Sat San Martiño: unha unión para garantir o relevo xeracional

Visitamos esta gandería da parroquia de Noche, en Vilalba. Os seus seis socios decidiron unir forzas para mellorar en calidade de vida e reducir custos, axudando así ao relevo xeracional. A día de hoxe contan cuns 430 animais e prevén este ano chegar a unha produción de 3 millóns de quilos de leite

Sat San Martiño: unha unión para garantir o relevo xeracional

Diego Rodríguez é un dos mozos que está a tomar o relevo nesta gandería

Unirse para reducir custos de produción, mellorar marxes e a calidade de vida en forma de días libres. Con esta filosofía uníronse hai preto de dous anos 4 explotacións de vacún de leite da parroquia de Noche, no concello de Vilalba, para crear a Sat San Martiño.

“Non viamos outro futuro que unirnos para ser máis competitivos e mellorar a nosa calidade de vida con días de libranza. Era a única forma de que os nosos fillos colleran o relevo na gandería”, asegura Isabel Lamas, que xunto a Andrés Prieto, Luis Lamas, Isabel Carreira, Pedro Sanjurjo, Diego Rodríguez e Luis Lamas forman os socios desta gandería. O punto de partida eran 4 explotacións familiares, con entre 40 e 60 vacas en produción, que xa vendían o leite por xunto.

Hoxe a Sat San Martiño é unha das maiores ganderías de vacún de leite da Terra Chá, cuns 430 animais, dos que 230 son vacas en produción, e 170 son xovencas. As vacas adultas están nunhas modernas instalacións con capacidade para 300 vacas en muxido que inauguraron en marzo de 2015 e que supuxeron un investimento de 1,32 millóns de euros. As xatas e as xovencas permanecen nos antigos establos familiares.

“Ao unirnos axudamos a que os nosos fillos collan o relevo”

Despois de dous anos nos que a estratexia desta gandería se centrou en renovar e mellorar a xenética do rabaño a través da recría, a súa produción foise incrementando progresivamente pasando dos 90.000 litros mensuais de hai dous anos aos 230.000 litros do último mes. “Na primavera prevemos chegar aos 250.000 litros mensuais e a nosa intención é pechar este ano con 3 millóns de kilos de leite producidos”, asegura Andrés Prieto, presidente da Sat San Martiño.

A produción media diaria sitúase nos 34 litros por vaca en dous muxidos e cunhas calidades que se sitúan en 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Véndenlle o leite a Lactalis, cun contrato que teñen que renovar este mes por un ano.

“Coidamos as calidades para cumprir os mínimos establecidos pola industria, pois se as aumentamos teríanos que compensar o extra que nos paguen o incremento en gasto de alimentación e a baixada en produción que suporía”, recoñece Andrés.

En canto á alimentación das vacas en lactación, Diego Rodríguez, responsable desta área e un dos mozos que está a tomar o relevo nesta gandería, explica que se compón de 15 kilos de silo de herba, 16 de silo de millo, 1 kilo de palla, 2 kilos de alfalfa e 14 kilos de penso. Para as secas a ración diaria é de 4 kilos de silo de herba, 7 kg de palla, 4 kg de silo de millo e 2 kg de penso. Serven a comida dúas veces ao día co seu propio carro mesturador, que adquiriron xunto con outra maquinaria cando se mudaron ás novas instalacións.

Dende que utilizan touro coas vacas problemáticas melloraron a taxa de preñez

Manexan unha base territorial dunhas 125 hectáreas, na que cultivan arredor de 60 hectáreas de millo forraxeiro -cuns rendementos na pasada campaña de preto de 35 toneladas de materia húmida por hectárea- e unhas 90 hectáreas de herba, entre pradeiras temporais e permanentes. “Procuramos aproveitar ao máximo a nosa base territorial, pero nesta zona é difícil porque non hai concentración parcelaria e somos varias ganderías competindo pola terra. Somos conscientes de que deberíamos ampliala, pero para irmos cultivar parcelas máis lonxe teríamos que facer os cálculos para ver se nos compensa”, explica o presidente da Sat San Martiño.

En canto á xenética, buscan touros que melloren as calidades do leite pero tamén a morfoloxía (sobre todo patas e ubres), participando no programa de xenómica de Africor Lugo. Este programa aconsella aos gandeiros sobre os acoplamentos a realizar nas ganderías para optimizar a mellora xenética das explotacións á vez que evita a consanguinidade. Nas xovencas utilizan seme sexado, mentres que para as vacas con problemas de preñez están a empregar dende hai dous anos o seu propio touro, cuns resultados que valoran como “moi positivos”. “Tiñamos un problema importante de fertilidade, e dende que utilizamos o touro mellorou moito a preñez, que neste momento se sitúa nunha taxa do 60%”, explica Andrés. O touro cámbiano cada ano, fixándose moito en evitar a consanguinidade e en que teña uns índices Gico superiores a 4.000 puntos.

Máis tempo libre e melloras nos marxes das compras, principais vantaxes da unión

Como principais melloras que experimentaron coa unión, tanto Andrés como Isabel coinciden en que foi o tempo libre. “Especializámonos en grupos de dous en levar unha serie de tarefas, e conseguimos librar 1 día e medio á semana, agás nas épocas de forte traballo, e por agora temos 15 días de vacacións, o que supuxo unha mellora na calidade de vida respecto á situación anterior”, destaca Isabel.

Pola súa parte, Andrés subliña que “os ingresos por Uta tamén aumentaron, xa que a produción media por vaca aumentou, e ao ter maior volume percibimos da industria láctea unha prima por cantidade e temos mellores prezos nos insumos”. Como exemplos, o presidente da Sat afirma que “só en prima por cantidade son 15 euros por tonelada -o que ven representando uns 45.000 euros anuais- e en penso, cun consumo mensual de arredor de 100.000 kilos, tamén conseguimos unha importante mellora no prezo”.

“Gañamos unha prima por produción de 15 euros por tonelada”

En canto ao futuro, o obxectivo de Sat San Martiño é seguir mellorando en manexo e en benestar animal. Así, para xuño deste ano teñen previsto ter rematadas as obras dos silos para o millo, así como as dunha nave adxacente ao establo na que recriarán as xatas ata os dous meses de vida. “Mercaremos tamén unha amamantadora e deste xeito esperamos mellorar bastante na recría das becerras”, destaca Andrés. Estes novos equipamentos financiaranos en parte grazas a unha axuda da Consellería do Medio Rural, que tamén sufragará a construción dunha unha areeira, dunha esterqueira e dun silo para o penso.

Tamén ven necesario modernizar o parque de maquinaria co que contan, algo que de momento teñen adiado, “xa que a Consellería endureceu os criterios para que as sociedades podamos acceder ás axudas de compra de maquinaria agrícola en común, que agora se conceden case en exclusiva ás cooperativas”.

Como conclusión, este gandeiro recoñece que “coa creación da SAT nestes dous anos demos un paso moi grande para asegura o noso futuro e o dos nosos fillos que queiran continuar coa gandería, xa que, a pesar das dificultades, melloramos en calidade de vida e en competitividade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información