Terceiro mes consecutivo de aumento das entregas de leite

As entregas situáronse en maio nun 2,7% por riba das do mesmo mes do ano pasado, segundo as estatísticas que vén de publicar o Fondo Español de Garantía Agraria. O prezo mantense estable á baixa

Terceiro mes consecutivo de aumento das entregas de leite

O sector gandeiro español está a producir máis leite desde marzo. En maio, as entregas situáronse nun 2,7% por riba das do mesmo mes do ano anterior, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). Galicia, que en abril liderara o aumento das entregas a nivel estatal, moderou en maio a súa produción e aumentou só un 1,3% en relación ó mesmo mes do 2016.

A mesma tendencia de crecemento que se rexistra en España espérase para o conxunto da UE. Os últimos datos a nivel comunitario corresponden a abril, cando a produción europea aumentou un 0,7%, o primeiro mes de crecemento desde maio do 2016.

En canto ó contexto global dos grandes países produtores de leite, Estados Unidos segue a aumentar as súas entregas e Nova Zelanda está tamén subindo a produción, manténdose Australia con peores números que no 2016.

Prezos
A recuperación que viviu o mercado lácteo nós últimos meses do 2016 asentouse en boa medida nunha reducción das entregas de leite. Os aumentos da produción que se están a rexistrar a nivel europeo lastran, por tanto, o repunte dos prezos no campo. De feito, a cotización do leite na granxa mantén lixeiros descensos desde comezos de ano.

En Galicia, o ano arrancou con 30,3 céntimos de prezo medio e xa se sitúa agora en 29,9, perdendo 0,1 céntimos no último mes. Como xa vén sendo habitual, trátase da comunidade co prezo medio máis baixo no conxunto de España, onde o valor medio sitúase en 31,2 céntimos.

Entre as comunidades veciñas, destaca o prezo de Asturias, con 33,2 céntimos. Castilla y León sitúase en 31,7 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información