Tuberculose bovina: Falsos mitos e realidades

A tuberculose bovina segue sendo unha enfermidade rodeada de polémica entre o sector gandeiro debido aos chamados “falsos positivos”. Marta Muñoz Mendoza, xefa da área de Epidemioloxía do Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural, explicou nas últimas xornadas técnicas organizadas por Nestlé en Galicia cales son as claves para entender e previr esta enfermidade

Tuberculose bovina: Falsos mitos e realidades

Realizando a proba da tuberculina nunha vaca

A tuberculose bovina segue sendo un pesadelo para o sector gandeiro, pois pode chegar a implicar a inmobilización da gandería e o temido baleirado sanitario. Arredor desta enfermidade estendéronse nos últimos anos unha serie de rumores que poñen en cuestión a eficacia do sistema público de sanidade animal, dende o estendido “foi un falso positivo, porque as vacas no matadoiro non tiñan lesións” ata culpar exclusivamente á fauna salvaxe da súa propagación.

Para botar luz sobre esta enfermidade e desmontar esta rumoroloxía, a xefa da área de Epideomoloxía do Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural, Marta Muñoz Mendoza, explicou nas últimas xornadas técnicas organizadas por Nestlé en Galicia cales son as claves para entender e previr esta enfermidade. Velaquí un resumo

¿Como se contaxia a tuberculose bovina?

No caso de Galicia, unha das principais vías de entrada da tuberculose bovina segue sendo a chegada de animais procedentes doutras Comunidades Autónomas ou estados, nos que existe unha maior incidencia da enfermidade. Polo tanto, unha das mellores medidas de bioseguridade é favorecer a recría na propia explotación, evitando na medida do posible a entrada de animais externos á explotación.

En canto á evolución da enfermidade, a tuberculose bovina ten o seu principal reservorio nos bóvidos pero tamén afecta ao ser humano e a outros mamíferos como xabaríns ou corzos.

Trátase dunha enfermidade crónica de evolución moi lenta, na que os síntomas poden tardar anos en manifestarse, e que está producida por bacterias incluídas no xénero Mycobacterium.

A vaca enferma de tuberculose pode contaxiar ao resto do rabaño principalmente pola súas secrecións respiratorias (tose, esbirros, mucosidades, mistura coa saliva…), e ten lugar de xeito intermitente.

Tamén pode haber contaxio por vía oral (lambidos, a través da comida ou de pastos contaminados…etc). Pénsase que esta vía é menos frecuente pero algúns traballos recentes plantean que podería ser importante.

Outra vía menos frecuente de contaxio é a través do seme, secreción vaxinal, leite ou ouriños do animal infectado.

Posibles vías de entrada da tuberculose nunha gandería: 

(Fonte: CRESA, Fundación Centre de Recerca en Sanitat Animal)

(Fonte: CRESA, Fundación Centre de Recerca en Sanitat Animal)

¿Son fiables as probas para detectala?

A resposta é si. As probas oficiais que legalmente recolle a normativa e o programa nacional de erradicación da tuberculose bovina son:

-Intradermotuberculinización (IDTB): é a proba da tuberculina. Detecta animais infectados de tuberculose, pola aparición dunha serie de síntomas (grosor, edema, escara….) no punto de inoculación da tuberculina. Non obstante, hai que ter en conta que cando un animal se infecta pola tuberculose o seu organismo desencadea unha resposta inmune de base celular. Como é unha enfermidade moi lenta, o animal pode estar infectado de forma que a tuberculose estea en estado latente, pero tardar anos en desenvolver os síntomas nos pulmóns, ganglios…etc.

A proba do gamma interferon está baseada nos mesmos fundamentos que a proba da intradermotuberculinización pero se realiza a partir dunha mostra de sangue.

-Investigación microbiolóxica de órganos. O cultivo microbiolóxico en laboratorio intenta conseguir o crecemento destas bacterias en condicións artificiais, o que pola súa dificultade non sempre se consigue pese a que o animal estea infectado.

-Probas baseadas na resposta inmune de base humoral (TEST de ELISA). Actualmente non son probas oficiais pero se permite o seu uso puntual, en zonas afectadas por focos de tuberculose, para intentar detectar animais que a tuberculina non detecta.

Por outra banda, outras ferramentas do Programa Nacional son os controis posteriores aos movementos de animais, e as inspeccións de calidade dos equipos de campo.

Paralelamente, os servizos veterinarios dos matadoiros revisan todas as canais dos animais sacrificados de rutina, á busca de lesións compatibles coa tuberculose bovina, completando toda a labor descrita e realizada en campo e en laboratorio.

¿Cales son os países nos que hai máis incidencia desta enfermidade?

Tal e como se observa no seguinte mapa, a principal incidencia e risco da tuberculose bovina rexístrase no Reino Unido, Irlanda e no Sur de España

TUBERCULOSE_CHARLA_NESTLE_2

¿Como é a prevalencia de tuberculose nas diferentes comunidades autónomas?

A prevalencia da tuberculose bovina baixou en España dende o 12% do gando infectado nos anos 80 ao 2,32% no ano 2017, sendo Galicia a rexión con prevalencia máis baixa de toda a España peninsular, cun 0,02%. Canarias é a única rexión libre da enfermidade, un estatuto ao que tamén aspira Galicia.

Sen embargo, en comunidades como Andalucía, Castela A Mancha ou Estremadura rolda o 10% (ata 500 veces máis que a prevalencia de Galicia).

Cada comunidade autónoma é libre para encomendar as campañas de saneamento gandeiro a veterinarios de empresas públicas, empresas privadas, veterinarios particulares o veterinarios de ADSG. Galicia optou por levar a cabo as probas de saneamento gandeiro cunha empresa pública, onde todos os veterinarios actuantes teñen independencia económica e carecen de conflito de intereses respecto ao gandeiro.

TUBERCULOSE_CHARLA_NESTLE_5

A Comisión europea marcou ao Goberno de España as seguintes datas, como obxectivos previstos para erradicar a tuberculose bovina en diferentes rexións de España:

• En 2020: Aragón, Asturias, Baleares, Cataluña, Galicia, Navarra e País Vasco

• En 2025: Cantabria, Castela e León e Murcia

• En 2030: Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Madrid, A Rioxa e Valencia

TUBERCULOSE_CHARLA_NESTLE_3 TUBERCULOSE_CHARLA_NESTLE_4

¿Existen os falsos positivos?

A resposta da xefa da área de Epideomoloxía do Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural, Marta Muñoz Mendoza, é claramente que non.

“Todos os países europeos libres de tuberculose erradicárona coa proba da Intradermotuberculinización (IDTB). É totalmente fiable para detectar animais infectados e se é certo que moitos cultivos logo dan negativo é porque é unha enfermidade lenta, que pode tardar anos en desenvolverse, pero iso non quere dicir que o animal non estea infectado. E o mesmo se no matadoiro non se aprecian lesións”, subliña.

Ademais, lembra que os Servizos Veterinarios Oficiais deben investigar individualmente cada caso de sospeita para protexer ao resto dos gandeiros

Ademais, é preciso realizar un estudo de avaliación de risco individualizado de cada explotación, para valorar o risco de tuberculose e, se non existe,
valorar a existencia doutras micobacterias, como a paratuberculose, sen esquecer que poden existir infeccións mixtas nun mesmo rabaño ou anima.

“Mataron as vacas e logo estaban limpas” ¿Que hai de certo?

Unha vez que a tuberculose entra nunha explotación é moi difícil de erradicar, existindo un alto risco de reinfestación, polo que a solución máis eficaz é o baleirado sanitario.

Neste sentido, unha queixa común dos gandeiros afectados por un sacrificio de gando por tuberculose é que logo as probas en cultivo poden dar negativo. Sen embargo, Marta Muñoz Mendoza lembra que:

-Se o cultivo é positivo sabemos que a explotación estaba infectada pero se é negativo non podemos descartar a infección.

-Moitos animais infectados non presentan lesións polos seguintes motivos:

.As reses poden tardar anos en desenvolver lesións

.O cultivo en laboratorio das mostras do animal é moi difícil pola decontaminación previa que precisa e polo lento crecemento das micobacterias (mínimo 45 días)

.O cultivo exitoso das micobacterias é difícil debido aos seguintes motivos :

As lesións poden tardar meses ou anos en producirse
As lesións nos animais latentes son complexas de detectar
Poden existir lesións en órganos que non son obxecto de mostraxe
A carga bacteriana pode ser baixa
A infección pode ser debida a cepas de crecemento lento..

¿O xabarín é a principal fonte de contaxio ao gando bovino?

Dende a Consellería de Medio Rural desmenten con datos que a fauna salvaxe sexa a principal causa de contaxio da tuberculose en gando bovino. Así nun estudo realizado no 2013 no que se analizaron máis de 2.000 xabaríns e 600 corzos, concluíase que soamente o 2,59% dos xabaríns na España Atlántica estaban infectados pola tuberculose, fronte ao 60% no centro e no sur da Península.

“O principal reservorio da tuberculose en Galicia son os bovinos e as principais causas dos focos son a entrada de animais infectados e as reinfeccións”, subliña Marta Muñoz Mendoza.

TUBERCULOSE_CHARLA_NESTLE_6

¿A tuberculose é realmente unha lotaría e ao gandeiro non pode facer nada?

A xefa da área de Epideomoloxía do Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural desminte que un abrocho de tuberculose sexa unha lotaría para o gandeiro, pola contra este ten un papel determinante para previr que a infección entre na súa granxa:

-Evitando, na medida do posible, a entrada de reses na explotación: a entrada de animais podería supoñer un gran risco, aconsellando a recría na explotación.

No caso de compra ineludible é preferible realizala en Galicia. A entrada de animais de países ou CCAA con prevalencia superior á de Galicia debería ser evitada.

– Colaborando cos Servizos Veterinarios Oficiais no caso de focos de tuberculose ou de seguimento de animais. É clave que os gandeiros confíen nos veterinarios de saneamento.

-Garantindo a bioseguridade da explotación: compra de animais, control de entrada persoas / animais externos, pediluvios, rodaluvios, non mesturar con animais doutras explotacións, non mesturar animais doutras especies, manexo hixiénico dos xurros, limpeza axeitada na explotación, evitar que os animais beban dos regatos ou estean en constantes terreos con lama ou encharcados, dar a comida en comedeiros (elevada do chan)…

-Garantindo manexo axeitado: mellor estado inmune do animal, limpeza de comedeiros e bebedeiros, evitar contaminación fecal/ oral, separación de
animais novos/adultos, tratamentos preventivos, benestar animal, alimentación axeitada (…).

As vantaxes para Galicia de ser declarada zona libre de tuberculose bovina

Grazas ás campañas de saneamento e á implicación de gandeiros e veterinarios, Galicia é un exemplo na loita eficaz contra a tuberculose bovina. Así pasou de ter unha media do 11,79% dos rabaños infectados no ano 1990, ao 0,97% no ano 1997 e ao 0,02% no 2017.

Na actualidade a maioría dos casos de tuberculose bovina que se detectan en Galicia son focos novos e que están causados pola entrada de animais infectados, a relación epidemiolóxica co foco (cercanía de explotacións infectadas) ou a recirculación dun foco antigo.

As principais vantaxes que se abren para Galicia se consegue ser declarada no 2020 rexión libre de tuberculose bovina son, segundo Marta Muñoz Mendoza:

-Conseguirase un avance crucial para a saúde pública e para a
sanidade animal.

-A gandaría de Galicia adquirirá un estatuto sanitario moi privilexiado, o que repercutirá nas oportunidades de mercado e na valoración dos seus animais e produtos, con máis oportunidades para a exportación de leite e de recría.

-Diminuirá a presión diagnóstica sobre os gandeiros e observaremos a enfermidade desde outro punto de vista.

-Poderase destinar o custo do programa de erradicación da tuberculose bovina ao estudo doutras enfermidades e doutros problemas de importancia para a gandaría de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información