Selección de vacas A2A2: ¿Moda ou estratexia de futuro?

O leite con Beta Caseína A2, máis dixerible e producido por vacas co xen A2A2, está cada vez máis presente como un produto diferenciado e con maior prezo nos mercados. ¿Están os gandeiros seleccionando os seus rabaños en España para producir este tipo de leite?

Selección de vacas A2A2: ¿Moda ou estratexia de futuro?

Leite A2 no liñal dun supermercado

O leite con Beta Caseína A2, producido por vacas co xen A2A2, está cada vez máis presente como un produto diferenciado e con maior prezo nos mercados, xa que entre outras particularidades, é máis dixerible.

Australia, Nova Zelandia, Inglatera, Estados Unidos ou China son algúns dos países nos que máis se está implantado nos lineais este tipo de leite. Sirva como exemplo que A2 Corporation, unha industria láctea especializada neste produto, xa vende máis do 10% do leite líquido en Australia. O leite A2 véndese a un prezo de 1,9 euros a botella de dous litros, mentres que o leite convencional ten un prezo que oscila entre 1,7 e 1,5 euros.

En España aínda non hai ningunha industria láctea especializada neste tipo de produto, aínda que si hai proxectos en marcha, especialmente en Cataluña, a comunidade onde os gandeiros tamén están a apostar de forma máis decidida por seleccionar os seus rabaños para que sexan A2A2.

José Antonio Jiménez Montero, coordinador do Departamento Técnico de Conafe asegura que “en España o 34% das vacas Holstein teñen xenotipo A2A2, o 49% A1A2 e o 17% A1A1, e en Galicia a porcentaxe é practicamente igual”.

Conafe: “A nosa opinión é que hai que traballar na selección de vacas A2A2”

En canto á evolución, José Antonio Jiménez asegura que “non a coñecemos, os estudos falan de valores moi similares en torno ao 35% aínda que en ganderías concretas pode variar polo azar de usar uns touros ou outros, salvo aquelas que comezaron a seleccionar por A2A2”. O técnico de Conafe recoñece que en España “de momento non hai evolución das vacas A2A2 porque nunca se seleccionou nin a favor nin en contra; é un exemplo de xen en equilibrio Hardy-Weinberg”.

Con todo, si destaca que “agora mesmo hai algunhas ganderías comezando a seleccionar en España, grazas a que a análise vén incluída xunto ao xenotipado”.

“A nosa opinión -engade- é que hai que traballar nesta dirección, xa que é fácil incrementar a porcentaxe de vacas A2A2″.

Alejandro Fernández (Xenéfica Fontao): “Pode ser unha aposta de futuro, pero a clave é que lle paguen máis este leite ao gandeiro”

Unha opinión que comparte Alejandro Fernández Fernández, xefe da área de Selección e de Mellora Xenética do centro público Xenética Fontao.

“No catálogo de Xenética Fontao xa contamos con touros punteiros que conteñen dúas copias do alelo A2A2, pero tampouco está claro desde o punto de vista científico que este tipo de leite teña todas as propiedades que supostamente se lle atribúen”.

“De momento, en España a industria non está interesada en vendelo como un leite diferenciado e unha clave sería que ao gandeiro se lle pagase máis por este tipo de leite”, engade.

En todo caso, o responsable de Xenética Fontao destaca que tecnicamente sería viable: “Para o gandeiro só sería cuestión de introducir animais A2A2 e ir mudando a frecuencia xénica cara a ese alelo”. “En canto á recollida -engade- a granxa ao principio necesitaría dous tanques de leite mentres non ten todo en A2 e a industria tamén debería desenvolver liñas específicas para recoller este leite”, explica. “Pode ser unha aposta de futuro, pero a clave é que lle paguen máis este leite ao gandeiro”, conclúe Alejandro Fernández.

Daniel Martínez (Embriovet): “Algúns gandeiros coméntanme que máis que esperar mellor prezo, no futuro quizais sexa a única maneira de vender leite”

Daniel Martínez, confundador de Embriovet, unha das empresas punteiras en Galicia e en España en programas de mellora xenética para ganderías de vacún de leite, recoñece que “os gandeiros non están a seleccionar máis o rabaño por A2A2 porque a industria non paga un plus por este leite, pero no futuro si vai ter relevancia e, de feito, as ganderías máis punteiras xa o están facendo”.

“En Cataluña calou moito e os gandeiros están a seleccionar para A2 para no momento que teñan toda a produción tentar facer marca, e de feito hai proxectos de industrias que están a esperar a ter un volume suficiente para satisfacer o mercado”, explica.

Algo similar están a realizar Embriovet en ganderías no Valle de los Pedroches (Córdoba): “No proxecto xenético destes gandeiros o xen A2A2 non é excluínte, pero sempre entre dous touros similares seleccionamos o que presenta A2”.

“En Cataluña os gandeiros cos que falo coméntanme que máis que esperar que a industria lles pague máis polo leite A2, no futuro quizais sexa a única maneira de vender leite a industria, porque esixirá que todo sexa deste tipo”, conclúe.

Orixe da betacaseína A2

Orixinalmente, as vacas producían soamente a proteína Betacaseína A2. Fai uns 10.000 anos, unha mutación celular levou a que en certas vacas leiteiras europeas comezasen a producir a proteína Beta Caseína A1. Desde entón, a proteína Beta Caseína A1, correlaciónase con maior produción de leite e atópase comunmente en razas como a Holstein. En razas europeas como Guernsey, Jersey e Pardo Suízo, así como razas africanas e da India como Brahman, Gyr, Vermello sindhi e Rathi, aínda é moi común atopar a proteína A2. O cruzamento desas vacas con touros de proteínas A1 deu lugar a híbridos que producen A1 e A2.

O verdadeiro leite A2 só pode ser producida a partir de gando que posúe dúas copias do xen A2 no seu ADN. Así que para ter un 50% de probabilidade para obter un animal con xenética A2A2, débese inseminar cun touro con polo menos 1 copia do alelo A2 a unha vaca con polo menos unha copia do alelo A2.

Para asegurar con 100% de certeza de que unha femia producirá leite A2 unha vez fresca, ten que ser o resultado do emparellamento dunha vaca con dúas copias do xen A2 cun touro que tamén ten dúas copias do xen A2.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información