Un galego á fronte dunha das maiores granxas de vacún de leite de Arabia Saudita

Entrevistamos a Martín Prieto Rodríguez, un dos responsables do equipo veterinario de Almarai, unha das maiores industrias alimentarias en Oriente Medio. Conta con 6 explotacións que suman 180.000 cabezas de gando, das que unhas 100.000 son vacas en muxido

Un galego á fronte dunha das maiores granxas de vacún de leite de Arabia Saudita

Martín Prieto Rodríguez, un dos responsables do equipo veterinario de Almarai,

Entrevistamos a Martín Prieto Rodríguez, un galego que é responsable do equipo veterinario de Almarai, unha das maiores industrias alimentarias en Arabia Saudita. Conta con 6 explotacións que suman 180.000 cabezas de gando, das que unhas 100.000 son vacas en muxido.

¿Que te levou a traballar como responsable veterinario en Arabia Saudita?
Este proxecto presentouse dunha forma accidental. Estando traballando en EEUU, tiña que decidirme entre continuar en Norteamérica ou volver a Europa, e entón xurdiume a oportunidade de traballar na Arabia Saudita. Informeime un pouco sobre a empresa e pareceume unha opción interesante dende o punto de vista profesional e para aquí me viñen.

Traballas en Almarai, unha importante compañía láctea de Oriente Medio. ¿Que datos destacarías desta empresa?
Almarai é unha empresa de capital privado que conta con máis de 40.000 empregados nas súas diferentes liñas de negocio. Ademais de produtos lácteos, Almarai adícase a produción de carne de polo, zumes e bollería industrial, xunto a unha liña de produtos de alimentación infantil. No ano 2017, Almarai tivo uns beneficios de case 500 millóns de euros, dos cales, as granxas de leite aportaron en torno a 80.

Unha característica a salientar é que se considera a empresa do sector leiteiro integrada verticalmente máis grande de oriente medio. Isto permítelle xerar beneficio ao longo de toda a cadea e ter una dependencia mínima dos intermediarios.

“Almarai conta con 6 explotacións que suman 180.000 cabezas de gando”

¿Hai máis empresas lácteas en Arabia Saudita? ¿A canto pode ascender o número de explotacións de vacún de leite e de animais en produción?
Se ben Almarai é a máis grande, existen outras tres empresas similares en canto a filosofía de negocio na Arabia Saudita. Nadec, Nada e Al Safi son empresas moi parecidas que comparten o mesmo nicho de mercado. Cada unha posúe unha explotación de vacas de aproximadamente 20 mil vacas. Os datos oficiais din que pode haber algo máis de 250.000 vacas leiteiras en todo o país, estando a maioría concentradas nesas 4 empresas: Almarai, Nada, Al safi e Nadec, estas dúas recentemente fusionadas dende hai uns meses.

Cóntanos como é a gandería de vacún de leite nas que traballas…
Almarai conta con 6 ganderías diferentes que suman 180.000 cabezas de gando entre vacas adultas e recría. En concreto, posúe dúas explotacións de 25000 vacas, outras dúas de 22000 vacas, unha de 12000 vacas e unha de 4000 vacas. Entre as catro, hai case 100.000 vacas en muxido. Excepto a pequena, todas elas encóntranse nun radio de 40 km na rexión de Al Kharj, a 150 km da capital, Riyadh.

O leite é recollido por camións da propia empresa e levado á planta de procesado, situada na mesma área. Ali o leite envásase ou transfórmase e saen os produtos finais preparados para a súa distribución e venda.

A máis de un pareceralle unha loucura ter granxas de vacún de leite no deserto. É rendible producir leite en Arabia Saudita ou sería imposible sen as axudas públicas?
Esa é a cuestión que máis chama a atención. Se nos baseamos no feito de que as explotacións de leite xeraron en torno a 80 millóns de euros de beneficios no ano 2017, parece que si é rendible.

O realmente importante non son as axudas publicas, que son case inexistentes, senón as políticas de control da importación de lácteos. Deste xeito, o leite pode venderse no supermercado en torno a 1 euro por litro, prezo que é constante e que non flutúa, pois depende de acordos que Almarai ten co goberno saudita. Almarai, como empresa, non pode subir o prezo do leite unilateralmente. Este ten que ser acordado co goberno. De feito, despois de dez anos sen cambio algún, o prezo acaba de incrementarse en torno a 5 céntimos de euro por litro, co fin de compensar os aumentos de custos de produción que se aveciñan.

“Non hai axudas públicas, pero contrólase a importación do lácteos e o prezo de venda ao público acórdase co goberno”

Ao ser Almarai unha empresa de integración vertical, permite que exista un beneficio en todas as etapas de produción: desde a produción en granxa, pasando pola transformación ata a comercialización nos establecementos.

Toda a alimentación do gando tense que importar?
Ata non fai moito, os forraxes eran na maioría producidos no propio país. No norte, a uns 700 km de distancia das explotacións, é onde se cultiva a alfalfa e o millo co que se alimentan as vacas. Nesas terras con regadío, por suposto, sácanse ata 10 cortes de alfalfa por ano e 2 colleitas de silo de millo de altísima calidade.

Sen embargo, e debido ás novas regulacións gobernamentais, no ano 2019 o regadío quedará totalmente prohibido e tanto forraxes como concentrados serán importados. Nestes anos pasados Almarai adquiriu en torno a 30000 Ha de terreo agrícola na Arxentina e nos Estados Unidos que se destinarán a alfalfa, millo e soia.

“Ata agora a forraxe producíase no país, pero dende 2019 quedará prohibido o regadío agrícola e importarase toda a alimentación do gando”

Ademais destas propiedades, alugáronse tamén terreos en países da Europa do este. Con eso espérase satisfacer unha gran parte das necesidades de alimento e quedar menos expostos ao mercado das materias primas.

¿En que medias de produción, número de partos e calidades do leite se moven as vacas en Arabia Saudita?
As vacas son muxidas catro veces ao dia producindo 43.5 litros por vaca e dia, cun 3.6% de graxa. Cando son vendidas, estas levan unha media de de 3.5 partos.

O gando vacún de leite é unha das cabanas máis demandantes de auga doce..¿Non resulta un problema grave nun país desértico?
A auga non foi un problema ata fai pouco. Como xa dixen, o sistema de regadío de cultivos vai ser desconectado en pouco máis dun mes, o que vai incrementar os custos dos forraxes, ademais de ter que usar forraxes de calidades difíciles de igualar con respecto ás producidas localmente.

Con relación ás granxas, a curto prazo, parece que non vai haber limitacións por parte do goberno. Sen embargo, a nivel interno, cada explotación ten un obxectivo de consumo máximo mensual que ten que cumprir obrigatoriamente, co obxectivo de minimizar os consumos.

“De media fanse 4 muxidos e a produción diaria é de 43,5 litros por vaca”

¿Como se xestionan os xurros gandeiros?
O que obtemos é un compost seco. Hai que ter en conta que as temperaturas diarias nunca baixan dos 20 graos polo día, incluso no inverno. Isto, unido ao sistema de limpeza dos establos, permite que os residuos xerados se sequen facilmente no exterior dos establos. Estes, finalmente, son transportados o norte do país, onde están as terras de cultivo e ali utilízanse como abono.

A nivel xenético, ¿Con que razas se traballa en Arabia Saudita, de onde se importa a xenética, e que caracteres se buscan nos animais?
Trabállase con pura raza Holstein. O seme é importado maioritariamente de EEUU. Búscanse vacas que produzan moito leite sen problemas de saúde. Para iso, a produción de leite en primeiro lugar, e os caracteres secundarios en segundo lugar, son os caracteres que mais peso teñen na selección.

Como veterinario, ¿Cales son os principais problemas de saúde aos que te enfrontas nas vacas de Arabia Saudita?
Os problemas das vacas de alta produción son parecidos a calquera parte do mundo. Deste xeito, as mamites e os problemas metabólicos poden considerarse como os grandes retos no noso caso. A clave está en ter datos suficientes e precisos para asi monitorizar e manter os indicadores de rendemento dentro dos obxectivos que nos marcamos.

“O estrés por calor non é unha das nosas grandes preocupacións”

martin_arabia_2

O estrés por calor debería ser un dos principais limitantes da produción. ¿É así? ¿Con que métodos se palía?
Sorprendentemente, nas vacas en concreto, o estrés por calor non é unha das nosas grandes preocupacións e non nos causa maiores problemas. Por exemplo, os datos reprodutivos non empeoran durante o verán, meses nos que se alcanzan a diario máis de 45C.

Nos establos das vacas temos ventiladores-nebulizadores instalados que reducen a temperatura interior e refrixeran as vacas. Ademais, na liña da cornadiza existen aspersores que mollan os animais mentres estes están no comedeiro. Estes sistemas acciónanse cando a temperatura interior alcanza 25 grados. Nese intre, as cortinas laterais báixanse automaticamente e os ventiladores e aspersores comezan a funcionar mantendo a temperatura interior por baixo dos 25 C con humidades relativas do 20-30%. A situación é diferente na recría, onde non temos sistemas de ventilación forzada, e aquí si que se ve unha caída dos parámetros reprodutivos durante os meses mais calorosos.

¿Por que sistemas de muxido apostan en Arabia Saudita: Robots ou salas?
O muxido faise en salas de muxido traseiro con saída rápida de 75×2. Temos unha sala de muxido cada 3600 vacas que traballa en torno a 20 horas ao dia. As 3600 vacas móxense en cinco horas e entón a sala lávase. As vacas móxense cada seis horas.

¿Que fortalezas e que debilidades ves á produción de leite de vaca en Arabia Saudita?
Os principais puntos fortes de Almarai son, por un lado a independencia que ten dos intermediarios (terras, maquinaria e transporte, e plantas propias de transformación e envasado do produto) e o alto poder na negociación con proveedores.

O segundo punto a favor é o potencial de crecemento de consumo de lácteos que existe no país, pois soamente existen unhas 250 mil vacas para unha poboación de 30 millóns de persoas. E o terceiro punto forte, é o proteccionismo para as empresas locais por parte do goberno.

Como punto débil, sen dubida, o incremento dos custes de alimentación a partir do 2019.

Por outra parte, asistimos a un proceso de saudinización das empresas decretado polo goberno -as empresas están obrigadas a ter un % mínimo de saudies contratados-, unha dinámica que é imparable. O futuro do sector dependerá en gran medida do nivel de protección que o goberno árabe lle queira dar á produción local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información