Situación e perspectivas do mercado lácteo

Os primeiros meses do ano sáldanse cunha produción de leite contida en toda Europa, con prezos que baixaron estacionalmente na primavera e cunha recuperación do mercado do leite en po

Situación e perspectivas do mercado lácteo

O mercado lácteo mantivo no primeiro semestre do ano unha liña de estabilidade en toda Europa, cunha produción contida e uns prezos do leite no campo que experimentaron un leve descenso estacional na primavera. As perspectivas para próximos meses apuntan a lixeiros incrementos da produción e a unha alomenos leve recuperación de prezos no campo. No mercado de produtos lácteos industriais, destaca a boa evolución das exportacións europeas, especialmente en leite en po.

Europa comezou o 2019 cunha lixeira baixada de produción en relación ó mesmo periodo do ano anterior, pechando o primeiro trimestre cun -0,1% de entregas de leite. Similar situación se produciu en España, se ben en abril a produción acumulada no conxunto do Estado xa superaba á do mesmo periodo do ano anterior. Distinto é o caso de Galicia, onde as entregas este ano foron medrando tódolos meses.

A primeira consecuencia en Europa da estabilidade da produción foi o mantemento duns prezos do leite no campo que aguantaron sen grandes sobresaltos ata a tradicional baixada estacional na primavera. En Europa, o prezo baixou na primavera desde os 35 céntimos de inicios de xaneiro ata os 34,11 de maio, segundo os cálculos do Observatorio do Sector Lácteo; en tanto en España a baixada ata abril foi de -0,4 céntimos, pasando de 33 a 32,6 céntimos litro; e en Galicia de -0,2, quedándose en abril en 31,5 céntimos.

As vendas de leite en po ó exterior aumentaron un 34% e tamén medraron as vendas internacionais de queixos

Como é habitual, Galicia está á cola de prezos de España e se se compara a situación das explotacións galegas coa das comunidades veciñas, o prezo na comunidade está 1,2 céntimos por baixo do castelán e 3,4 céntimos por baixo do asturiano. En Galicia non son previsibles moitos cambios nos próximos meses, pois unha parte do leite está contratado na comunidade a prezo fixo para todo o ano, outra parte está referenciada á evolución do prezo medio en Galicia -co cal manterá unha estabilidade similar-, e si haberá maiores cambios entre os primeiros compradores e nos contratos que teñen parte do leite referenciada a produtos lácteos industriais.

Perspectivas en Europa
As perspectivas que se manexan no mercado para Europa é que para os próximos meses haxa unha lixeira recuperación da produción, salvo imprevistos meteorolóxicos que afecten ó sector, e unha mellora dos prezos do leite no campo.

O bo comportamento do mercado de produtos lácteos industriais avala esas expectativas. Entre xaneiro e abril, Europa exportou un 3% máis de queixos, unha gama de produto que representa o 40% das exportacións en valor; e disparou as vendas ó exterior de leite en po desnatado un 34%, en boa medida polos aumentos de vendas a China e Indonesia.

O leite en po desnatado, que chegara a estar no segundo semestre do ano pasado no entorno dos 1.500 euros por tonelada, sitúase agora nos 2.050 euros por tonelada, coa boa nova ademais da venda total ó mercado dos stocks comunitarios de leite en po intervido nos últimos anos.

As exportacións europeas aumentaron os primeiros meses do ano un 2% en volume e un 7% en valor

A manteiga, pola contra, experimenta nos últimos meses un descenso progresivo de cotizacións, pero mantense aínda por riba dos 4.000 euros por tonelada, en cotizacións que seguen sendo históricas.

Se ben a manteiga reduciu levemente as súas exportacións e outras liñas como o soro en po e o leite en po enteiro tamén evolucionan á baixa nas vendas internacionais, as exportacións europeas en leite equivalente medraron en conxunto un 2% en volume e un 7% en valor nos primeiros meses do ano.

O bo comportamento de Europa no mercado internacional lígase tamén á apreciación do dólar fronte ó euro, o que fai que a UE teña na actualidade os prezos máis competitivos entre os grandes produtores lácteos mundiais. Débese ter en conta ademais os descensos de produción nos últimos meses en Australia e Nova Zelanda, afectada pola seca, así como o estancamento da produción en Estados Unidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información