“A sociedade ten que coñecer que detrás dun litro de leite hai unha persoa que traballa os 365 días”

Entrevista a José Luis Míguez Vázquez, veterinario de Seragro e apaixonado da fotografía. Ven de presentar na Semana Gandeira de Mazaricos o libro fotodocumental “El ordeño: lo que es”, sobre a relación entre a vaca e o home a través do muxido.

“A sociedade ten que coñecer que detrás dun litro de leite hai unha persoa que traballa os 365 días”

José Luis Míguez Vázquez co seu libro fotodocumental “El ordeño: lo que es”

Retratar un mundo pouco tratado polos medios e os fotógrafos como é o das salas de muxido de vacún de leite, un espazo no que o ser humano establece unha relación especial coa vaca: o tesouro branco que alimenta á humanidade só é ofrecido por este mamífero en boas condicións se o gandeiro ou gandeira segue unha rutina e lle transmite tranquilidade ao animal. Un rito milenario que estes profesionais realizan co primeiro alborexar do día e volven repetir no solpor, coas últimas raiolas de sol, os 365 días e sexa cal sexa o seu estado anímico.

Para render unha homenaxe aos milleiros de muxidores que por todo o mundo realizan este traballo, o veterinario de Seragro e apaixonado da fotografía, José Luís Míguez, ven de presentar na Semana Gandeira de Mazaricos o libro fotodocumental “El ordeño: lo que es”, editado e distribuído gratuitamente por Laboratorios Calier.

¿Como xurdiu a idea deste libro fotodocumental?
Hai tempo que estou facendo fotografía e visitando exposicións e tiña a inquedanza de facer un libro de fotografía relacionado co meu traballo. Ademais, quería cubrir un oco que non está tratado dende o punto de vista artístico como é o do muxido.

As fotos foron todas sacadas en ganderías da provincia da Coruña e de todo tipo: dende explotacións con 4 vacas a outras con 400 animais en muxido.

¿Cal é a característica que, segundo ti, une a todas estas ganderías?
Todas elas viven do leite, un produto ao que adicaron toda a súa vida. Parto de que estes gandeiros e gandeiras fan da súa profesión unha forma de vida ao servizo de toda a sociedade, para producir un alimento básico como é o leite, coidar o medioambiente e manter vivo o medio rural.

Non introducín nas fotos ningún tipo de filtro ou de matices á hora de retratar aos gandeiros e gandeiras durante o muxido, e por iso meto todo tipo de establos e en condicións reais.

 “Este libro está feito dende a sala de muxido, amosando o que hai”

¿Que te levou a especializarte como veterinario en sanidade do ubre?
Empecei no ano 1997 facendo clínica libre e uns oito anos despois entrei na empresa Seragro, un pouco motivado porque era a mellor escola para sacar adiante un traballo cada vez máis esixente e pluridisciplinar como son os servizos veterinarios para vacún de leite.

Durante este período vivín o momento no que se pasou en Galicia de haber 70.000 ganderías a unhas 12.000. Vivín tamén como concellos como Oza e Cesuras pasaron de ser dunha tradición gandeira a especializarse exclusivamente no sector forestal do eucalipto. Daquela aínda se muxía en cántaras ou en pequenos circuítos nas casas de labranza e todo iso desapareceu.

¿Fáltalle ao gandeiro ser recoñecido pola sociedade como un artesán máis, ao mesmo nivel que ten en Francia e noutros países?
Non digo que a sociedade non o recoñeza, senón que non está traballado. O do leite é un sector que está esquecido e que só é noticia cando hai problemas. Ao contrario doutros sectores como o do viño, que se asocian a prestixio e tradición e mesmo a glamour e que é amplamente fotografado.

A sociedade debería ter tamén conciencia de que detrás dun litro de leite hai unha persoa, o gandeiro ou a gandeira, que traballa os 365 días do ano e que ve o amencer e o solpor todos os días traballando dende a sala de muxido.

Dende un punto de vista técnico, e dada a túa xa ampla traxectoria profesional, ¿En que aspectos do muxido cres que aínda hai marxe de mellora?
Hai moito que mellorar aínda na calidade do leite, na estimulación das vacas antes poñer a muxidora, co fin de transformar o leite do estado de glándula ao sistema de cisterna no ubre.

Tamén intentamos combater o sobreordeño porque canto antes se muxa mellor, e se lle podemos rabuñar a unha vaca 10 ou 20 segundos de colapso de tetoeira para extraer o mesmo leite, moito mellor. A vaca váinolo agradecer e imos ter un animal con catro tetos en bo estado ata o final do seu ciclo.

A introdución dos robots de muxido, ¿Despersonaliza esa estreita relación da persoa e a vaca no momento do muxido?
Todo o que sexa tecnoloxía e progreso está ben. O robot de muxido é unha solución á falta de man de obra e é unha opción máis. Non ten porque quitar relación, aínda que si é certo que se perde ese estado anímico da persoa que palpa e toca a vaca no ubre todos os días. Pero a relación emotiva do gandeiro coas súas vacas segue aí porque é quen as cría, o que as coida e vive do seu leite.

“Hai que evitar que os problemas persoais acaben parando no foso de muxido”

¿O estado anímico do muxidor inflúe de forma decisiva no muxido?
Efectivamente. Os problemas e preocupacións que ten unha persoa no día a día van parar ao foso de muxido. Neste sentido, o ter a cabeza no que se fai, o que se chama liña de pensamento activo, de pensar no que se está facendo para facelo ben, é fundamental durante este traballo.

Moitos dos erros que se cometen durante o muxido son porque se realiza o traballo co piloto automático.

¿Que fotografía do libro che tocou máis emocionalmente?
Unha fotografía da man dunha persoa maior acariñando unha vaca. Fíxena cun teléfono móbil hai tempo nun prado dun tío da miña muller. Esa foto para min segue sendo unha das mellores que levo feito e téñolle moito cariño polo significado que ten de relación profunda entre o ser humano e a vaca.

Dáme moita mágoa cando unha explotación pecha, porque tes unha relación cos gandeiros de ilos visitar todos os meses e ves como se vai pechando a gandería cando non hai relevo xeracional. É duro porque lle acabas collendo cariño á honestidade que puña a persoa con aquela actividade.

¿A xente moza non se incorpora á gandería polo suxeito que é o muxido?
Creo que é un tópico. Á xente nova gústalle o rural e o problema é que estamos nunha crise de prezos e de infravalorización do que hai detrás dun litro de leite. Exemplos en positivo témolos en Eu Son Mazaricos, un grupo de xente nova que aposta por quedar no rural ou mocidade que se está incorporándose á agricultura e á gandería en distintas partes de Galicia. O que quere a xente nova é que se valorice o seu e loitar polos seus dereitos porque o rural ten que dar calidade de vida e a dá, o problema é quen non o ve así

¿Onde se pode conseguir o teu libro?
O libro é de distribución gratuíta, eu non gaño nada con el e fíxeno por paixón e porque me gusta este mundo e a fotografía. O libro distribuirao Laboratorios Calier, que mesmo vai destinar unha partida a Sudamérica, un mercado emerxente no que esta empresa tamén está presente. Vai ir chegando pouco a pouco aos gandeiros a través dos distribuidores de Calier.

Por último, quixera agradecer a Calier que unha multinacional farmacéutica coma ela rompa coa liña estética con este libro. É dicir, sempre que se ofrece propaganda no mundo da gandería ensínase un mundo totalmente aséptico que non é o real. Este libro, pola contra, está feito dende alí dentro, dende a sala de muxido, amosando o que hai.

muxido_seragro_01_standar

Unha das fotos do libro. Autor: José Luis Míguez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información