“Sen Xenética Fontao, dominarían o mercado as empresas de seme estranxeiras e a prezos moito maiores”

Entrevista a Jesús Vázquez, conselleiro delegado de Xenética Fontao. Adianta que para xaneiro próximo o centro empezará a vender seme sexado. A mellora xenética das razas autóctonas galegas, entre os próximos proxectos.

“Sen Xenética Fontao, dominarían o mercado as empresas de seme estranxeiras e a prezos moito maiores”

Jesús Vázquez, conselleiro delegado de Xenética Fontao

Jesús Vázquez Pérez está á fronte de Xenética Fontao dende hai algo máis dun ano. Esta sociedade pública mercantil está participada no 80% pola Consellería do Medio Rural e o 20% está en mans dos gandeiros a través de Fefriga e Acruga.

Que función desempeña Xenética Fontao no sector gandeiro galego?
A sociedade pública mercantíl Xenética Fontao, S.A., naceu da man da Consellería do Medio rural e do Mar, no ano 1998 para potenciar a selección e mellora xenética das razas Frisona e Rubia Galega en Galicia, e as súas orixes están na Estación Pecuaria de Lugo nos anos cincuenta do século XX, que xa viña traballando na mellora da xenética do gando vacún.

Neste momento Xenética Fontao conta cuns 370 animais, entre eles dous touros número 2 nacionais no ránking de CONAFE. A segunda liña de traballo do centro é o Laboratorio de Xenética Molecular, único en España tanto polo seu nivel como pola escala á que traballa.

A existencia desta sociedade ten sido estratéxica para o sector, porque os países que non teñen centros coma este padecen un grave problema de competitividade e ao final as regras de xogo do mercado de doses seminais e da mellora xenética bovina impoñeríanas as empresas estranxeiras a uns prezos moito maiores.

Cales son as liñas xenéticas de vacún de leite nas que estades a traballar?
No mes de xuño vai cambiar o índice ICO, e o que se ten decidido polo sector productor lácteo é invertir a dirección de selección xenética. Ata agora tíñase insistido moito na produción, no incremento de kilos por vaca e lactación. Agora vaise dar máis valor á saúde e á lonxevidade da vaca e a parámetros como a porcentaxe de graxa e a proteina, valores que afectan ao prezo do leite. A corrección do ICO vaise facer en golpes de dous anos para camiñar cara unha maior intensidade de selección dos carácteres de calidade, saúde e de lonxevidade dos animais.

“En xuño o índice GICO vai cambiar para darlle máis peso á lonxevidade”

Agora temos uns animais moi produtivos, pero cunha taxa de reposición media moi elevada, de só 2,5 lactacións. Este cambio que se vai facer en España estase facendo xa a nivel mundial.

Cales son os obxectivos que se marcan?
O que vai determinar o incremento dos caracteres de calidade, saúde e lonxevidade son caracteres parciais como boas patas, tetos ben colocados, vacas menos susceptibles á mamite, facilidade de parto, mobilidade, tempo de muxido, proteina, graxa…etc.

Ao seleccionar eses caracteres deberiamos obter animais máis lonxevos e saudables, buscando tamén unha maior porcentaxe de graxa e proteina no leite. Todos estos parámetros afectan significativamente á rendibilidade das explotacións lácteas.

Que animais destacarías de Xenética Fontao como máis destacados, tanto en touros probados como xenómicos?
Os máis demandados neste momento son touros probados como Torrel, que xa leva tres campañas de forte demanda, 35.000 doses na última campaña do control leiteiro; Delano, un animal que xa recolle cambios na dirección do ICO cara á saúde e a lonxevidade. Despois tamén son de destacar Delete, os fillos de Xacobeo, como Dixie e Xubileo..etc.

Torrel_xenetica_fontao_01_standar

Torrel. Autor: Mauricio de los Santos

En touros xenómicos, que teñen unha fiabilidade menor que os touros probados, pero ainda así moi elevada -por enrriba do 70%-, temos a sorte de ter catro animais que son moi demandados ahora: Suprem, Melendi, Invictus e Snowsen.

O problema cos touros xenómicos, cuxa idade está entre os 14 e 16 meses cando comenzan a producción, é que a súa produción de seme tamén é menor, o que fai que a entrega se alongue no tempo, con agardas de 4-5 meses para recibir o producto.

Para compensar esta circunstancias aos gandeiros do control leiteiro e responder ás súas necesidades inmediatas de reproducción, o que facemos é unha permuta de 1,5 doses doutros touros dos que temos en stocks por cada unha das doses do touro xenómico solicitado.

Podes adiantar algunhas compras que vaiades facer nos próximos meses?
É algo que non se pode prever, porque recibimos información diaria e contrastámola con analíticas do ADN feitas na empresa. Esta selección faise nunha mesa técnica, na que tamén deciden os gandeiros a través dos técnicos dos AFRICOR, e partir de aí intentamos comprar os touros seleccionados.

“Para o próximo mes esperamos contar con doses seminais de Quixote”

Nestes momentos vimos de mercar un xenómico novo, Quixote, que da un elevado índice GICO. É un animal que esperamos poñer en produción no mes de xuño. Pero hai que ter en conta que a produción semanal, se todo vai ben, é dunhas 200-300 doses seminais, o que obrigará tamén aos gandeiros a agardar.

O reparto destas doses da xenética máis actual faise primeiro entre as 3.500 explotacións de Control Leiteiro, destinando un 10% para os outros mercados, tanto galego como español.

En total, vendemos ao ano unhas 800.000 doses seminais da raza Frisona.

Fontao_touro_MELENDI

Melendi. Autor: Mauricio de los Santos.

Como están os prezos?
Actualizáronse cunha suba duns 1,5 euros o último ano e a partir de ahí vanse manter estables. O prezo máis alto que temos é de 22 €, que é o caso de Torrel, o número un actual en España (probas GMACE abril), cando na competencia outras empresas están nos 35 € para arriba e sen que sexa mellor a súa calidade xenética.

Para as explotacións do Control Leiteiro, como xa dixen, facemos unha campaña anual cun desconto do 40% sobre estos PVP. Esa é a diferencia de contar cun sociedade pública o servizo do sector como é Xenética Fontao, S.A..

Por último, temos un podium honorífico e unhas poucas doses de touros históricos, como Xacobeo ou Gospell, en 24 € por dose.

Os gandeiros demandan melloras no reparto das doses seminais. ¿Que aspectos se poderían mellorar?
Podemos mellorar en programación e loxística porque a veces na constitución de stocks de seme non somos o suficientemente áxiles. Tamén temos que ter en conta que a bioloxía non permite a un touro xenómico producir coma un touro adulto. Todo isto, xunto con que os nosos gandeiros sempre queren a última xenética dispoñible, fai ás veces díficil facer unha programación de stocks e produción axeitada a esa demanda de producto tan actual.

Por outra parte, hai que lembrar que para as explotacións de control leiteiro, ademais do 40% de desconto, este ano introducimos a posibilidade de fraccionar os pago en dous prazos ao longo de catro meses. Un total de 600 explotacións acolléronse a esta facilidade.

“En xaneiro do próximo ano contamos empezar a ofertar seme sexado”

Somos receptivos ás propostas do sector. Por exemplo, neste momento estamos traballando nun acordo cun centro europeo para poder ofrecer seme sexado. Isto permitiríanos dispor dun mínimo de 10.000 doses anuais dos nosos touros, respondendo a unha demanda insistente dos gandeiros.

A previsión é que, se todo vai ben, xa no mes de setembro podamos dispor dalgunha destas doses e poder ofertalas na campaña do control leiteiro, en xaneiro do vindeiro ano.

Que fiabilidade ten o seme sexado?
Hai que lembrar que o seme sexado ten un 88% de fiabilidade de producir femias, porque hai que ter en conta que un 12% dos espermatozoides levan o cromosoma Y e dan machos. Ademais, a concentración de espermatozoides é dez veces menor á dunha dose normal (veñen con dous millóns cando o normal en semen convencional son vinte millóns de espermatozoides), polo que a fertilidade é máis complicada e está indicado para animais de primeira preñez e en bo estado de saúde.

Do contrario, o resultado pode ser que o gandeiro gaste o dobre que unha dose normal e que non haxa preñez.

Fontao_touro_DELANO

Delano. Autor: Xenética Fontao

Que posibilidades vos está abrindo a transferencia embrionaria?
Temos un Laboratorio de Fecundación In Vitro capaz de producir embrións a escala comercial, normalmente cun 35% de embrións viables dos obtidos dunha punción ovárica.

Ademais, a Xunta ten asinado un convenio con Xenética Fontao para facer transferencia de embrións de alta xenética. Esa liña supón unha partida finalista de 150.000 euros ao ano para comprar e transferir embrións en ganderías colaboradoras. Fáiselle de xeito gratuíto ás explotacións colaboradoras co requisito de dereito preferente de compra dos machos por Xenética Fontao.

É unha liña que está encetando pero que está funcionado ben. Hai que ter en conta que somos o único laboratorio en España que fai isto a escala comercial, e dos poucos de Europa.

Por outra parte, temos unha liña de embrións terapéuticos, duns 1.000 embrións ao ano, que parte dos óvulos extraídos a vacas adultas. Logo, fecúndanse os embrións e implántanse en vacas con problemas reprodutivos. Mediante esta técnica, a súa función hormonal cambia e deixan de ter ou melloran os seus problemas reprodutivos.

“Traballamos na presenza de betacaseína no leite, para mellorar a elaboración de queixos”

Que vantaxes teñen as explotacións colaboradoras de Xenética Fontao?
A colaboración no FIV faise con explotacións con femias de alta cualificación xenética. Mediante un convenio, ofrecemos gratuitamente a inseminación de xovencas a cambio de obter sementais a custos razoables. Hai que ter en conta que os sementais no mercado custan normalmente entre 6.000 e 10.000 euros e incluso máis; mentres que mediante estas técnicas, conseguimos animais de altas calidades xenéticas a unha tarifa plana de 2.500 euros por xato, e o gandeiro queda coas xovencas.

Finalmente, o máis importante son as vantaxes xa mencionadas que teñen en prezo as explotacións no control leiteiro oficial que, a través dos AFRICOR colaboran cos datos que aportan con Xenética Fontao na proba de touros.

A cooperación Xenética Fontao – sector é fundamental para manter o progreso xenético das nosas explotacións e constitúe unha alternativa de reprodución de moi alta calidade ao mellor prezo posible.

En que novas liñas estades traballando en Xenética Fontao?
Ademáis do proxecto do semen sexado, estamos pendentes dun convenio ca Consellería do Medio Rural e Mar, para facer un mapa xenético das razas autóctonas de Galicia.

Tamén en materia de xenética molecular, estamos barallando varios proxectos de investigación en áreas como a betacaseína no leite para mellorar a queixificación, para a selección de touros que transmitan esas características e obter así vacas que a produzan. Tamén estamos traballando en liñas de mellora xenética en ovino e cabrún e outras especies.

Torrel
image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información