Tejerina reafirma o discurso do Ministerio sobre a crise do sector lácteo

A ministra de Agricultura pide que a Comisión garanta o libre tránsito por Francia dos produtos españois

Tejerina reafirma o discurso do Ministerio sobre a crise do sector lácteo

A ministra de Agricultura, á esquerda, esta fin de semana nunha festa da malla en Palencia.

A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, insistiu esta fin de semana no discurso que vén mantendo o seu Ministerio sobre a crise do leite. “Traballamos conxuntamente co sector lácteo para afrontar unha coxuntura internacional de baixos prezos e de aumento da produción”, declarou a titular de Agricultura ós medios de comunicación durante unha visita a Palencia. Tejerina destacou a vintena de reunións mantidas desde o pasado abril con produtores, cooperativas, industria e distribución; e sinalou que esa labor terá continuidade na xuntanza prevista para o 18 de agosto.

Entre as medidas xa adoptadas para afrontar a crise, a ministra destacou a orde recentemente aprobada para aliviar a carga financieira das explotacións e asegurou que o seu departamento traballa para poder anticipar os pagos das axudas da PAC a partir do 16 de outubro. Tamén incidiu nas campañas de promoción dos produtos lácteos e na estratexia nacional de consumo de leite nas escolas.

Estas declaracións supoñen unha continuidade da argumentación que xa viña empregando o secretario de Agricultura, Carlos Cabanas, tras as últimas reunións mantidas co sector, nas que Cabanas, a preguntas dos medios, cuestionaba a posibilidade dun acordo de prezos coma o francés e centraba a súa argumentación nas medidas xa adoptadas e na responsabilidade das distintas partes para chegar a un entendemento.

Ataques en Francia
En canto ós ataques que están sufrindo en Francia camións con produtos agrícolas e gandeiros de España, a ministra suliñou que é obriga do país veciño garantir o mercado único e indicou que puxo en coñecemento da Comisión Europea a situación, a fin de que, se fose preciso, se adopten medidas para garantir o libre tránsito e a unidade de mercado.

Incendios forestais
Por último, en materia de incendios forestais, García Tejerina asegurou que a súa incidencia esta campaña atópase por debaixo da media da última década, a pesar de grandes lumes coma os vividos en Aragón ou na Serra de Gata. A ministra considerou que a xestión dos incendios se está facendo “razonablemente ben” e pediu extremar as medidas de precaución ante as altas temperaturas actuais.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información