Tres ganderías producindo leite con tres razas diferentes: vantaxes de cada unha

Tres ganderías en produción de leite que traballan con tres razas distintas (Frisona, Jersey e cruce de Procross) expuxeron nas Xornadas de Vacún de Leite de Seragro as vantaxes de cada unha destas razas

Tres ganderías producindo leite con tres razas diferentes: vantaxes de cada unha

Mesa redonda nas xornadas de Seragro coas tres ganderías

A busca de leite con máis sólidos (graxa e proteína), dunha mellor fertilidade e lonxevidade das vacas, ou a adaptación ao pastoreo para a produción de leite en ecolóxico están favorecendo nos últimos anos que aparezan novas razas bovinas nas ganderías de vacún de leite. Así, e aínda que a raza Holstein segue sendo claramente a predominante, empezan a aparecer ganderías que empregan outras razas como a Jersey, a Montbeliarde ou os cruces.

Para abordar este tema de actualidade a cooperativa Seragro reuniu o pasado venres en Lugo, dentro das súas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, a tres ganderías de referencia en Galicia (Outeiro SC, Finca La Asunción e Gandería de Pazos SCG) que están a traballar con razas diferentes para que expuxeran as vantaxes de cada unha.

Gandería Outeiro SC (Chantada): “A Jersey é ideal para pastoreo e non hai quen lle gañe en producir sólidos”

Ricardo Gómez Rodríguez é un dos propietarios de Gandería Outeiro SC, de Chantada, unha das ganderías pioneiras en Galicia en introducir a raza Holstein, da que chegou a ter animais punteiros en cualificación morfolóxica.

Sen embargo, no ano 2012 comezaron a introducir vacas de raza Jersey na súa gandería en intensivo, coas que chegaron a acadar no ano 2014 unhas medias de produción de 9.186 litros, con 5,52% de graxa e o 4,08% de proteína.

Foi nese ano cando en Gandería Outeiro SC decidiron apostar por una rabaño 100% Jersey e por cambiar o sistema de manexo e alimentación a pastoreo. Os motivos explicounos Ricardo: “Son unha persoa que preciso apaixonarme co meu traballo e o modelo intensivo víao esgotado porque para poder seguir medrando cada vez tiña que coller fincas máis afastadas e máis pequenas. Tiñamos en mente o proxecto dunha queixería para darlle valor ao noso leite e decidimos apostar polo pastoreo para elaborar un produto diferenciado e que responda ás preocupacións dun consumidor cada vez máis preocupado pola saúde”.

No 2016 completaron o cambio a pastoreo e á raza Jersey. ¿Satisfeito co cambio?: “Sen dúbida: a Jersey é a raza de vaca máis eficiente en converter un kilo de materia seca en leite e en graxa e proteína. Non hai vaca, nin a Frisona, que compita con ela en producir kilos de sólidos. Ademais, ao ter menor tamaño, adáptase moito mellor ao pastoreo e aos desprazamentos. Fai 2 kilómetros sen problema e a Frisoa non”.

Finca La Asunción: “Á Holstein se lle dás confort devólvecho con creces en produción”

Santiago García Souto é propietario de Finca La Asunción, unha explotación gandeira referente en Galicia na raza Holstein, da que importaron de Holanda os primeiros animais no ano 1965. Nas seguintes décadas a gandería foi medrando, mellorando a xenética do seu rabaño, compatibilizando o seu traballo coa importación de animais de raza Holstein dende Holanda ou Alemaña.

Na actualidade Finca La Asunción conta con 150 vacas en muxido que no ano 2017 produciron unha media de 11.800 litros por animal, cun 4,36% de graxa e un 3,35% de proteína. Acadan unha media de 3,1 partos por vaca e os criterios que empregan para a selección xenética do rabaño son produción de leite, kilos de graxa e de proteína e tipo, por este orde.

“Falamos coa industria e producimos o tipo de leite que eles nos demandan”, explicou Santiago García Souto, que tamén é xuíz internacional de CONAFE. Neste sentido, recoñeceu que “o tipo tamén é importante, porque a vaca bonita empreña mellor e é máis rendible que a fea”.

En canto ás cualidades da raza Holstein, defendeu que tamén é competitiva producindo sólidos. “¿Por que senón en Holanda, onde se paga o leite por calidades, ou noutros países a Holstein segue representando máis do 90% da cabana leiteira?”, preguntouse.

“A Holstein é a raza que coñecemos mellor e o seu segredo está en darlle benestar animal. Cada vez que lle dás un plus de confort esta raza devólvecho con creces cun plus de rendibilidade”, destacou.

Gandería de Pazos SCG: “Cos cruces melloramos a fertilidade e aumentamos en lonxevidade das vacas”

Jesús Perfecto Fernández Pérez explicou o caso de Gandería Pazos SCG, unha granxa de Dumbría (A Coruña) que na actualidade conta cun rabaño duns 500 animais, dos que unhas 250 son vacas en muxido, e das que 100 proceden de cruces mediante o sistema Procross e o resto son de raza Holstein. O muxido está automatizado con 4 robots.

Quédanlle uns 175 animais frisóns pero toda a recría xa é cruzada e en breve prevén ter todos os animais híbridos. O sistema Procross de cruces segue un protocolo, e no caso desta gandería optaron por facer o primeiro cruce inseminando as vacas frisonas cun touro de raza Montbeliarde e a xata que nace é posteriormente inseminada con seme de Roxa Sueca. A becerra que naza será inseminada cun touro de raza Holstein e volve repetirse o ciclo.

¿Que os levaron a optar polo sistema de cruces? “Preocupábanme os datos de fertilidade, de lonxevidade e de saúde da Holstein e quería melloralos. Asesorámonos e visitamos varias granxas e no 2007 probamos cun lote de 20 vacas cruzadas que fomos aumentando e comparando os seus resultados cos das Holstein que tiñamos e que seguían sendo a maioría do noso rabaño”, explicou Jesús.

Desta forma, e despois de 11 anos traballando con cruces, as conclusións ás que chegaron en Gandería Pazos SCG son que:

-A produción media dos cruces é de 40,5 litros en 2,8 muxidos en robot. A das frisoas é de 38,3 litros por vaca en 2,6 muxidos. O reconto de células somáticas é dunha media de 180.000 nas Holstein fronte ás 100.000 nas de cruce.

-Os fallos do robot son do 0,2% no caso das vacas cruzadas e do 1,5% nas vacas frisonas.

-A media de inseminacións é de 1,9 no caso das cruzadas e de 2,2 nas Holstein.

-Datos de saúde: porcentaxe de mamites do 3% nas Holstein fronte aos 1% no lote de cruzadas; do 20% de metrites nas Holstein fronte ao 3% nas cruzadas; do 2% de retención de placenta nas cruzadas fronte ao 10% das Frisoas, e nos desprazamentos de abomaso as porcentaxes son do 0% e do 2,5%, respectivamente.

“As conclusións ás que chegamos despois de 11 anos é que cos cruces aumentamos moito a lonxevidade das vacas, aumentou a fertilidade e reducimos os custos de produción”, subliñou Jesús Perfecto Fernández Pérez.

Iso si, recoñeceu que “para que este sistema de cruces Procross funcione e sigamos mellorando, seleccionando os mellores touros, é imprescindible o traballo dos gandeiros que apostan polas razas puras, como a Holstein”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información