Seis mitos sobre o leite que son falsos

A relación entre lácteos e saúde humana é a miudo obxecto de controversia social. Resumimos a continuación unha análise científica sobre a realidade do leite a cargo de Carlos Spuch, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur

Seis mitos sobre o leite que son falsos

Carlos Spuch, durante a súa intervención na xornada de Lugo.

En internet non é dificil atopar diversidade de opinións contrarias ó consumo de leite, amplificadas con frecuencia en redes sociais. Que hai de verdade e de mentira en todo o que se conta sobre os lácteos? Carlos Spuch, investigador senior do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, ofreceu unha charla en Lugo na que abordou os mitos e realidades sobre o leite desde un punto de vista científico.

O acto enmarcouse nunhas xornadas de apoio ó consumo de leite fresco organizadas onte por Leite Lugo. Aproveitando as xornadas, Spuch fixo unha chamada a apoiar a investigación sobre o leite en Galicia. “Temos un potente sector lácteo que merece que haxa unha boa investigación en paralelo. Sabemos moito do leite e dos seus efectos positivos sobre a saúde humana, pero quédanos aínda moito por investigar”.

A análise sobre o leite que realiza Spuch, desde un marco científico, desmonta os seguintes 6 mitos:

1) É pouco natural que os seres humanos consumamos leite

Un dos argumentos habituais contra o leite cuestiona como pouco natural que os seres humanos sexamos os únicos animais que consumimos leite de adultos. O certo é que a tradición de consumo de leite ten máis de 8.000 anos. Iniciouse no Neolítico grazas a unha mutaxión xenética na poboación europea que lle permitiu o consumo de leite. Ese leite foi clave para o desenvolvemento da gandería, o establecemento de poboados sedentarios e o abandono da caza e da recolección como únicos xeitos de conseguir alimento.

De feito, a vaca é un elemento sagrado en moitas culturas tradicionais. Na mitoloxía dos países escandinavos, atribúeselle á chamada gran vaca cósmica, Audhumla, a orixe e alimentación con leite dalgúns dos seus deuses.

2) A maioría da poboación mundial é intolerante ó leite

Os seres humanos precisamos dunha enzima, a lactasa, para dixerir un dos compoñentes do leite, a lactosa. En Europa, boa parte das persoas contamos con lactasa no intestino de xeito natural, se ben as persoas intolerantes á lactosa carecen de lactasa no seu organismo.

Queixo, iogures ou leite pasteurizado apórtanlle ó organismo lactobacilus, que enriquecen a flora intestinal e facilitan a dixestión dos lácteos

A ausencia de lactasa non quere dicir que non se poidan consumir produtos lácteos. Os queixos, iogures e o leite pasteurizado, entre outros produtos, apórtanlle ó organismo lactobacilus, que son bacterias que segregan lactasa e que, por tanto, cun consumo continuado, permiten que as persoas poidan consumir leite e outros lácteos.

A nivel mundial, a poboación de Europa, Rusia e Norteamérica presenta os maiores niveis de lactasa de xeito natural. En países de Asia, como China, a porcentaxe de poboación con lactasa é menor, podendo rondar o 10-20%, se ben o resto tamén pode consumir lácteos que teñan lactobacilus.

O investigador Carlos Spuch precisa que nin o leite UHT nin o esterilizado contan con lactobacilus, polo que no caso de persoas que detecten problemas para dixerir o leite, recomenda o consumo de queixos, iogures e leite pasteurizado.

“O corpo, coa incorporación de lactobacilus ó organismo, vaise adaptando progresivamente ó consumo de lácteos. Tamén ocorre o contrario. Se deixamos de consumir lácteos, imos perder lactobacilus e é probable que, ó volver tomar leite máis adiante, nos sente mal”, explica o investigador.

3) A graxa do leite é mala para o colesterol e para as enfermidades cardiovasculares

A graxa do leite ten en ocasións mala fama, se ben a realidade é que o leite é un dos alimentos que presenta mellor equilibrio de graxas omega 3 (consideradas boas) e omega 6 (consideradas malas). “O leite ten un equilibrio 1-1, que é moi positivo. Os alimentos con mellor equilibrio de graxas son o peixe e o leite. O do peixe sabémolo case todos. O do leite descóñecese de xeito xeneralizado”, compara Carlos Spuch.

En certas persoas, pode estar aconsellado o consumo de leite desnatado, se ben Spuch advirte de que para outro grupo de consumidores, como son os nenos, recoméndase o consumo de leite enteiro. “O corpo humano precisa de graxas. O noso cerebro ten un 70% de ácidos graxos” – explica.- “Preocúpanos que se teñan detectado nenos con problemas cognitivos por un baixo consumo de graxas”, critica.

Positivo para o corazón
O investigador cuestiona que o leite se poida ter asociado a enfermidades cardiovasculares e asegura que o seu consumo é moi bo para o sistema cardiovascular e para a prevención de infartos.

“Hai estudos científicos ó respecto. Por exemplo, fíxose un ensaio clínico con persoas que tiñan problemas de hipertensión e comprobouse que o consumo diario de tres vasos de leite pasteurizado reducía a tensión alta a valores normais. Tamén foi positivo comprobar que persoas coa tensión normal non experimentaban variacións polo consumo de leite”, sinala Carlos Spuch.

A inxesta de lácteos está ademais moi indicada para deportistas, pois contribúe a unha mellor recuperación dos electrolitos que se perden durante o exercicio. A proteína láctea tamén é ideal para os músculos tras a práctica do deporte.

4) O consumo de leite provoca alerxias e mucosidades

A porcentaxe de poboación europea con intolerancia ó consumo de lácteos está por baixo do 1%. O resto non ten ningún tipo de alerxia ós lácteos, aínda que si é certo que as variacións que poden experimentar certas moléculas do leite no procesado térmico UHT tenden a xerar mucosidades. Sen embargo, Spuch precisa que o leite pasteurizado compórtase de xeito contrario e presenta propiedades antiinflamatorias.

O consumo de leite pasteurizado, fronte ó leite UHT, ten, segundo o investigador, unha serie de vantaxes. “O procesado térmico do leite UHT ou do esterilizado provoca unha alteración da estrutura tridimensional de certas moléculas. Esa alteración dificulta a dixestibilidade de compostos como o triptófano, que é a base da produción de serotonina no cerebro”, detalla Spuch. “Antes tomar un vaso de leite á noite considerábase o mellor xeito de ter un sono de calidade. Iso perdeuse en parte pola proliferación do leite UHT”, cuestiona.

5) O leite causa cancro

O investigador asegura que non hai ningún estudo científico que relacione o leite co cancro. “É unha barbaridade dicir iso”, conclúe. “Hai estudos que demostran que o leite ten efectos anticanceríxenos e protectores fronte a determinadas tipoloxías de cancro, como o de colon ou de mama. Evidentemente, o leite non cura, pero si é certo que pode contribuír a mellorar a resposta do corpo a tratamentos de quimioterapia ou radioterapia”, valora.

6) O leite non é bo para absorber o calcio

Outra falsidade, segundo o investigador: “O consumo de leite está indicado en todas as idades como vía para nutrirse de calcio. Non só se precisa nos nenos, pois o calcio contribúe á conservación dos músculos en persoas adultas e en maiores axuda a previr a osteoporose”, enumera Carlos Spuch. “O leite presenta ademais a vantaxe de que o seu calcio é de moi fácil absorción polo organismo, ó contrario do que sucede con algúns vexetais que tamén son ricos en calcio”, sinala.

cata-leite

Cata de lácteos frescos

A xornada organizada por Leite Lugo para a promoción do consumo de leite fresco culminou cunha cata de produtos lácteos elaborados por explotacións gandeiras da provincia. Houbo leite pasteurizado, queixos, manteiga, iogures e leite mazado.

O acto contou coa participación de cinco explotacións de Lugo que apostaron pola vía de transformar parte da súa produción. Son Arqueixal (Palas de Rei), Lácteos Casa Vidal (Guitiriz), Veigaria (O Incio), Gandería Quintián (O Páramo) e D’Vaca, de O Saviñao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información