Tocou teito a recuperación do mercado lácteo?

A boa evolución dos prezos dos produtos lácteos industriais cambiou de tendencia nas últimas semanas. A manteiga baixou un 25% desde setembro e segue a caída do leite en po, que toca fondo

Tocou teito a recuperación do mercado lácteo?

As últimas subastas de lácteos de Fonterra remataron con baixadas de prezos.

O mercado internacional de produtos lácteos experimentou unha progresiva mellora das cotizacións medias ao longo do 2017, en especial na manteiga e nos queixos, pero os datos das últimas semanas xeran incertidumes. A manteiga, que cotizou en Europa a niveis récord en setembro, con 650 euros / tonelada, baixou desde aquela un 25%; o leite en po, que se recuperara durante o primeiro semestre, caíu desde xuño máis dun 30%, e as últimas tres subastas quincenais do Global Dairy Trade (Fonterra), principal referencia para o mercado internacional de lácteos, remataron tamén con baixadas.

A mellora xeralizada do mercado nos primeiros nove meses do ano propiciou un aumento dos prezos do leite no campo, que en setembro se situaban na UE nunha media de 36,7 céntimos / kg. Esa mellora de prezos levou a un aumento da produción nos últimos meses. Outro gran exportador, como Estados Unidos, tamén está a incrementar as súas entregas de leite en relación á pasada campaña, e haberá que ver cal é a evolución de Nova Zelanda nos próximos meses, moi dependente de factores meteorolóxicos. A cuestión é se ese aumento da produción europea pode ser ben absorbido polo mercado interno e pola exportación.

A cuestión é se o aumento de produción que se está experimentando pode ser absorbido polo mercado

O bo funcionamento do mercado internacional, cunha demanda sostida en grandes compradores como China, facía que os analistas esperasen un fin de ano tranquilo, cun mercado estable, se ben a baixada dos prezos da manteiga e a situación do leite en po, tocando fondo, xeran incógnitas. A única boa noticia do mercado industrial chega dos queixos, que manteñen cotizacións superiores ás dos últimos anos.

Intervención pública
As compras de leite en po para intervención pública, que estiveran baixo mínimos ao longo do 2017, están reactivándose este outono. Esa reactivación da intervención chega cando a Comisión Europea aínda está a buscar destino para as máis de 350.000 toneladas adquiridas durante a crise do 2015-2016.

A Comisión aínda non sabe que facer coas 350.000 toneladas de leite en po intervidas. Phil Hogan quere eliminar as compras a prezo garantido no 2018

O comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan, avanzou este outono que a Comisión proxecta desfacerse no 2018 do leite intervido. Unha posibilidade pasa polo seu destino a alimentación animal, se ben aínda non hai decisións en firme e a propia Comisión recoñece que a venda desas 350.000 toneladas pode afectarlle de xeito negativo á industria e, en último termo, ós gandeiros.

En vista acumulación de leite en po no sistema de intervención, Hogan xa suxeriu que no 2018 non haxa prezos fixos para a intervención pública de leite en po, o que, de facerse efectivo, podería desplomar aínda máis os prezos do produto.

A situación revela a fraxilidade da rede europea para previr as crises no sector lácteo. Sen case medidas públicas de xestión do mercado, a incertidume aumenta, con prezos volátiles suxeitos a unha escasa estabilidade.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información