“Tirar o leite doe, pero non podemos irnos para casa co traballo sen rematar”

A folga de entregas de leite obriga ás explotacións a perder a súa produción estes días. Visitamos a granxa de Román Santalla, que hoxe tirou máis de 5.000 litros de leite

“Tirar o leite doe, pero non podemos irnos para casa co traballo sen rematar”

Román Santalla tirou a primeira hora da tarde de hoxe uns 5.000 litros de leite na foxa do purín.

O bloqueo ás industrias lácteas, iniciado na noite do venres, está consolidado en toda Galicia. Non entran nin saen camións das factorías, polo que as explotacións lácteas, queiran ou non, fan unha folga paralela de entregas de leite. “Tirar o leite doenos a todos e ninguén o tira de bo gusto, pero se agora marchamos para casa, como fixeron algúns compañeiros, deixariamos o traballo sen rematar. Temos que pedirlle un esforzo máis ós gandeiros. O traballo temos que rematalo porque moitas veces fómonos para casa e o traballo quedou sen rematar”, defende Román Santalla, gandeiro de Cercio (Lalín) e significado líder sindical de Unións Agrarias.

Os coordinadores do bloqueo ás industrias tratan de dar exemplo entre os gandeiros. Se onte era Manuel Iglesias, presidente da Organización de Productores de Leche (OPL) o que convocaba ós medios en Santa Comba para amosar como tiña que tirar o leite, hoxe foi Román Santalla, en Lalín, o que verteu máis de 5.000 litros de leite na foxa do xurro ante a mirada dos xornalistas. “Gustaríanos non tiralo e estamos vendo posibilidades para donar alomenos algunha parte, pero é complicado por temas sanitarios”, indica o líder sindical.

Situación das negociacións
Santalla, que vén participando nas negociacións que mantén o conxunto do sector lácteo nos últimos meses, expón que necesita o sector para parar as protestas e chegar a un acordo. “Que precisamos? Fálase de que a industria ten que pagarnos un prezo sustentable, pero hai que concretar en que arco está ese prezo. Por exemplo, que está entre 33 e 36 céntimos. Iso é un arco de prezos e ninguén pode dicir que é ilegal”, sostén o gandeiro.

“O segundo elemento é unha declaración das industrias lácteas onde digan que están dispostas a cambiar os contratos. Se hai verdadeira vontade de modificar os contratos, que o digan, porque se non corremos o risco de ir para casa cunha baixada do prezo de entre 1 e 2 céntimos ata marzo”, advirte Santalla. “Que haxa un compromiso para modificar eses contratos asinados á baixa podería facilitar bastante o acordo”.

“Un compromiso das industrias para modificar os contratos actuais facilitaría bastante o acordo”

O último elemento que demandan os gandeiros é un decreto da Administración que recolla sancións para industria e distribución en caso de incumprimentos.

Todas estas cuestións están a ser debatidas estos días entre as partes, coa intermediación do Ministerio de Agricultura. A distribución xa trasladou na reunión do xoves pasado a súa vontade de subir ata 4 céntimos o prezo dos produtos lácteos de marca branca, de xeito que se aumente en 2 céntimos a remuneración de industrias e noutros 2 a remuneración dos gandeiros. Para o sector produtor é unha proposta insuficiente, din, e queda por ver como garantir ademais que esa suba pasa das industrias ó sector produtor.

Tractores de Taboada, preparados para saír para Lugo.

Tractores de Taboada, preparados para saír para Lugo.

Protestas
O problema máis urxente son os contratos á baixa asinados nas últimas semanas pola maioría dos produtores para os próximos seis meses. A prioridade agora pasa por tumbar eses contratos e por renegocialos. De aí que o esforzo das tractoradas se estea a centrar no bloqueo ás industrias, sen descartar bloqueos á distribución, en especial a firmas reticentes á sinatura do acordo, como Eroski –segundo fontes sindicais-, ou que adoitan comercializar leite a baixos prezos, caso de Gadis.

En canto ó bloqueo das industrias, os gandeiros continuaron este domingo paralizando as factorías que quedaban sen bloquear, como as de Lactalis e Entrepinares en Vilalba, ou a de Leite Río en Láncara. Tractores de Taboada (Lugo) dirixíanse esta tarde á capital lucense para reforzar o cerco en torno ás industrias lácteas e tamén trascendeu nos medios que tractores de Ferrolterra tiñan previsto desprazarse a Lugo para axudar na paralización das industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información