“TGT entrou en Galicia para situar Tetilla e Arzúa Ulloa no mercado nacional e internacional”

David González, xerente das dúas plantas adquiridas polo grupo queixeiro en Santa Comba e O Pino, analiza os primeiros meses de traballo e proxectos de futuro

“TGT entrou en Galicia para situar Tetilla e Arzúa Ulloa no mercado nacional e internacional”

David González, na planta de Lácteos Ferrado Verde, en Santa Comba, unha das dúas adquiridas polo Grupo TGT en Galicia.

O Grupo Teodoro García Trabadelo (TGT), o maior elaborador e distribuidor estatal de queixos, entrou en Galicia coa adquisición de dúas plantas no Pino (Queixería Ruta Xacobea) e Santa Comba (Lácteos Ferrado Verde). Da dirección de ámbalas plantas encárgase o galego David González, procedente da delegación de Zaragoza de TGT. David destaca ademais pola súa experiencia anterior como director de compras dunha cadea hoteleira, na que tomou contacto coa xestión de materias primas e a negociación de prezos e calidades.

Falamos con el para facer balance do traballo xa realizado nas fábricas de Santa Comba e O Pino, así coma sobre os proxectos de futuro para estas dúas plantas.

Que balance facedes dos vosos primeiros seis meses de traballo?
– Estes primeiros meses focalizámonos en formar ao persoal en materia de calidade, seguridade alimentaria e procedementos de traballo, de cara a integrar estas plantas na estrutura industrial do Grupo TGT. Tódalas fábricas do Grupo TGT debemos operar baixo un mesmo paraugas normativo.

“Os nosos queixos galegos con denominación de orixe xa están na actualidade en países coma México, Alemaña ou Arabia Saudita”

Ademais, pese ao gran traballo realizado pola Administración Concursal nos anos que durou o Concurso de Acredores, tivemos que destinar unha gran cantidade de recursos para a mellora e mantemento de infraestruturas, xa que segundo detectamos no momento da nosa entrada, non cumprían os mínimos fixados polo Grupo TGT. A función do Administrador Concursal era soster as fábricas cos recursos propios que era capaz de xerar até chegar ao momento da finalización do Concurso de Acredores, obxectivo que conseguiu sobradamente.

En canto á variedade de produtos, inicialmente optamos por dar continuidade ás liñas existentes para poder atender a demanda dos clientes que xa tiñan as plantas, cos que había contratos que nos subrogamos no momento da compra das unidades produtivas. Na actualidade, o noso departamento de I+D xa está a traballar en novos produtos que irán saíndo ao mercado ao longo dos próximos meses.

Que perspectivas de mercado lle vedes ás liñas de queixo que traballades en Galicia, fundamentalmente Arzúa – Ulloa e Tetilla?
– Un dos motivos fundamentais polos que o grupo TGT se decide a adquirir estas fábricas é para incorporar ao noso tecido industrial dous das máis importantes Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de España. Son dúas denominacións estratéxicas para nós, que se atopan entre as primeiras en vendas a nivel nacional e cun gran potencial para o mercado de exportación.

Desde que adquirimos as fábricas, a nosa prioridade foi dar a coñecer e situar a nosa variedade de queixos galegos en todo o territorio nacional, a través de tódalas canles comerciais nas que temos presenza: retail, hostalaría, restauración e industrial, en colaboración coas 17 delegacións que o Grupo TGT ten en toda España, incluíndo Canarias e Baleares.

Con respecto á canle de exportación, os nosos queixos galegos con DOP xa están actualmente en República Dominicana, México, Alemaña, Arabia Saudita, etc, onde están a gozar dunha gran aceptación polo seu sabor e calidade.

De cara á exportación, Arzúa – Ulloa e Tetilla sempre tiveron o hándicap de ser queixos de pasta branda, que ‘viaxan mal’. Como vedes esa situación?
– É certo que son queixos de pasta branda, con alto contido en humidade e curta maduración. O problema non é tanto o tránsito en si, senón o período de vida do produto. Para exportación, é necesario enviar produtos cunha vida útil de 150-180 días como mínimo. Coa vida útil actual de Tetilla e Arzúa-Ulloa DOP, para cando o produto chega a destino, restan 20-25 días até a súa caducidade. A única alternativa actual para grandes distancias son os envíos por avión, que encarecen o produto e por tanto, supoñen unha desvantaxe á hora de competir con outros queixos.

“Para exportación, é necesario enviar produtos cunha vida útil dun mínimo de 150 – 180 días. Ese é un reto para o sector queixeiro galego de DOP”

Neste sentido, o sector queixeiro galego con DOP ten un gran reto que hai que asumir canto antes, da man tamén, por suposto, dos consellos reguladores. Estamos nun mercado cada vez máis global no que temos que traballar uns formatos de envasado que garantan máis vida útil e que preserven as características propias de cada produto.

Os test que fixemos cos nosos clientes do mercado internacional foron positivos e estannos demandando estes queixos, pero é verdade que nalgúns casos, a data de consumo preferente é demasiado curta, xa que o produto chega cunha vida útil insuficiente para garantir a rotación do queixo antes da súa caducidade, o cal supón unha clara limitación para a exportación. Este é un dos grandes desafíos a futuro se queremos que Tetilla e Arzúa DOP se asenten no mercado internacional.

“Competir exclusivamente en prezo cos grandes fabricantes europeos é complexo, pero non imposible”

En que mercados exteriores ten maior presencia o grupo TGT?
– De forma directa ou indirecta, temos unha presenza forte na zona Caribe, Estados Unidos e Suramérica. Operamos tamén no mercado de Asia. Estamos xa moi consolidados no mercado europeo, tanto a nivel de exportación como de importación; de feito, o crecemento histórico de TGT iniciouse coa importación a España de produto europeo, fai xa máis de 50 anos.

O certo é que a canle de exportación é un dos que máis crecemento experimentou nos últimos anos no Grupo, e a día de hoxe, é posible atopar un queixo elaborado e exportado por TGT en case calquera parte do mundo.

A importación de queixos europeos é un asunto polémico no sector, pois moitas queixerías quéixanse de que está a entrar produto europeo a moi baixos prezos, ao redor de 3,50 euros / quilo, o que consideran unha competencia desleal. É posible competir cos queixos de importación?
– Os grandes fabricantes europeos posúen unha tecnoloxía moi especializada. As súas factorías caracterízanse por grandes liñas de produción nas que se aproveitan absolutamente tódolos compoñentes do leite dunha forma eficiente e xeran produtos e insumos de valor engadido. Competir exclusivamente en prezo con estes fabricantes é complexo, porque require un gran investimento en tecnoloxía, pero desde logo, non é imposible.

“Podemos traballar nichos de mercado diferentes ó do ‘primeiro prezo’. Temos exemplos de clientes que deixaron queixos de importación para pasarse á nosa Barra galega”

Ademais, podemos traballar nichos de mercado diferentes ao do ‘primeiro prezo’. Facer competir en prezo unha Barra Galega cunha Barra Edam de importación é difícil. Pero o certo é que a calidade da nosa Barra Galega Pazo do Queixo, por exemplo, é moi superior á dunha Barra de importación, fundamentalmente porque a calidade da nosa materia prima é mellor e porque por sorte conservamos unha parte ‘artesanal’ en tódolos nosos produtos que o consumidor valora moi positivamente.

Nestes seis meses, temos exemplos dentro do Grupo TGT, xa que varias cadeas hostaleiras, cadeas de restauración e clientes do retail substituíron dentro da súa oferta Barras de queixo de importación pola nosa Barra Galega Pazo do Queixo, xa que a consideraron como unha mellora de calidade. Non esquezamos tamén que o consumidor asocia a marca ‘Galicia’ como unha garantía de calidade e sabor tradicional.

De cara ás cadeas de supermercados, sería interesante que os consellos reguladores de Arzúa-Ulloa e Tetilla permitisen a venda en cuñas?
– Hai unha tendencia de mercado real e irrefreable, e é que o consumidor medio fai cada vez compras máis pequenas e acode con máis frecuencia ao supermercado. O formato de 200 a 500 gramos, xa sexa en pezas completas, en cuñas ou precortados ten cada vez máis demanda. Galicia é unha zona na que o mostrador aínda ten moita presenza, pero no resto de España hai infinidade de establecementos de retail que practicamente eliminaron mostrador e traballan todo en formato de libre servizo.

“Se queremos que os queixos galegos con denominación de orixe teñan presenza en tódolos lineais de supermercados e hipermercados, o formato de libre servizo é imprescindible”

Está claro que este debate existe e sería necesario afrontalo canto antes. Se queremos que as DOP de Galicia teñan presenza real en tódolos lineais de supermercados e hipermercados a nivel nacional, o formato de libre servizo co selo da DOP é imprescindible. E moito máis cando hai un mercado nacional que demanda produto de orixe Galicia. Non podemos deixar escapar esta gran oportunidade.

Cando falamos do mercado internacional, o cliente quere un produto que chegue con vida útil suficiente e cun envasado que garanta a integridade do produto.

Á marxe de Arzúa-Ulloa e Tetilla, que novas liñas tedes proxectado introducir nas vosas plantas de Galicia?
– A nivel de I+D, estamos a traballar en moitos produtos: queixos saudables, para deportistas, ecolóxicos, sen lactosa, especialidades en formato de libre servizo, etc. Cada vez máis persoas preocúpanse pola súa dieta e elixen produtos light, baixos en sal ou sen lactosa, e estas son necesidades que debemos atender. Tamén sabemos que no consumidor hai unha sensibilidade crecente cara a gandarías de pastoreo e ecolóxicas, preocupadas pola sustentabilidade e o benestar animal. É unha liña de produtos que incorporaremos proximamente.

“Queremos iniciar unha liña de produción de queixos artesanais na Queixería Ruta Xacobea, de xeito complementario á produción de Arzúa Ulloa”

De cara a 2020, queremos iniciar un proxecto de queixos artesanais na nosa planta de Queixería Artesanal Ruta Xacobea, de xeito complementario á produción de Arzúa-Ulloa. É unha planta cun compoñente artesanal moi nobre, na que os queixos se seguen elaborando a man, con pano, como tradicionalmente viñeron facendo o queixo as nosas avoas.

Polo momento, estes primeiros meses priorizamos asentar unhas bases sólidas en materia de calidade e seguridade alimentaria, que son cuestións fundamentais para o grupo. Estamos tamén iniciando a certificación en IFS e BRC como garantía de calidade para todos os nosos clientes.

Estades a manter até agora as marcas da anterior etapa das factorías. Tedes previsto introducir novas marcas?
– Nun futuro incorporaremos novas marcas, pero entendemos que hai un traballo de marca xa feito, polo que, de momento, estamos a centrarnos no redeseño de todas as nosas marcas (Xoven, Ruta Xacobea, Pazo do Queixo), así como no redeseño de marcas propias dos nosos clientes. Non nos parecía necesario cambiar de marca, senón unicamente transmitir que agora está detrás o grupo TGT, coa garantía e compromiso de calidade que isto implica.

“Estamos moi satisfeitos coa calidade do leite e colaboraremos cos gandeiros na introdución de melloras”

David González.

David González.

Que recollida de leite tedes nestes momentos?
– En Santa Comba estamos a traballar con recollida propia, con ao redor de 67 gandarías da comarca, nun radio de 20 quilómetros á planta. No Pino, de momento non temos recollida propia e estamos a colaborar con operadores que nos están traendo o leite directamente da gandaría á nosa planta.

A experiencia é positiva en ámbalas plantas, estamos moi satisfeitos coas calidades do leite.

Sempre se fala de que en España se primou máis nas granxas a produción de volume de leite que de calidades de graxa e proteína, o que é máis interesante para a industria quesera. Que situación de calidades vos atopastes no leite?
– Tanto na planta de Santa Comba como na do Pino levámonos unha sorpresa grata neste sentido. Estamos moi satisfeitos coa calidade do leite, aínda que evidentemente todo é mellorable. Como industria, apoiaremos aos gandeiros, xa que os consideramos parte da nosa empresa. Os nosos departamentos de I+D e de Calidade non están só para mellorar o noso proceso industrial, senón para colaborar e apoiar a un colectivo que é o noso ‘partner’ directo.

“Realizaremos formación para axudar as ganderías a mellorar o extracto queixeiro do leite”

Algo moi importante para nós é o extracto queixeiro do leite, a porcentaxe e equilibrio de graxa e proteína que contén o leite. A nosa idea, nun futuro moi próximo, é realizar formación e axudar así ás nosas gandarías a mellorar as calidades da súa produción. O que din os expertos é que se trata dunha combinación de hixiene, alimentación e de raza do animal, que son cuestións nas que podemos achegar aos gandeiros a nosa experiencia.

Que tipo de contratos e sistema de pagos tedes coas vosas gandarías provedoras?
– Cando nos incorporamos, estaban a renovarse os contratos mensualmente. Agora mesmo adaptámonos á lexislación, contratos anuais, un prezo base do leite común para todos e a partir de aí, existen bonificacións e penalizacións.

Como é habitual, pagamos o leite por extracto queixeiro. O estándar do contrato é de 3,70 de graxa e 3,10 de proteína, cunhas condicións de microbioloxía, e toda décima de mellora bonifícase, máis en graxa que en proteína.

A relación cos gandeiros da zona é excelente, algo que nun principio nos preocupaba, xa que nos comentaron que os antigos propietarios das fábricas supostamente deixaran unha débeda importante no sector. Desde que o Grupo TGT adquire as fábricas, os pagos a gandeiros foron feitos nos prazos e nas cantidades de litros/mes estipuladas no contrato.

“Estamos a iniciar contactos con ganderías que certifiquen unha materia prima de pastoreo e/ou ecolóxica”

O Grupo TGT non ten ningún tipo de vinculación accionarial, laboral e/ou comercial cos anteriores propietarios das fábricas, e isto é algo que entenderon e valoraron, non só os gandeiros, senón o resto de traballadores, provedores e clientes das fábricas. O Grupo TGT cumpriu de xeito estrito con todos os pagos que o Xulgado estipulou que debiamos facer no momento da compra das unidades produtivas.

Comentabas antes a introdución dunha liña de produtos de pastoreo e quizais ecolóxica. Estades xa buscando granxas para esas liñas?
– Estamos a iniciar contactos e abertos a escoitar propostas de colaboración con gandarías que certifiquen unha materia prima de pastoreo e/ou ecolóxica, A nosa relación cos gandeiros é excelente e case a diario acoden novas ofertas de gandarías da zona que se interesan por traballar connosco. Hai unha boa sintonía e espero que isto mellore día a día.

Que volumes de leite procesades na actualidade e que perspectivas tedes de cara ao futuro?
– En Santa Comba, estamos nuns 30.000 litros ao día e no Pino en 12.000. Ao longo dos próximos meses, iremos incrementando estas cantidades. Como comentara, no primeiro semestre do 2019 centrámonos en asentar unhas bases firmes en materia de calidade e seguridade alimentaria. A partir de agora, departamentos como I+D e o Comercial actuarán dunha maneira máis contundente.

“En seis meses, aumentamos un 33% as vendas dos queixos con denominación, pero o máis grande está por vir”

Aínda así, incrementamos vendas, pero o máis grande está por vir. Temos unha demanda crecente tanto de clientes consolidados como especialmente forte por parte das canles do Grupo TGT. A venda de queixos con denominación de orixe Arzúa – Ulloa e Tetilla aumentou un 33% neste primeiros seis meses e continúa crecendo mes a mes.

Na planta de Santa Comba, sen efectuar ningún tipo de investimento máis, poderiamos chegar a procesar uns 80.000 litros / día e no Pino poderiamos chegar a 24.000 litros. Temos potencial para chegar a eses niveis de venda a medio prazo, e mesmo superiores.

Para movernos neses niveis de produción con comodidade e seguridade, temos unha serie de melloras previstas en ámbalas plantas, cunha primeira fase no 2019 e unha segunda no 2020. Afrontaremos investimentos tecnolóxicos para gañar en eficiencia e calidade dos procesos.

Grupo TGT

O Grupo Teodoro García Trabadelo (TGT), nacido no 1963 en Barcelona, é o maior distribuidor español de queixo. O Grupo está conformado por preto dunha trintena de empresas e preto de 1.000 traballadores.

En queixos de produción propia, TGT conta cunha fábrica en Barcelona (Hochland), unha en Murcia, centrada en leite de cabra e tortas de queixo; con dúas fábricas en Toledo orientadas a queixo manchego e queixo azul de ovella; con outras dúas en Navarra (Valle del Roncal e Valle de Baztán), nas que produce queixos da denominación Roncal e Idiazábal; e no 2016 comprou unha planta no Valle de Carranza (País Vasco), na que produce natas e queixo Idiazábal. As queixerías galegas de Santa Comba e O Pino son a súa última incorporación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información