Ulega reintenta a negociación colectiva do leite

A organización de produtores impulsada por Unións Agrarias, que agrupa a 2.300 gandeiros, crea grupos de negociación por industria con participación directa dos produtores

Ulega reintenta a negociación colectiva do leite

Apertura da xornada de Ulega onte en Lugo, con presencia da alcaldesa, Lara Méndez.

Cando se aveciñaba o fin das cotas, a Unión Europea impulsou unha serie de medidas para reequilibrar a relación entre industrias lácteas e gandeiros. Unha das decisións da UE foi a creación das organizacións de produtores (OPs),coas que buscaba impulsar a negociación colectiva entre as empresas transformadoras e grupos de gandeiros. En Galicia, as OPs fracasaron ata o de agora en todos os seus intentos negociadores coas industrias, pero Ulega, a maior organización de produtores a nivel español, prepárase para reintentalo.

A OP mantivo unha reunión en Lugo para reorganizarse e para analizar as perspectivas de mercado que se aveciñan no sector lácteo. Ulega acordou crear grupos de negociación por industria, a modo de ‘mini-OPs’ dentro da organización. Cada grupo está integrado por granxas suministradoras da empresa coa que se vai negociar e por técnicos de Unións Agrarias, impulsora da OP.

“As empresas ata o de agora non estaban abertas a sentarse a negociar, cun claro consentemento das Administracións” (Roberto García, Unións)

“As organizacións de produtores naceron para ser un instrumento de negociación e ese é o sentido que teñen que ter” -valora o secretario xeral de Unións, Roberto García-. “Ata o de agora, non foi posible ningunha negociación coas industrias, xa que as empresas non están pola labor de chegar a acordos e ademais, atopámonos con que hai un claro consentemento da Administración a esta situación”, cuestiona.

Ulega reintentará agora as negociacións coas industrias con dous obxectivos claros. Primeiro, a negociación de prezos en base a índices obxectivos de mercado. E segundo, a negociación das condicións contractuais. A OP quere contratos con criterios simétricos de primas e penalizacións, sen descontos arbitrarios. Tamén lle pedirá ás industrias que cumplan coa legalidade vixente, permitindo que un mesmo gandeiro lle entregue o leite a dous compradores.

“Se unha industria aplica penalizacións cando un gandeiro rebasa o tope de produción que lle marca, non ten sentido que non lle permita vender ese leite que produce de máis a un primeiro comprador”, cuestionan desde Ulega.

Marco legal
A maiores da negociación coas industrias, a OP ten unha segunda batalla no marco legal que regula as organizacións de produtores. Para a semana, hai prevista unha reunión do sector lácteo co Ministerio para abordar a situación.

Ulega aspira a que a normativa impida que as industrias lle ofrezan contratos individuais ós gandeiros socios dunha OP

Desde Unións Agrarias insistirán na necesidade de crear a figura dun árbitro, que medie entre industrias e OPs en caso de dificultades na negociación. Tamén espera que se lexisle a imposibilidade de que as industrias ponteen ás OPs. É dicir, que a industria estea obrigada a asinar coa organización de produtores, non podendo ofrecerlle contratos individuais a socios das OPs.

A cuestión é buscar fórmulas para que as organizacións de produtores funcionen en Galicia, onde as dúas OPs creadas, Ulega e Aprolact -montada polas cooperativas-, non lograron ata o de agora ningunha negociación efectiva coas industrias. Se o 60% das OPs que se crearon en Europa lograron unha maior estabilidade e melloras nos prezos e condicións contractuais para os seus gandeiros, por que non vai ser posible en Galicia?, pregúntanse desde o sector.

Xornada de Ulega en Lugo.

Xornada de Ulega en Lugo.

Perspectivas de mercado
A xornada celebrada onte por Ulega en Lugo incluíu unha parte de análise de mercado, a cargo do profesor da Universidade de Santiago Francisco Sineiro. As perspectivas que se debuxaron apuntan a un escenario con incertidumes pero con tendencia á estabilidade no curto prazo.

“Tras a desaparición das cotas e das medidas de regulación do mercado, estamos nun contexto onde dependemos dos mercados internacionais” -resume Roberto García.- “Temos escenarios incertos porque dependemos do nivel de produción en zonas como Nova Zelanda ou Arxentina, variable en función das condicións meteorolóxicas, e de mercados como o chino, que ten comportamentos pouco previsibles”.

En calquera caso, no curto prazo, o contexto apunta a prezos estables en Europa no arco dos 32-34 céntimos, segundo a análise de Ulega. En Galicia, sitúanse na actualidade en 29,9 céntimos. “Estamos moi por baixo do resto de España e de Europa. As grandes industrias manteñen unha situación anormal. Cando os prezos no campo estaban na banda baixa, aproveitaron para asinar contratos a un ano sen sistemas de indexación que puidesen correxir desviacións dos prezos”, sinala Roberto García, que aspira a que Ulega poida renegociar nalgúns casos esas condicións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información