nova Zelandia o sector lácteo (granxas e industria) ocupa ao 22% da poboación activa, cunha media do 12% en todo o país.

Todo este leite prodúceno 5 millóns de vacas repartidas en 11.900 ganderías e cunha media de  1.800.000 litros anuais por granxa.

Todo este ouro branco é recollido pola cooperativa Fonterra, (que copa o 85% do leite recollido) e por outras industrias como Synlait, OCD, Westland,  Miraca, Oceania e Tatua. O leite é transformado maioritariamente en produtos industriais, como queixos, leites maternizados, leite A2A2 , iogur, xeados, manteiga e sobremesas lácteas.

Sobre todas destaca Fonterra, unha cooperativa que ten 50.000 empregados e que é propiedade de 10000 gandeiros, que teñen que obter 1 acción por cada kilo de sólidos lácteos entregado á fabrica. O valor da acción nestes momentos é de algo máis de 6 dólares neozelandeses.

¿Como están neste momento os prezos do leite en Nova Zelandia e cales son un pouco as previsións para este ano?
A previsión para esta campaña (2018-2019) vai a ser un 5% máis de produción de leite  comparada coa campaña anterior.  En Nova Zelandia o leite págase por kilo de materia seca (sólidos), non se premian os litros. Sen embargo, para cobrar o prezo máximo exíxense unha serie de calidades: bacteroloxia cfu/ml < 10000, termoduricos cfu/ml < 1500, coliformes cfu/ml < 300, RCS < 150000, Inhibidores IU/ml <0,003 IU, costros < 1, 35 gramos por litro e auga <=  a -0.513  do punto de conxelación. Sácanse mostras aleatorias e obrigatorias  3 veces por semana e que son analizadas na  cooperativa e, a maiores, sácanse mostras outras 2  veces ao ano para analizar as aflatoxinas que teñen que quedar por debaixo de 20 ppt.

Se falamos de graxa e proteína é moi variable durante a época do ano, xa que a produción é estacional, pero de media está en 3,9 % de proteína e 5% de graxa. No caso de Pampas Ltd estamos agora mesmo en 5,02 % de proteína e 6,24 %de graxa.

En canto ao prezo do leite temos que falar do Kg de materia seca do leite que está nos 6,60$ neozelandeses; é dicir, uns 3,96 € por Kg de sólidos.

O futuro ninguén o sabe, pero fálase de que medrará a un ritmo do 5% en produción de sólidos e o prezo empezará en setembro (nova campaña) nos 7,25$ Nz

¿Como establecen o prezo do leite nese país?
O prezo do leite de NZ  fíxase determinando os ingresos que obtería Fonterra se o equivalente de toda o leite que  recolle se convertira en especificacións de produto: leite en po enteiro,  leite en po desnatado, subprodutos como BMP e HMA. Os prezos dos produtos de referencia reflíctense no Global Dairy Trade (GDT) cada 2 semanas no mes.

E pola outra parte,  dedúcense os custes  que proveñen dos custes reais da actividade de Fonterra ( transporte do leite de granxa á fabrica, fabricación dos produtos de referencia de produtos básicos, custe de transporte ao punto de exportación, gastos de venda e administración, dedución por depreciación de activos fixos e un retorno por investimento de capital). E o saldo resultante comprende a cantidade a pagar a accionistas e aos socios empresarios/gandeiros en $/Kg de sólidos  recollidos.

O modelo neozelandés ponse a cotío como exemplo a nivel internacional de produción de leite a baixo a custe. ¿Realmente son tan baixos os custos de produción?
Presumen de ter os custes de produción máis baixos dos países consolidados como produtores de leite e só a India produce mais barato, pero seguen a mellorar para ser máis competitivos.  Neste momento os custes están nos 3$ por kilo de sólidos de beneficio bruto calculado antes da dedución dos gastos financeiros.

 “A clave da eficiencia de Noza Zelanda en producir leite é o seu manexo do pasto”

As vantaxes que  teñen son: clima como o de Galicia, sobre todo na illa sur; todo o terreo xunto, con fincas de centos de hectáreas e coa sala de muxido no centro da finca; regadío con auga suficiente para regar toda a primavera e verán e parte do outono e sen  moito custe e están especializados na técnica pastoril de coincidir a curva de lactación da vaca coa curva de crecemento da herba, para o que fan concentración de partos. A clave da súa eficiencia é o manexo do pasto.

¿Como é a ración e o manexo do gando vacún de leite en Nova Zelanda ao longo do ano?
Non hay ración  TMR,  non hai carros mezcladores directamente, ou polo menos eu aínda non os vin.  As vacas aliméntanse directamente  nos pastos e están todo ano á intemperie, polo que non hai cuadras e o único pendello que hai son as salas de muxido e para gardar os xatos. As vacas van do pasto á sala e da sala o pasto. O pasto soe ser de raygrass inglés e trevo branco, e nas épocas de inverno e final de lactación, secas e principio de lactación poden pacer remolacha e kell, co seu cambio de minerais correcto, que se aplica na auga de bebida.

 “Nas granxas nin se ensila nin se dá penso”

O manexo dos animais baséase no rendemento do pasto, de forma que canto máis pasto en cantidade e calidade máis sólidos por hectárea. É dicir, canto máis pasto sexamos capaces de producir máis vacas poderemos meter por hectárea e menos insumos consumiremos. De feito, nas granxas nin se ensila nin se dá penso. O  silo de herba é considerado un custe moi alto polo rendemento que crea.

En Pampas Ltd estamos cunha carga gandeira de 4,2 vacas por hectárea ao principio de lactación e de 3,5 cando secamos. Non se suplementa nada, nin forraxes ni penso. As xovencas vanse para outra granxa onde se levan con 1 mes e tráense cun mes antes do parto, dous anos despois aproximadamente.

¿Que razas empregan e que destacarías das mesmas?
As razas máis empregadas son as Kiwicross e as Frisoas Nezelandesas e Jersey. Todo o seme é seleccionado en LIC,  unha cooperativa de máis de 11000 socios e onde contan cun centro de testaxe dos touros e fan o control leiteiro entre outras cousas.

 “As kiwicross son máquinas de transformar herba en sólidos”

En todo caso, a raza máis utilizada, con cerca do 70% da cabana gandeira, é a kiwicross. Estas son vacas de pouco tamaño e peso (con 450 kg xa é unha vaca moi grande) que teñen moi boa mobilidade, cunha capacidade de inxesta de non máis de 17 kg de materia seca, e que destacan polas boas patas, pola alta fertilidade, empreñan fácil e tamén pairen sen problemas, e porque producen leite con altos sólidos. As kiwicross son máquinas de transformar herba en sólidos.

En canto á frisoa neozelandesa, xa é unha vaca máis grande e máis lenta, cun peso de 550kg, e dá algo máis de leite pero menos sólidos que a kiwicross e dá algo máis de problemas nestes sistemas extensivos, polo que cada vez é menos utilizada en Nova Zelandia.

O numero de partos por vaca é baixo, uns 3,5, e descártanse moitos animais por problemas de patas, así como os animais vellos, lentos andando ou muxindo ou por non empreñar. Os animais ineficientes vanse eliminando segundo se  vai reducindo o pasto.

A produción media de leite por vaca e lactación anda cerca dos 5000 litros de leite, con 400 kg de sólidos por vaca. A xente di que o sistema extensivo dá máis calidade de vida ás vacas, e pola contra duran máis, pero iso merecería un debate sobre que sistema dá máis benestar ás vacas.

¿É un factor limitante o acceso á terra en Nova Zelandia?
A terra sempre é un factor limitante, e neste país máis porque gandeiros, agricultores e viticultores compiten entre eles por acceder a base territorial. Pero os mellores posicionados son os gandeiros, porque ti cando tes unha finca de 500 hectáreas para facer pasto é moi difícil medrar debido ás características técnicas, pois as vacas poden camiñar un número limitado de km ao día.

Os prezos da terra arable móvense cerca dos 50000 $ Nz por hectárea,  pero  depende en que sitio e se é con regadío ou sen el. Normalmente as operacións de compra ou de aluguer son de granxas enteiras ou propiedades. Un elemento importante é que a terra neste país non se pode dividir, leva así desde que chegaron os primeiros colonos británicos.

¿Que cambios está habendo neste momento no sector?
Está habendo un cambio onde se están consolidando aqueles empresarios gandeiros, xente nova con alta capacidade de xestión, que manexan as súas empresas de produción de leite con custes cada vez máis baixos, con  baixo nivel de endebedamento e cunha alta produción de sólidos por hectárea, porque saben que é a única maneira de manexar a volatilidade dos prezos.

¿Como manexan as pradeiras os gandeiros neozelandeses?
As especies que se sementan en pradeiras normalmente dependen das zonas, pero sole ser unha mestura entre raygrases ingleses  nas súas variedades de tetraploides ou diploides, onde poden ser moi precoces ata moi serodias.

Sempre se toma como testemuño o Nui como valor cero. Así, se unha variedade espiga 21 días antes que o Nui é considerada  moi precoz, e se tarda  22 días despois é considerada tardía.

Tamén sementan na mestura trevos brancos de folla ancha mediana ou pequena, e trevos vermellos. Na mestura tamén inclúen festucas e Kikuyo -un raygrás tropical- e tamén Cocksfoot, coñecido en Galicia como a pata de galiña.

“As pradeiras chegan a producir 17 toneladas de  materia seca por hectárea e cunha calidade superior a 1,06 UFL”

As ganderías que fan un bo manexo do pasto e con regadío están sempre por encima das 17 toneladas de  materia seca por hectárea e cunha calidade superior a 1,06 UFL.

O solo ten unha capa de 15 centímetros e a veces menos de cobertura vexetal ou arable. Son solos de textura moi areosa, con moi pouca materia orgánica e por debaixo hai pedra e cantos rodados.

O PH esta sempre entorno ao 6. Faise un solo abonado de fósforo e potasa ao ano. As doses son moi variables por finca, sempre dependendo das  analíticas de terra e do que permita a lexislación.  No tema  do nitróxeno estamos limitados  a 220 unidades de nitróxeno por hectárea ao ano.  O ideal é que o pasto teña entre 1 e 1,5 kilo de N ao dia para o crecemento da herba. A pradeira renóvase unicamente cando non rende as toneladas esperadas.

Pola contra, ¿En que aspectos consideras que habería que mellorar ou que feblezas detectas no sector en Nova Zelandia?
Todo é mellorable pero para min a prioridade máis importante é que cun mellor manexo dos animais dariamos mellorado a cantidade de sólidos producidos por vaca e incluso a súa vida produtiva. Creo que se centran moito no pasto e a vaca déixana un pouco de lado,

¿Cales son as principais preocupacións dos gandeiros neozelandeses neste momento?
As preocupacións máis grandes dun gandeiro son os efectos que crean sobre o medio ambiente e a preocupación de como son producidos os seus produtos. Tamén teñen temor polas tecnoloxías disruptivas (leites de soia,  coco, avea, iogures sen leite, etc) e preocúpalles a falta de man de obra, de forma que cada vez máis teñen que recorrer a xente doutros países.

¿Son atractivas as condicións laborais en canto a salario e horarios?
Os salarios son moi competitivos e as condicións son moi boas. O salario básico está nos 1800 € ao mes para persoal en proceso de entrenamento. Os soldos dos managers son moi altos, dependen da produtividade, pero como mínimo están nos 4800 euros, fóra de impostos. Os salarios son altos, pero a exixencia tamén é moi elevada.

¿Está entrando a robótica con forza no sector, tamén no muxido?
Sempre é atractivo para o gandeiro o muxido robotizado, como non, pois a priori pensa nas múltiples vantaxes do robot. O problema é que de momento non hai robots que traian as vacas do pasto ao robot de muxido. Pero si que algún estase instalando, de feito aquí ao lado hai unha granxa que ten 24 robots. Pero a opción que máis está gustando son as salas rotativas robotizadas.

Así é a granxa na que traballa Fernando:

¿Quen lle ofrece asesoramento aos gandeiros?
Cada granxa pode ter consultores ou servizos veterinarios privados. Pero normalmente varias granxas contratan en conxunto especialistas en determinadas áreas  para que lles axuden a ser  máis produtivas e só traballan para esas granxas.

“O asesoramento das granxas é independente, faino Dairy Nz, e é pagado polos gandeiros”

Pero o asesoramento normalmente procede de Dairy Nz, unha organización independente sen fins de lucro e sen intereses comerciais, que está dedicada a investigar e desarrollar ferramentas de extensión. Esta organización  está financiada polas granxas con 0.036$ NZ por kilo de sólidos vendidos. Fan actividades como centros de discusión de grupos de granxas ou dan clases para os empregados que traballan nas granxas, ou ofrecen masters xunto a Universidade de Hamilton. É todo un circulo aprendizaxe continua.

¿Hai relevo xeracional nas ganderías?
Non porque aquí comprar e vender granxas ou arrendalas é cousa normal. Os que se dedican a producir leite normalmente son particulares ou empresas que compran as propiedades ou as alugan e poñen a traballar a outras persoas. Cada vez hai menos tradición de ser gandeiro e o que hai máis son propietarios duns determinados recursos que son explotados total ou parcialmente por outra persoa ou empresa mediante un contrato. A isto chámaselle Sharemilker ou tamén Contractmilker.

“A percepción da sociedade neozelandesa é que sen sector lácteo non hai país”

A percepción da sociedade é que sen sector lácteo non hai país, porque crea riqueza económica, paisaxística, cultural,  medioambiental, e turística. Saben que os seus produtos son vendidos no mundo enteiro coa percepción de que proveñen dun medio ambiente limpo e verde, 100% pure New Zeland

Coa perspectiva que che da ter traballado en ganderías de vacún de leite de varios países ¿Como ves a situación do sector lácteo galego? ¿Como podemos ser competitivos?
Primeiro dicir que os gandeiros galegos e a xente que traballan con eles son realmente os meus ídolos, porque o que ocorre en Galicia se  pasa noutro lado non había sector, estou totalmente seguro. A única vantaxe e a máis importante que teñen neste mercado tan agresivo e competitivo é a súa tenacidade e actitude por mellorar. Son os mellores con diferencia.

“Os gandeiros galegos como gandeiros son supercompetitivos, cos recursos que teñen fan cousas incribles”

Os gandeiros galegos como gandeiros son supercompetitivos, cos recursos que teñen fan cousas incribles. Os que son uns incompetentes e ineficientes son a administración, con políticas nulas e sen ideas para mellorar o sector lácteo.

Os segundos culpables son os sindicatos que levan influíndo no sector para sacar o seu beneficio e nunca o dos gandeiros.  En terceiro lugar coloco as cooperativas que seguen sendo os niños dos novos caciques que agora se agrupan para facer oligopolios de venda de penso, pero non pensan en mellorar as políticas de  vendas, de creación de novos produtos e na busca de novos mercados.

“O problema real do sector galego é que non hai un plan estratéxico”

En cuarto lugar está a industria que está no seu paraíso: manexan 7millóns de toneladas de leite en toda España sabendo que se consumen 9 millóns de toneladas e, claro, chégalles con metela nun brick e xa ganan suficiente. O real problema do sector é que non hai un plan estratéxico que una as diferentes partes do sector e se vaia nunha dirección.  Suiza teno,  Irlanda, Holanda, Alemania,  Canada, USA, Italia, Reino Unido, Arabia Saudi, Nova Zelanda….etc téñeno.

A mellor ferramenta para ser máis eficiente é saber que tes apoio e que o teu leite vai ser vendido no mercado con produtos de alto valor engadido. Se isto non vai unido aos resultados técnicos dunha explotación, as granxas acabarán por iren desaparecendo, pouco a pouco. Por moi bo granxeiro que sexas, porque estes países que nomeei van a por todas e sen piedade. Mirade pa Irlanda por exemplo.

¿Que plans tes para os próximos anos a nivel laboral?
Intentar aprender o máximo posible deste sector. O futuro e o que pasará non o sei.

¿Algo máis que queiras engadir?
Só dicir que o sector lácteo en Nova Zelanda é un conxunto de chanzos moi ben unidos para lograr un obxectivo común, non solo para o sector, senón para toda a sociedade neozelandesa. FONTERRA non solo vende produtos lácteos, senón que vende sensacións: sustentabilidade, medio ambiente, paisaxes, vacas felices…etc. É unha marca recoñecida mundialmente, fan marca, fan país, diferéncianse.

O vacún de leite de Nova Zelandia en fotos:

NOVA ZELANDA PASTOREO 1 NOVA ZELANDA PASTOREO 2 NOVA ZELANDA MUXIDO 1 NOVA ZELANDA MUXIDO 2 NOVA ZELANDA REMOLACHA 1 NOVA ZELANDA PASTOREO 3 NOVA ZELANDA KELL 2 NOVA ZELANDA KELL 3 NOVA ZELANDA TREVO 1 NOVA ZELANDA GRANXA PLANO 3 NOVA ZELANDA GRANXA PLANO 2 NOVA ZELANDA GRANXA PLANO 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información