TGT ultima a compra das queixerías de Lácteos Pérez Olveira

A industria catalana presentou este mes a única oferta pola empresa, logo de que o concurso de acreedores polo que atravesaba Pérez Olveira desde hai tres anos entrase en fase de liquidación. Os traballadores apoian a proposta de TGT, segundo destaca o sindicato USO

TGT ultima a compra das queixerías de Lácteos Pérez Olveira

Planta de Pérez Olveira en Santa Comba.

Se nada se torce, Lácteos Pérez Olveira, unha queixería con dúas plantas na Pereira (Santa Comba) e no concello do Pino, pasará en breve a mans da industria catalana TGT, a principal operadora do sector de queixos en España. TGT presentou este mes ante o xulgado a única oferta de compra por Lácteos Pérez Olveira, logo de que o concurso de acreedores polo que atravesaba a empresa desde hai tres anos entrase en fase de liquidación.

As partes agardan a que o xuez concursal se pronuncie nos próximos días, pois a oferta de TGT pola empresa galega caduca a 31 de xullo, segundo desvelou hoxe o sindicato USO, que representa ós traballadores. Por parte de USO, hai apoio á oferta de TGT, pois a firma catalana comprométese a manter os actuais 48 postos de traballo de Pérez Olveira, así como o funcionamento das dúas plantas, a de Santa Comba e a do Pino.

Contexto
Durante os últimos anos, a compra das queixerías de Pérez Olveira estivera en disputa entre TGT e Dairylac, a industria de Melide propiedade maioritariamente da cooperativa Aira. Os movementos de ambas sociedades por facerse coa adquisición de Pérez Olveira sucedéronse nos últimos anos, coa presentación de ofertas e contraofertas ante o xulgado concursal.

En setembro do 2017, o xulgado aceptara unha petición de Lácteos Pérez Olveira para paralizar a venda da empresa. Daquela, Pérez Olveira manifestara que tiña intención de chegar a un convenio cos acreedores, se ben a industria finalmente entrou en fase de liquidación, polo que se agarda que a venda da empresa se materialice nas próximas semanas.

A única oferta que se presentou agora pola empresa, a cargo de TGT, ronda un pago en efectivo de 6 millóns de euros, cantidade que permitirá o pago ós principais acreedores da empresa, entre os que figura a propia TGT, que xa o pasado ano adquirira o crédito hipotecario que pesa sobre as plantas de Santa Comba e do Pino.

Valoración sindical
A proposta de TGT convence ós traballadores, segundo sinala o sindicato USO, “pois non só se manteñen todos os postos de traballo, senón tamén as condicións laborais e a antigüidade”, destaca. No seu día, trascendera tamén que a oferta de TGT incluía a continuidade de Jesús Pérez Olveira á fronte da xestión de ambas plantas.

Desde o sindicato USO destacan ademais que a oferta de TGT inclúe o mantemento da actividade de ambas plantas, a de Santa Comba e a do Pino: “Non entendiamos que se puidese aceptar unha oferta que optaba por pechar unha das plantas, existindo esta outra que demostraba que era rendible e que apostaba pola continuidade das dúas”, apunta o sindicato en relación a unha oferta anterior de Dairylac, que estes últimos meses optou por desmarcarse da puxa polas queixerías e buscar outras alternativas para consolidar o seu proxecto queixeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información