Un ano sen cobrar o leite

Un grupo de explotacións que lle entregan a produción a Lácteos Terra de Montes acumulan impagos de ata un ano. A Fruga demanda a implicación de Medio Rural na busca de solucións

Un ano sen cobrar o leite

Parte das granxas afectadas non poden facer fronte á compra de alimentación externa para os animais.

A Federación Rural Galega (Fruga) volve poñer sobre a mesa un problema que se leva acumulando desde hai meses, sen que aparezan solucións. Lácteos Terra de Montes, un primeiro comprador de leite que opera na comarca da Estrada e na de Santiago, acumula impagos de ata un ano coas súas granxas proveedoras, segundo advirte a Fruga. A organización agraria, igual que xa fixera en agosto, demanda a implicación da Consellería do Medio Rural na busca de solucións.

Os problemas de impagos que afectan ás explotacións repercuten en cuestións como o non poder facerlle fronte ás débedas ou a imposibilidade de adquirir pensos para a alimentación dos animais. “É precisa unha solución rápida, pois do contrario estas granxas están abocadas ó peche”, valora o coordinador de Gandería da Fruga, Elías Somoza, en nota de prensa.

“É precisa unha solución rápida, pois do contrario estas granxas están abocadas ó peche” (Elías Somoza, Fruga)

A organización agraria demanda a implicación da Consellería do Medio Rural. “Se esta fose unha verdadeira lexislatura do rural, como están a dicir, primeiramente terían que solucionar estes problemas para logo demostrar que teñen alternativas ós problemas estruturais do rural”, cuestiona a Fruga.

As explotacións afectadas recibiron nalgúns casos billetes de empréstito e talóns bancarios por parte de Lácteos Terra de Montes, pero cando quixeron proceder o seu cobro, ó chegar a data de vencemento, atopáronse con que a entidade bancaria se negaba a pagalos por non existir fondos nas contas da empresa.

Parte das explotacións recibiron talóns bancarios para os que non había fondos dispoñibles

“Desde a Fruga, xa nos diriximos varias veces á Consellería do Medio Rural, que é a quen realmente lle compete procurar unha solución a este problema, sobre todo nesta lexislatura denominada polo propio presidente da Xunta da Galiza, como a lexislatura do rural. Despois de transcorridos varios días desde a última vez que mantivemos interlocución coa Consellería seguimos esperando a que esta tome as medidas oportunas para as granxas afectadas poder cobrar os cartos que lles adebedan”, sinala a organización agraria.

Problema amplo
Os problemas de impagos de Lácteos Terra de Montes son, a día de hoxe, os máis graves no agro galego, se ben outros primeiros compradores tamén acumulan débedas. Unións Agrarias cifraba recentemente nun total de 200 as explotacións afectadas por impagos de arredor de media ducia de primeiros compradores.

Consultada hai 15 días sobre esta cuestión a Consellería do Medio Rural por parte de Campo Galego, polo de agora non recibimos resposta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información