Tendencias nos pagos do leite en Europa: primas por sostibilidade, pastoreo e pensos sen transxénicos

A federación holandesa LTO presenta o seu informe anual, no que analiza as principais liñas de traballo das industrias lácteas

Tendencias nos pagos do leite en Europa: primas por sostibilidade, pastoreo e pensos sen transxénicos

Os pagos por leite de pastoreo cobran forza en Europa.

Os pagos do leite en Europa presentan dúas tendencias claras. Un primeiro elemento común é que boa parte das grandes industrias e cooperativas están aplicando primas por sostibilidade das ganderías. A segunda cuestión que gaña peso no mercado é o leite cuns requisitos específicos, que se recolle e procesa separadamente para posicionalo dun xeito diferente ante o consumidor. Son principalmente os leites de pastoreo e os leites de vacas alimentadas sen transxénicos, unhas liñas de traballo que algunhas industrias queren convertir incluso nos seus leites estándar.

Os datos corresponden ó informe anual do 2018 que vén de presentar a federación holandesa de agricultores LTO.

Sustentabilidade
Os pagos sostibles que se están extendendo en Europa céntranse en cuestións de calidade do leite, medioambientais e de benestar e saúde animal. Hai dúas modalidades de primas, un pago fixo se a granxa cumpre os requisitos establecidos ou un pago variable en función dun sistema de puntuación que establece os puntos acadados por cada gandería. Existen compañías que determinan as primas en función de programas nacionais de sustentabilidade e outras que desenvolven os seus propios programas internos, como algunhas das grandes cooperativas europeas, Arla ou Friesland Campina.

Este tipo de primas de sostibilidade ten máis peso nas compañías do norte europeo, como Arla, que abona en Dinamarca unha prima de 1 euro / 100 kg. ás granxas que participan no seu programa de sostibilidade. Outro exemplo, Royal A-ware, en Holanda, abona 0,50 euros / 100 kg de prima de sostibilidade., unha cantidade que se pode aumentar sensiblemente se a granxa pasa a entregar leite de pastoreo.

En cambio, en países como Francia ou Irlanda, a importancia dos pagos por sustentabilidade é menor. Lactalis paga en Francia só unha prima de 0,15 euros / 100 kg. e en Irlanda firmas como Kerry ou Dairygold abonan medias de 0,10 euros / 100 Kg.

Leites cun posicionamento diferencial
Outra das tendencias que cobra forza en Europa é a dos pagos por leite cunhas características diferenciais, que se recolle e procesa separadamente, de cara a ofrecerlle ó consumidor novas gamas cun posicionamento único.

Están collendo forza en especial os leites de pastoreo e os leites de vacas alimentadas sen transxénicos, denominados VLOG polas súas siglas en alemán, xa que é en Alemania onde teñen máis peso, aínda que tamén firmas como Friesland Campina (Holanda), Arla (Dinamarca) ou Royal A-ware (Holanda) están producíndoos. As primas habituais polo leite VLOG rondan 1 euro / 100 kg e hai industrias en Alemania que teñen como obxectivo convertir este tipo de produción no seu leite estándar.

O leite de vacas en pastoreo é outro dos leites diferenciais que está collendo pulo en Europa. Friesland Campina (Holanda), unha das compañías que máis aposta por el, abona 1,5 euros / 100 kg. polo leite de vacas que pastan un mínimo de 120 días ó ano durante 6 horas.

Dentro dos leites que se recollen e se procesan de xeito separado, con prezos diferenciais, tamén entrarían as marcas británicas que proceden de acordos específicos entre cadeas de supermercados e gandeiros.

Reequilibrio nos pagos de graxa e proteína
Durante o 2018, dado o gran diferencial existente no mercado lácteo entre a graxa, con prezos moi elevados, e a proteína, con prezos baixos, a maioría das industrias europeas optou por reequilibrar as primas de graxa e proteína, pois víñase pagando pola proteína adicional case o dobre que pola graxa. Algunhas compañías pasaron a igualar ambas primas e outras reduciron a diferencia de 2-1 a 1,5–1 ou a 2–1,5.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información