Síntomas e tratamento do verme do arame en millo

O verme do arame é un as pragas que máis danos provocan no cultivo do millo. Resumo do relatorio do experto neste cultivo Albert Porte-Laborde, durante as III Xornadas do Rural Galego dende Curtis 

Síntomas e tratamento do verme do arame en millo

Adulto do verme do arame. Foto: Albert Porte-Laborde

O verme do arame é a larva dos insectos da familia dos elatéridos (Agriotes e Athous, son os que máis danos provocan en agricultura das 7.000 especies coñecidas) e trátase dunha das pragas máis frecuentes e que máis danos provocan no cultivo do millo.

Para analizar como detectar os seus danos e como se debe tratar, Albert Porte-Laborde, experto internacional en cultivo do millo, impartiu o pasado mes unha conferencia maxistral nas III Xornadas do Rural Galego desde Curtis, organizadas por este concello coruñés. “Para evitar os seus danos a solución eficaz é tratar cun insecticida no momento da sementeira”, destacou.

Como punto de partida, lembrou que o adulto é un insecto coleóptero escuro, de 10 a 13 mm de lonxitude da familia dos elatéridos. En fase de larva, é un verme amarelo e relativamente duro que ataca á raíz das plántulas.

Os ataques do verme do arame repártense por focos ou manchas nas parcelas de millo, e varios son os síntomas da súa presenza.

1) Ataques directamente aos grans que conduce a problemas de emerxencia

arame_verme_millo_laborde_3

2) Desecación do corazón da planta -o cogollo terminal- e das follas máis novas. As plantas afectadas presentan a miúdo seca da folla central, mentres que a primeira e a segunda follas están intactas.

arame_verme_millo_laborde_4

3) Murchado das plántulas (2-3 follas) en caso de ataque precoz e despois desaparición das plantas con 2-3 follas, aínda que esta desaparición é máis frecuente a partir de 4 follas e até as 6-7 follas.

arame_verme_millo_laborde_5

4) Afillado das plantas, se hai soamente mordedura da base do talo principal. Nestes casos ás veces vese unha perforación, un buraco circular de 1 a 3 mm de diámetro, á altura do pescozo da raíz. A reacción da planta ante esta ferida é afillar.

Afillado natural, á dereita, e por ferridas do verme do arame, á esquerda: 

arame_verme_millo_laborde_8

5) A mordedura superficial ao nivel do ápice provoca unha deformación na planta, como o alongamento da corneta foliar cilíndrica.
arame_verme_millo_laborde_9

6) Ás veces pódese observar unicamente o esbrancuxado dunha parte do limbo a un só lado do nervio central da planta.
arame_verme_millo_laborde_10 arame_verme_millo_laborde_11

Canto podo perder da colleita?

As perdas na colleita de millo forraxeiro varían moito segundo os síntomas, podendo oscilar entre o 15 e máis do 90% nos casos máis graves.
arame_verme_millo_laborde_12

Recomendacións:

Contra o verme do arame non hai solucións curativas, pero se medidas preventivas como aplicar insecticida no momento da sementeira. “Un ataque xa declarado ten sempre un mal prognóstico e non hai solucións curativas. Ademais, se vén tempo seco, debido á falta de humidade na parte superficial do chan, os vermes do arame poden baixar a máis profundidade, fóra da zona de sensibilidade do millo. Non se pode previr os danos, e cando a leira a sementar tivo antes do millo pradaría permanente ou temporal sempre hai riscos”, asegura Albert Porte-Laborde.

Como recomendacións, o experto francés lembra que:

-O verme do arame está presente sobre todo en zonas húmidas e naquelas leiras que tiveron pradaría antes do millo. “Gústanlle os solos ricos en materia orgánica e as rotacións de cultivo que integran pradarías permanentes ou artificiais co millo. Pola contra, hai menos nos chans moi areosos e en zonas inundables”, destaca.

-É obrigatorio tratar na sementeira cun insecticida se houbo danos anteriores na mesma parcela. Tamén se, en fincas que tiveron antes pradaría, o tempo frío e húmido retarda a emerxencia e despois o crecemento e o desenvolvemento do millo.

-A fertilización starter aplicada na sementeira favorece o desenvolvemento radicular e pode permitir evitar parcialmente os ataques do verme do arame, se non son graves. Porén, esta estratexia vese limitada se os ataques son graves ou mesmo medios.

-Unha vez detectada a praga non hai solución curativa con produtos fitosanitarios.

-A única estratexia eficaz son as medidas preventivas con produtos fitosanitarios, ben sexa con tratamentos xa na semente ou con insecticidas microgranulados incorporados na sementeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información