INSEMINACION_veterinario_01_standar

Taxa de preñez de 21 días: Como conseguir unha alta eficiencia reprodutiva en vacún de leite

Antonio Jiménez, director técnico de gando vacún de Ceva Saúde Animal, impartiu en Otur (Asturias) unha conferencia organizada pola cooperativa Campoastur sobre como lograr unha boa taxa de preñez de 21 días. O autor ofrécenos unhas claves para conseguilo

Ao falar de reprodución en vacún leiteiro é necesario aclarar algunhas ideas para entender o concepto de alta eficiencia en explotacións que frecuentemente adoitan contar coa súa propia reposición:

 1) Cando usamos a palabra “fertilidade”, normalmente referímonos á “Taxa de concepción”; é dicir, á porcentaxe de xestacións que conseguimos dun número de inseminacións realizadas nun período de tempo. Mellorar a taxa de concepción é sempre positivo, pero o realmente importante é mellorar a porcentaxe de preñeces que conseguimos do total de vacas que queremos deixar preñadas nese período de tempo. É o que se coñece como”Taxa de preñez de 21 días” ou “Pregnancy Rate” en inglés.

“A clave é mellorar a porcentaxe de preñeces que conseguimos do total de vacas que queremos deixar preñadas nun período de tempo”

Este índice infórmanos mellor sobre a nosa eficiencia reprodutiva que a fertilidade ou taxa de concepción. Así, se nun período de tempo de 21 días temos 100 vacas dispoñibles para quedar preñadas e soamente inseminamos 50, xerando 15 xestacións, aínda que a nosa fertilidade foi aceptable, conseguimos só 15 xestacións dun total de 100 vacas que tiñamos  dispoñibles, o cal é un ritmo por baixo do desexable para manter ben a explotación.

2) Doutra banda, aínda que se adoita pensar máis nas vacas adultas, é moi importante ter en conta que moitas das xestacións necesarias para facer leite nunha explotación (aproximadamente un 30%), van proceder das xovencas que nunca pariron.

No programa de reprodución debemos incluír tamén ás xovencas

En explotacións nas que un terzo aproximado das vacas en muxido durante un ano son vacas que tiveron o seu primeiro parto ese ano, as xovencas, animais moi fértiles, constitúen unha gran oportunidade de xerar as xestacións necesarias que nos darán lactacións ao cabo de 9 meses. Por iso, ao falar de mellorar a eficiencia reprodutiva nunha explotación debemos incluír no programa de reprodución tamén as xovencas.

Importancia dunha alta eficiencia nos primeiros ciclos tras o período de espera voluntario

Unha limitación importante da taxa de preñez de 21 días (avaliada por data de calendario) é que consideramos como vacas elixibles dunha mesma forma ás vacas, estean paridas de pouco tempo ou de moito. O feito de conseguir unha alta eficiencia reprodutiva nos primeiros ciclos despois do período de espera voluntario é moito máis importante que nos seguintes, xa que haberá máis vacas que quedan xestantes cando queremos. Esta é a razón pola que cada vez máis explotacións non só traballan intensamente coidando ás vacas en preparto e posparto, senón que tamén usan protocolos de fertilidade dunha forma sistemática para primeira inseminación posparto.

O uso dun protocolo de fertilidade dunha forma sistemática a todas as vacas para primeira inseminación posparto (en vermello) pode permitir adiantar as xestacións mesmo atrasando o período de espera voluntario respecto dos sistemas tradicionais (en azul): 

antonio_ceva_preñez

Aínda así, necesitarase sempre unha correcta detección de celos de retorno (os celos de 21 d despois da inseminación nas vacas que non quedaron preñadas) e un sistema rápido e eficiente de resincronización de vacas diagnosticadas baleiras, que nos proporcionen intervalos entre inseminacións o máis curtos posible.

Conseguir boas taxas de preñez a partir da primeira inseminación segundo aumentan os días posparto das vacas é tamén moi importante: segundo aumentan os días en leite, a eficiencia reprodutiva irá tendo menos importancia en reducir o tempo medio en que quedan as vacas preñadas, pero terá máis importancia en reducir as eliminacións debidas a infertilidade.

Protocolos de fertilidade e o seu uso estratéxico no manexo reprodutivo da explotación

O desenvolvemento do protocolo Ovsynch ou GPG Hai xa máis de 20 anos foi moi valioso para as ganderías de vacas de leite a nivel mundial, xa que permite aumentar a taxa de inseminación. Desde a súa creación até agora desenvolvéronse algunhas modificacións do Ovsynch que poden permitir aumentar a taxa de concepción. Algunhas destas modificacións son as diferentes modalidades de presincronización, o uso de dúas doses de prostaglandina separadas 24 h e o uso dun dispositivo intravaxinal de proxesterona

Estes protocolos deben ser adaptados polos veterinarios ás características de cada explotación e aumentan tanto as taxas de inseminación como as taxas de concepción. Desta maneira, permiten conseguir taxas de preñez de 21 d sen precedentes en explotacións de vacas de alta produción.

Elementos clave: Un bo manexo por parte do gandeiro e o papel do veterinario 

O primeiro paso para lograr unha alta eficiencia reprodutiva é que o gandeiro faga un bo manexo dos animais dentro dun programa de traballo cos técnicos cos que traballa.

Algunhas das áreas de mellora identificadas de forma frecuente nas vacas adultas de moitas explotacións son a perda excesiva de condición corporal, altos índices dalgunhas enfermidades como cetose, metrite ou diferentes tipos de coxeiras, así como deficiencias nos índices de benestar como sobrepoboación ou estrés por calor.

Nas xovencas tamén é frecuente que haxa áreas de mellora na xestión da saúde (diarreas neonatais e síndrome respiratoria bovino) e crecemento, que terminan impactando na idade ao primeiro parto, e tamén é moi frecuente que non se dedique atención suficiente á detección de celos.

Doutra banda, á hora de levar á práctica un programa de control reprodutivo adaptado a cada explotación, as exploracións dos animais e a supervisión do programa, xunto coa prescrición e control de medicamentos deberán ser realizadas por un veterinario. O veterinario debe ser o responsable do control destes programas.

Máis información: [email protected]