“Toda Sarria é gandeira”

Máis de 2.000 persoas e arredor de 800 tractores protagonizan unha nova mobilización comarcal en demanda de medidas que leven á recuperación de prezos do leite

Sarria protagonizou unha nova mobilización comarcal do sector lácteo na que se xuntaron máis de 2.000 persoas e uns 800 tractores. O éxito da protesta, a séptima en cabeceiras comarcais no que vai de mes, ilustra o peso da gandaría na economía de amplas zonas leiteiras do interior de Lugo, Coruña e norte de Pontevedra.

Cabeceira da protesta.

“Se desaparece a gandaría, Sarria queda nunha rúa”, sentencia un gandeiro para dar conta do peso do sector primario na comarca. “Sarria queda nunha rúa, a dos peregrinos”, completa outro entre risas. “Ata pechou o comercio chino, que sempre está aberto; nunca vira tal en ningún sitio”, lembrou na lectura do manifesto final Yolanda Díaz Gallego, unha histórica emigrante que foi directiva do Patronato de Cultura Galega no Uruguai.

“Pechou ata o comercio chino, que sempre está aberto. Nunca vira tal en ningún sitio” (Yolanda Díaz Gallego)

A asistencia de tractores á protesta, arredor de 800, tamén desbordou as previsións da organización. “Viñeron todos os gandeiros, ata os que non estaban a participar de xeito activo en asambleas” -valora Elías Somoza, da Federación Rural Galega (Fruga)- “Toda Sarria é gandeira e todos os gandeiros están aquí”, conclúe Somoza. “Esta asistencia dános unha idea da situación de urxencia das granxas”, engade Miguel Tomé, de Unións Agrarias.

A localidade lucense acollera o fin de semana pasado un festival internacional de maxia, aínda que para números de maxia, os que contan os gandeiros. “Ti pensa, érgueste pola mañá, fas números e imaxina que tes uns gastos ó mes de 500 euros e uns ingresos de 200 e así mes a mes, tódolos meses. Nós estamos dispostos a ir onde faga falta ata que esta situación se solucione”, explica Iván Pérez, un gandeiro que se incorporou á granxa hai 9 anos e que hoxe reflexiona sobre aquela decisión: “Se chego a saber como se ía poñer isto, non me metía aquí, pero agora xa estamos e a que nos imos adicar”, pregúntase.

“A axuda do Goberno non ten pés nin cabeza. O leite ten que ter un prezo e deixarse de rabos de gaita” (Iván Pérez, gandeiro)

Desde o balcón da casa consistorial de Sarria, Yolanda Díaz chamaba ós gandeiros a “non afloxar”. “Hai que loitar –animaba-, pode sonar duro, pero é así. Hai que loitar polo voso, que a emigración é moi dura e sei do que falo”, advertía.

Axudas
Preguntados os gandeiros pola axuda de 300 euros por vaca que vén de anunciar o Ministerio de Agricultura para entre 2.500 e 3.000 explotacións, o sentir do sector é unánime. “Non ten pés nin cabeza. O leite ten que ter o seu prezo e deixarse de rabos de gaita”, demanda Iván Pérez.

De dereita a esquerda, José Luis González, Carlos Valladares e Iván Pérez.

De dereita a esquerda, José Luis González, Carlos Valladares e Iván Pérez.

A axuda do Ministerio irá en principio para as explotacións que peor están cobrando o leite, como a de José Luis González, que ronda os 24 céntimos litro e baixando. A expectativa da posible axuda tampouco o convence. “Con estes prezos, estamos perdendo por lactación arredor de 1.000 euros, que é a diferenza entre cobrar o leite a 23-24 céntimos ou a 35, para cubrir custos de produción”, explica. “Que nos dean 300 euros non soluciona nada e o problema segue aí”, critica. “Temos uns gobernantes en Galicia e en Madrid que non se enteran nin da pataca”.

“Estamos perdendo 1.000 euros por lactación. Que nos dean 300 euros non soluciona nada e o problema continúa” (José Luis González, gandeiro)

González cuestiona en especial á deriva na que ve ó sector lácteo, sen estrutura e sen control gubernamental. “Aumentouse moito a produción, en parte porque as industrias animaban e mesmo financiaban o aumento de vacas, e agora atopámonos con que os prezos foron á baixa, cando noutras zonas de España, como Asturias, a cousa non foi así. Estamos sen gobernos –reitera- porque se houbera gobernos… Mira o que fixeron os franceses. En dous días solucionaron o problema”.

A comparación da situación española co acordo de prezos francés repítese nos argumentos dos produtores. “Como aquí temos os prezos máis baixos de Europa e lle facemos competencia a Francia, a esperanza que temos é que o goberno francés lle tire das orellas ó presidente que temos aquí”, ironiza Carlos Valladares. “A solución pasa polo prezo”, demanda. “Despois de todo o que investimos en cota, mira nas que estamos. Esperamos unha solución dos gobernantes, e se non, que se vaian”.

“Despois de todo o que investimos en cota, mira nas que estamos. Esperamos unha solución dos gobernos” (Carlos Valladares, gandeiro)

A mensaxe das organizacións agrarias seguiu a mesma liña. “Toda axuda é benvida, pero o quid da cuestión é solucionar o problema dos prezos”, advertía Miguel Tomé, de Unións Agrarias. “O Goberno puxo en marcha axudas disuasorias para tentar desmobilizar, pero en lugar diso, cada vez imos a máis”, critica Elías Somoza, da Fruga. O xoves, nova mobilización en Curtis e para a semana en Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información