SERGIO MONTEDERRAMO BECERROS rubia MAMANDO

Tratamento e prevención das diarreas en becerras lactantes

Pablo Díaz Fernández, profesor da Facultade de Veterinaria de Lugo, expuxo no II Fórum Bayer de Vacún de Leite, os últimos avances en prevención e tratamento das diarreas en tenreiros lactantes. Estas son as conclusións

As diarreas en tenreiros lactantes son procesos moi frecuentes nas ganderías cuxa incidencia se mantén no tempo a pesar do elevado número de investigacións realizadas. Todo iso debería facer que nos preguntemos que estamos a facer mal.

Como punto de partida, as diarreas son procesos complexos causados por múltiples patóxenos, algúns zoonóticos; é dicir, que poden afectar tamén a persoas, especialmente a aquelas máis en contacto cos animais enfermos, como o gandeiro, veterinarios, etc. Ademais, a presenza de diferentes factores vai condicionar a aparición e gravidade do proceso.

1) Un proceso que causa importantes perdas….

As diarreas causan importantes perdas económicas nas granxas:

-Incremento da mortalidade dos tenreiros, que pode alcanzar o 25%. De feito, máis do 50% das baixas rexistradas nos primeiros meses de vida dun xato débense a procesos diarreicos.

-Custos económicos veterinarios.

-Redución da ganancia media diaria de peso debido á deshidratación e a unha menor absorción de nutrientes.

-Problemas de rendemento no animal adulto: Un animal que sufriu unha diarrea nunca chega a alcanzar o seu máximo potencial de produción.

-Constatáronse problemas reprodutivos por atraso na chegada á puberdade e ao primeiro parto.

-Os animais que presentan diarrea son máis susceptibles a pneumonías e outras enfermidades.

-Maior tempo que o gandeiro destina a atender ao becerro.

Sumando todos estes gastos, as perdas económicas son cuantiosas

2) Tipos de diarreas:

A) Infecciosas: Tanto de natureza bacteriana, vírica ou parasitaria. Os máis frecuentes son rotavirus, coronavirus, Escherichia coli, enterotoxixénicos (ETEC) e Cryptosporidium parvum, aínda que tamén poden deberse á acción doutros axentes como Clostridium, Salmonella ou Eimeria. Estes patóxenos poden aparecer sós ou en combinación.

Tamén existen virus causantes de diarrea que se consideran emerxentes como norovirus, nebovirus e torovirus, aínda que a súa relación coa aparición de diarreas non está totalmente confirmada.

Principais enteropatóxenos relacionados coa diarrea do tenreiro:

DIARREA BECERROS PABLO DIAZ 1

B) Non infecciosas

3) Como causan a diarrea?

-Mala absorción: Adoita ser o modo de acción da maioría de parásitos e virus relacionados coas diarreas. Destrúense os enterocitos nas vellosidades intestinais, polo que o organismo non pode absorber os nutrientes correctamente.

-Hipersecreción: Son máis complicadas, por exemplo por ETEC. Trátase neste caso de diarreas que causan perdas de auga moi rápida, en moi pouco tempo e con porcentaxes de mortalidade máis elevadas.

Ambos os mecanismos asócianse tamén con inflamación e secreción de líquidos polo intestino. Tamén se incrementa a motilidade intestinal, reducindo o tempo para que o animal poida dixerir os alimentos de maneira correcta.

4) A importancia da transmisión fecal-oral:

Os animais con diarreas clínicas son os que máis patóxenos eliminan coas feces e por tanto son os principais responsables da contaminación do medio. Porén, nalgúns casos os animais adultos tamén poden ser reservorios, padecendo infeccións leves ou crónicas e eliminando patóxenos ao medio en baixas cantidades pero constantemente.

Un exemplo da importancia dos animais adultos na transmisión de patóxenos causantes de diarreas atópase nos coccidios. Un estudo realizado en vacas de raza Rubia Galega polo grupo de investigación INVESAGA da Universidade de Santiago de Compostela concluíu que a prevalencia de infeccións por coccidios, así como a súa eliminación en feces, é moito máis elevada nos animais máis novos que nos adultos, pois tras repetidos contactos co parásito desenvólvese unha certa resposta inmunitaria protectora.

A limpeza na sala de partos e nos cubículos é clave

Aínda así, e como se observa, os adultos poden actuar como reservorios de especies patóxenas para os tenreiros neonatos. Como os ooquistes dos coccidios son moi resistentes a desinfectantes, a limpeza na sala de partos e nos cubículos é clave para previr a aparición destes procesos.

DIARREA BECERROS PABLO DIAZ 2

Neste sentido, cando as condicións hixiénicas no establo son deficientes, empézanse a acumular patóxenos no medio e hai dúas zonas especialmente perigosas: os cubículos, sexa individuais ou en grupo, e na sala de partos. A hixiene, limpeza e desinfección desas zonas é clave.

DIARREA BECERROS PABLO DIAZ 3

No caso de Cryptosporidium, pola contra, os animais adultos non adoitan ser a fonte de infección para os tenreiros, pois recentemente sinalouse a existencia dunha relación directa entre a idade dos animais e as especies que aparecen. Así, os tenreiros, durante as primeiras 4 semanas de vida, adoitan estar infectados por C. parvum, que é a especie causante das diarreas. Sen embargo, a medida que aumenta idade, o gando bovino adoita estar parasitado por outras especies non patóxenas como C. bovis, C. ryanae ou C. andersoni.

5) Os principais causantes de diarreas en tenreiros:

Os patóxenos máis frecuentes en xatos con diarrea:

DIARREA BECERROS PABLO DIAZ 4 DIARREA BECERROS PABLO DIAZ 5

Tanto en Bélxica como en Galicia, tal e como demostran as gráficas anteriores, a tendencia é que nos últimos anos diminuíron nos tenreiros as infeccións causadas por rotavirus e coronavirus, grazas ao emprego xeneralizado de vacinas, pero multiplicouse as infeccións diarreicas causadas por cryptosporidum que pasou dun 5% a máis dun 25%.

En concreto, nun estudo realizado polo grupo INVESAGA da Facultade de Veterinaria de Lugo, en máis do 60% das mostras analizadas segue aparecendo Cryptosporidum, nun 35% rotavirus e nun 30% E. coli enterotoxixénicos. Chama a atención a presenza de norovirus, un virus emerxente, no 25% dos animais con diarrea.

DIARREA BECERROS PABLO DIAZ 6

Outro aspecto a destacar das diarreas do tenreiro é que na maioría dos casos están implicados varios patóxenos, o que adoita relacionarse cunha maior gravidade do proceso, por exemplo, unha maior taxa de mortalidade.

5) Factores de risco:

A aparición destas diarreas neonataia e a súa intensidade, dependen da presenza de varios factores de risco que poden asociarse en dous grupos:

A) Fallos inmunidade pasiva:

-É clave o encalostrado: os tenreiros deben inxerir unha cantidade adecuada de costro canto antes para que mostre unha protección óptima fronte a infeccións. Os animais mal encalostrados teñen un maior risco de presentar diarrea. Neste sentido, débese ter coidado coas xovencas, con calidade de costro máis baixa, vacas que perden leite antes do parto, animais con partos prematuros…etc porque ese costro terá menos inmunoglobulinas.

B) Manexo e instalacións:

Resulta moi importante reducir:

-Sucidade en cubículos e na sala de partos.

-Controlar a densidade de animais por curral, pois provoca estrés e xeralmente maior sucidade.

-Cumprir un protocolo de desinfección das instalacións, bebedoiros..etc.

-Controlar a temperatura, correntes de aire, alimentación…

C) Diagnóstico:

Os signos clínicos son moi similares independentemente do patóxeno que estea involucrado, e inclúen dor abdominal, deshidratación, febre, hipotermia ou condición corporal baixa. Dependendo do axente causal, tamén poden aparecer signos de endotoxemia. A diarrea é o signo máis característico e nas feces pode aparecer sangue, moco, etc.

A idade dos animais pódenos axudar a sospeitar de determinados patóxenos: por exemplo, a prevalencia de Cryptosporidium adoita ser máxima entre os 8 e os 11 días de vida, mentres que a dos coccidios aumenta coa idade.

Non obstante, resulta clave identificar o patóxeno no laboratorio para implementar as medidas de control e prevención máis axeitadas en cada caso.

6) Tratamento:

-Sintomático: Rehidratar é esencial. Ademais a aplicación de antiinflamatorios en tenreiros favorece a súa recuperación.

-Etiolóxico: É necesario unha análise en laboratorio para determinar o patóxeno causante da diarrea. Para Cryptosporidum os tratamentos que existen son halofuginona e paromomicina, pero ningún dos dous son totalmente eficaces, xa que reducen a velocidade de multiplicación de parásitos no intestino, de forma que o animal vai eliminar menos ooquistes, mostrar signos máis leves (ou non mostralos), pero segue contaminando o medio. Son máis que nada preventivos.

Para G. duodenalis emprégase fenbendazol. Se está causada por Coccidios pódense empregar toltrazurilo, diclazurilo, decoquinato ou sulfamidas. Non funcionan como curativos, senón como preventivos.

E en caso de bacterias antibioterapia con antibióticos. Algún autor recomenda utilizalos só en casos diagnosticados de Salmonella. De utilizalos realizar primeiro un antibiograma para determinar o antibiótico máis adecuado. Para as diarreas víricas non hai tratamento.

7) Prevención:

DIARREA BECERROS PABLO DIAZ 7

-Manexo da nai: Basicamente vacinalas fronte a rotavirus, coronavirus, ETEC.

-Que o tenreiro inxira costro correctamente.

-Evitar situacións inmunodepresoras para o xato: frío, calor, correntes de aire, deficiente nutrición do animal.

-Reducir a presión de infección: Desinfectar ben entre tenreiros nos cubículos e currais, así como as salas de parto. Dependendo de que patóxenos, utilizar un ou outro desinfectante. Así, en caso de Cryptosporidium funcionan mellor os desinfectantes a base de peróxido de hidróxeno ou compostos de amonio cuaternario.

-Aloxamento: As casetas individuais son o máis recomendable desde o punto de vista sanitario. Pódense lavar a presión e deixalas boca arriba para que as seque o sol, xa que a radiación ultravioleta destrúe os patóxenos.