Tendencia global á alza dos prezos do leite no campo

O aumento medio das cotizacións de agosto foi do 3 por cento na UE, onde 24 países melloraron os seus valores en relación a xullo. En Nova Zelanda e Estados Unidos houbo tamén significativas melloras

Tendencia global á alza dos prezos do leite no campo

Os produtos lácteos industriais arrastran meses de subas consecutivas.

Os prezos globais do leite iniciaron unha tendencia á alza en agosto e espéranse maiores subas para setembro, segundo a análise do Observatorio Lácteo Europeo. Na UE, o mes de agosto saldouse cunha suba media do 3 por cento nos prezos en orixe, logo de caídas consecutivas desde novembro do 2015. En 24 estados membros, as cotizacións melloraron en relación a xullo do 2016 e o prezo medio situouse na UE en 26,4 céntimos.

En España, que nesta crise mantén prezos medios superiores á media da UE, houbo tamén un aumento no valor do leite en agosto. En Galicia, o aumento foi de 0,4 céntimos, acadándose os 27,2 céntimos de media, en tanto que a nivel de España a media chegou ós 29 céntimos. Parte das industrias xa están a aplicar subas nos prezos, caso de Reny Picot, Río ou Lactalis, polo que é de esperar que nos próximos meses os prezos medios continúen en ascenso.

En canto á tendencia noutras grandes zonas produtoras, en Nova Zelanda en agosto as cotizacións no campo subiron un 9,6 por cento, ata chegar a 28,5 céntimos; en tanto que en Estados Unidos a suba foi dun 8,5 por cento, ata os 38,1 céntimos, segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo.

Prezos das commodities
Os valores dos produtos lácteos industriais arrastran cinco meses de tendencia á alza na UE. Esta semana aminorouse o crecemento, cunha leva baixada na manteiga e continuidade da recuperación no leite en po e queixos

No mercado global, o Global Dairy Trade, a subasta de lácteos organizada cada dúas semanas por Fonterra, pechou a súa última sesión cunha leve baixada das cotizacións, tamén tras varias sesións de incrementos consecutivos.

Primeiros compradores

O sector gandeiro de Galicia agarda que a recuperación do mercado permita reducir as prácticas de primeiros compradores que continúan levando leite das granxas a baixos prezos, con arredor de 200 produtores que levan meses sen cobrar, segundo denunciou Unións Agrarias.

A conselleira do Medio Rural fíxose eco esta semana do problema na Conferencia Sectorial de Agricultura e pediulle ó Ministerio un maior control da figura do primeiro comprador, de xeito que se lles esixa un aval para facerlle fronte a posibles impagos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información