A UE suspende a intervención de leite en po a prezo fixo

A cotización do leite en po toca fondo en Europa e sitúase en 1.400 euros por tonelada, a máis baixa da última década. Os altos stocks acumulados no sistema de intervención público levan ó Consello Europeo a limitar novas compras

A UE suspende a intervención de leite en po a prezo fixo

Leite en po.

Europa ten un problema coa xestión do mercado lácteo para o que non atopa solucións. O fin do sistema de cotas desencadeou un exceso de leite no mercado e un aluvión de vendas de leite en po ó sistema de intervención público. Ese sistema acumula na actualidade arredor de 375.000 toneladas, polo que a UE acordou medidas para non incrementar as ‘montañas’ de leite en po que xa acumula. O Consello Europeo anunciou hoxe que no 2018 non haberá compras de intervención de leite en po a prezo fixo.

A cotización do leite en po está a tocar fondo en Europa, con valores de 1.400 euros por tonelada, os máis baixos da última década. Dado que o prezo fixo de intervención é máis alto (1.698 euros / tonelada), resultaba previsible unha nova avalancha de ofertas en canto se abrise a compra, o 1 de marzo. Para evitalo, o Consello Europeo cancela as compras a prezo fixo -establecidas en 109.000 toneladas anuais- e só haberá compras para intervención a través dun sistema de subasta á baixa, no que a Comisión Europea decidirá as cantidades que merca e a que prezos.

Os problemas que atravesa o leite en po volven a poñer en cuestión a eficacia da autorregulación dos mercados lácteos, pois os axustes entre a oferta e a demanda non se están a producir de xeito áxil e eficaz. Bélxica advirte de que a produción de leite segue aumentando no campo e prevé que a caída dos prezos do leite en po teña repercusións nos prezos das granxas.

Stocks
A delegación belga, que intervén hoxe no Consello de Ministros de Agricultura, demanda solucións estables para o mercado no curto e no medio prazo. Pide tamén que se despexen os stocks de leite en po acumulados desde o 2016 e solicita da Comisión Europea unha aclaración sobre o destino que terán estes stocks. Espérase que o comisario de Agricultura, Phil Hogan, ofreza hoxe explicacións ao respecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información