Siambasa: A superforraxe de moda tamén chega a Galicia

Un gandeiro de Guitiriz sementa unha parcela de proba con Siambasa, unha planta herbácea que permite dispor de pasto ou forraxe verde durante o verán. Técnicos da cooperativa Delagro visitaron esta mañá a leira

Siambasa: A superforraxe de moda tamén chega a Galicia

Campo de pasto siambasa de SAT Margá

Unha planta herbácea que tolera a seca estival, con altura de até 1,65 metros, da que se poden obter até 5 cortes ao ano e con producións que chegan ás 25 toneladas de materia seca por hectárea e ano e un contido en proteína de entre o 18 e o 20%.

Chámase Pasto Siambasa (panicum maximun cv. Mombasa), é de orixe africana, e os primeiros campos de cultivo do que se presenta como unha superforraxe realizáronse en Galicia, en concreto na gandaría SAT Margá, de Guitiriz (Lugo).

Técnicos da cooperativa Delagro, acompañados de gandeiros, visitaron esta mañá a parcela de 2 hectáreas nas que se ensaiou este cultivo, de momento con bos resultados. Outras dúas leiras experimentais sementáronse tamén nas localidades asturianas de Villaviciosa e Llanes. “É un cultivo tropical, perennne, pero que tolera mal o frío e as xeadas. Delagro proporcionoulle a semente a este gandeiro de vacún de leite que traballa en pastoreo, co obxectivo de ensaiar un cultivo herbáceo que lle garantise un pasto verde e de boa calidade nutritiva durante o verán, entre xullo e setembro, algo que cada vez é máis difícil de conseguir co cambio climático”, explica Alonso López, do departamento comercial de Delagro.

A leira de Guitiriz sementouse co pasto siambasa o día 11 de xuño, cunha dose de 10 quilogramos por hectárea -a semente é moi pequena, polo que é preciso axustar a sementadora- e neste momento os resultados son positivos: Un pasto verde, con moita folla e pouco talo e unha altura que oscila entre os 1,20 metros da zona máis húmida da leira aos 0.90 centímetros da máis seca. Esta próxima semana cortarase para analizar tanto en verde, como herba seca e como ensilado, e así comprobar os seus resultados nutricionais e certificar que é completamente apto para o gando vacún de leite.

“A leira na que sementei a siambasa era unha pradaría vella, nun terreo pobre e que levou pouco abonado. A pesar diso, os resultados son aparentemente bastante positivos, polo que, se os resultados das analíticas confirman o seu valor nutricional, dixestibilidade e palatabilidade para o gando, o próximo ano sementarei máis terreo e preto da corte, para que as vacas póidano pacer durante o verán” asegura Óscar Morado, gandeiro de SAT Margá.

En todo caso, a súa primeira impresión é positiva, xa que “ten moita folla, moi verde, e practicamente non ten talo, pois non espiga, e renova facilmente”.

SIAMBASA DELAGRO 2APAISASA

Algunhas claves do siambasa:

-O corte da planta xa sexa de forma mecánica ou en pastoreo non debe ser inferior a unha altura de 10 cm desde o chan, para conseguir un rebrote optimo, alcanzando os mellores resultados cunha altura de 20 centímetros.

-En España xa se cultiva en Andalucía e tamén en Cataluña.

-A semente custa ao redor de 24 euros/kg e a dose de sementa é de 10 a 12 kg/ha.

-En regadío obtéñense até 5 cortes ao ano, cunhas producións ao redor das 25 t/ano de materia seca e cun contido en proteína que está entre o 18 e 20 %.

Máis información:

Recomendacións para sementeira do pasto siambasa

Artigo técnico sobre a produción e as calidades nutricionais do pasto siambasa

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información