“Somos líderes en leite, pero secundarios na súa industrialización”

Unha mesa redonda sobre as perspectivas do sector lácteo tras o fin das cotas sinala fortalezas no sector produtor pero serias eivas na transformación do produto e nas relacións entre partes na cadea do leite

“Somos líderes en leite, pero secundarios na súa industrialización”

Higinio Mougán, Edelmiro López, Xosé Turnes e Xoán Rodríguez, na mesa redonda organizada en Mabegondo.

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes organizou unha mesa redonda sobre as perspectivas ás que se enfronta o sector lácteo galego tras o fin das cotas. O debate, programado no marco das xornadas técnicas adicadas á produción forraxeira en leite, contou coa participación de Edelmiro López Iglesias, do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago; de Xosé Turnes, presidente da asociación Terra e Leite; de Xoán Rodríguez Diz, de Alltech; e de Higinio Mougán, xerente de Agaca. Resumimos a continuación partes das súas intervencións.

“Co aumento da produción noutros países, existe o risco de que sexamos prescindibles” (Edelmiro López Iglesias)

Modelo produtivo das explotacións
“As explotacións lácteas galegas presentan un modelo intensivo dependente das compras de alimentos externos. O factor terra, neste contexto, será cada vez máis importante pola tendencia á alza dos prezos das materias primas. Outro factor a ter en conta é que o modelo da Política Agraria Común tende a igualar as axudas por hectárea, co cal se fai preciso que os gandeiros se orienten a reducir as compras de alimentos externos. O debate non está entre explotacións extensivas ou intensivas, senón en ter autonomía nos alimentos dos animais e en reducir os custos de produción”.

“Sería realista pensar en aumentar a superficie de cultivo en 130.000 hectáreas”

“Un obxectivo realista sería aspirar a aumentar a superficie agraria ata as 350.000 hectáreas, o que suporía un aumento dunhas 130.000 hectáreas. Hai esa necesidade e trátase dun obxectivo acadable”.

Debilidade do tecido industrial
“Somos líderes en leite pero secundarios na súa industrialización. Máis dunha cuarta parte do leite producido en Galicia sae en cisternas para a súa transformación noutras comunidades. A maiores, a industria que temos aquí está centrada no envasado de leite líquido, o que xera escaso valor. Por cada euro de produción láctea, a industria galega só engade un valor de 12 céntimos. Os selos oficiais teñen agora mesmo unha escasa relevancia na produción láctea. Só o 2% da produción láctea da comunidade se industrializa no marco das denominacións de orixe e só o 0,5 % das vacas están inscritas en ecolóxico”.

“Por cada euro de produción láctea, a industria galega só engade un valor de 12 céntimos”

“Na actualidade, a industria galega ten todos os ovos no mesmo cesto. Non diversificou nin tipos de produto nin destino. Co fin das cotas, preséntase a oportunidade de aumentar o abastecemento ó mercado español e tamén a outros mercados, pero iso require de investimentos que eu non vexo. En calquera caso, penso que o futuro do sector lácteo galego vaise xogar máis no mercado español que no externo”.

“Co aumento da produción noutros países, existe o perigo de que sexamos prescindibles, mesmo a nivel do mercado español. Hai o risco de que parte do leite galego teña dificultades por non ter garantida a recollida. De cara a prepararse para o novo escenario, presentánse dúas posibilidades de actuación. Que os gandeiros asuman maior papel na parte industrial ou que a Administración impulse un proxecto industrial nun ámbito estratéxico”.

Relacións na cadea do leite
“Aforremos obviedades. Todos sabemos da falta absoluta de organización entre os distintos eslabóns da cadea. Esto favoreceu un dominio cada vez máis aplastante das cadeas de distribución, unha situación que perxudica ós gandeiros pero tamén ás industrias, que gañan nun contexto de prezos baixos no mercado mundial, pero que en situacións de prezos altos perden, xa que non son capaces de trasladar ese aumento de custos á distribución”.

Cuestións abertas
– “En que medida se pode lograr a estabilidade en España por autorregulación do sector, tendo en conta a volatilidade dos mercados internacionais e a desaparición das políticas de regulación dos mercados na UE?

– “Ata que punto é posible unha maior estabilidade nas relacións entre gandeiros e industrias sen implicar á distribución?

– “En que medida é realista pensar que as industrias, co seu actual modelo de produción, baseado no leite envasado, poden chegar a un marco máis estable na relación cos produtores?

“O sector lácteo politicamente non pinta nada e non temos ningunha estratexia conxunta” (Xosé Turnes)

“A sociedade galega non ten conciencia da importancia do sector. O sector políticamente non pinta nada e non hai estratexia conxunta de nada. Estamos ben en produción, pero hai un drama inmenso sobre a quen lle imos vender o leite. O reto que temos é que facer xa. A nivel mundial hai un mercado que non ten malas expectativas. Europa estívose preparando con investimentos industriais de cara ás exportacións, pero no noso caso non temos infraestruturas para levar o leite a eses mercados. Outro gran problema é como defender o mercado local. Probablemente Francia, antes de vender o leite en po a Asia, saque máis rendemento de vender en España leite líquido e queixos”.

“Algo pasa se os proxectos industriais fracasan en cadea. Temos un sector descapitalizado e inmobilizado”

“En Galicia, algo pasa se os proxectos lácteos industriais fracasan en cadea e non aparecen outros. Temos unha industria inmobilizada, descapitalizada e cos deberes sen facer. Desapareceu ademais calquera tipo de liderazgo industrial. A empresa líder, a francesa Besnier, semella estar á espera de acontecementos para ir ocupando espazos”.

“Preto do 40% do leite galego comercialízase a través de primeiros compradores intermediarios, ben particulares, ben cooperativas. Que as industrias utilicen os primeiros compradores para abastecerse reflicte unha situación de debilidade. En lugar de manter unha alianza cos produtores, quédanse con pouco leite e mercan a través de intermediarios o que precisen”.

“O gandeiro galego fixo os deberes e está á altura doutros países no contexto mundial” (Xoán Rodríguez Diz)

“O sector produtor fixo bastante máis os deberes que o resto. Ten uns custos produtivos que están á altura doutros países produtores no contexto mundial. Os retos principais pasan por coidar a eficacia produtiva e a rendibilidade económica, pero a cada paso haberá que ter máis en conta outros dous factores que se incorporan con forza, como son a sustentabilidade ambiental e o benestar animal”.

Condicionantes no modelo gandeiro
“As explotacións teñen a necesidade dun maior dimensionamento, o que en Galicia resulta agora máis complicado pola falta de terra dispoñible e por un contexto de axudas e crédito máis limitados”.

“Débese coidar a rendibilidade e atender á sustentabilidade ambiental e ó benestar animal”

“Os produtores de leite galegos son dos menos eficientes cobrando as axudas da PAC na UE. O Estado tiña mans libres para aplicar certas medidas que poderían beneficiar ó agro galego, pero nunca se tomaron. Á hora de repartir as axudas, poderían terse en conta factores como as persoas ocupadas, o valor da produción ou a aplicación dun pago adicional ás primeiras hectáreas, como se fai en Francia. Esta situación perpetúa o atraco sistemático e social que se dá coa PAC. Galicia é das rexións menos competitivas de Europa cobrando as axudas”.

Perspectivas nas industrias
“A industria non ten plan, profesionalizouse pouco e non fixo investimentos precisos, pero porque non tiña capital. Está atomizada e ten necesidade de ser concentrada. A cuestión no sur de Europa é que había un déficit de leite e á industria íanlle saíndo os números, pequenos pero saíanlle nese contexto”.

“As perspectivas apuntan a que a produción na UE medrará un 15-18% ata o 2020. A industria europea ten capacidade para asumir eses volumes e para atacar novos mercados. En España, a nivel europeo dubídase de que sexamos capaces de industrializar o leite que somos capaces de producir. Hai mercados pero hai que fraccionar o leite para a produción de ingredientes e derivados; e tamén é preciso saber permear os novos mercados, como o chino”.

Poderes públicos
“O papel da Administración, a parte de favorecer á Interprofesional, pasa por certificar a rastrexabilidade e sustentabilidade da produción, ademais de asegurar a saúde pública, a medida que se abren novos mercados. A calidade e a seguranza alimentar son claves de cara á exportación”.

“O futuro depende de que o gandeiro asuma compromisos na transformación” (Higinio Mougán, Agaca)

Perspectivas na produción e na industria
“O sistema de produción de baixo custo é a mellor defensa contra a volatilidade de prezos que caracterizará ó mercado. En Irlanda téñeno claro e falan de facer un alto uso da herba de pasto, do raigrás”.

“O déficit de leite en España fixo que o sector industrial español non tivese vocación exportadora. Temos o problema de que seguimos con ese chip, como se o mercado español fose un mercado cautivo”.

“O déficit de leite en España deixounos a falsa idea de que o mercado español é un mercado cautivo”

Cooperativismo
“O sector está asentado no cortoplacismo. Ningunha cooperativa me chama nunca con tempo para ver como se pode impulsar un proxecto industrial senón para ver onde poden colocar o leite cando hai problemas de mercado”.

“A alternativa que pode haber para o sector lácteo non a hai que buscar moi lonxe. Témola no sector do viño de Galicia, que co 2% da produción de España, é capaz de xerar o 8% do valor engadido. O sector vitícola é favorable a valorizar e transformar o seu produto. Os viticultores que están en cooperativas teñen un investimento medio na súa cooperativa duns 10.000 euros. En leite esa situación non se dá. Non hai nin se espera unha cultura favorable a valorizar o leite desde abaixo. Noutros países europeos, os que industrializan son os gandeiros. O sector lácteo depende de que o gandeiro asuma compromisos e responsabilidade na transformación”.

Debate

Tras as intervencións dos catro ponentes, abriuse un debate co público no que se abordaron cuestións como a falta de relevancia política do sector en Galicia ou o grao de preocupación que debe xerar ou non o novo escenario.

“O alarmismo xoga en contra do sector. Non hai motivo para as actuais prácticas das industrias” (Francisco Sineiro)

Sobre esta última cuestión interviu Francisco Sineiro, profesor da Escola Politécnica de Lugo (Universidade de Santiago): “O alarmismo xoga en contra de mellorar a situación. Cando se entrou no mercado común, dicíase que non había solución e si a houbo”, valora Sineiro. “Hai que lembrar que desde o 2009, a produción española medrou un 11%. A preocupación é importante pero na situación de mercado actual, non vexo motivos para que haxa empresas que están aplicando penalizacións nun 10 -20 % do leite que recollen, cando ese leite non vai ir para facer leite en po, segundo se desprende dos datos do Fega”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información