SAT Revolta: Un exemplo de unión e de aposta pola robótica

Catro familias da parroquia de Noche, no concello de Vilalba, xuntáronse hai catro anos e constituíron a SAT Revolta. Mercaron fincas e comezaron de cero nunha nave con catro robots e 250 vacas en muxido na que investiron un millón e medio de euros. Cóntannos como foi o proceso.

Miguel, María e Iván na nave construída no ano 2015

Miguel, María e Iván na nave construída no ano 2015

“Todos sabiamos de vacas pero aquí tivemos que aprender. O manexo cos robots é distinto á sala de muxido e é moi diferente manexar 40 ou 50 vacas que eran as que tiñamos cada un de nós a manexar 250”. Así resume Miguel Losada o que supuxo para el e tres veciños máis da parroquia de Noche, en Vilalba, a creación da SAT Revolta, con 515 cabezas e 250 vacas en produción na actualidade.

A nova explotación foi concebida desde o inicio para a instalación de 4 robots de muxido e iso condicionou desde o principio todo o proceso de posta en marcha das novas instalacións. “A primeira semana foi dura, de durmir aquí practicamente. Comezamos cun xerador que non daba corriente continua e saltaba moito. Estivemos así varios meses. Traer a luz até aquí custou 60.000 euros”, explica Miguel. A instalación, con liña soterrada e transformador, foi pagada a medias xunto a outra SAT, San Martiño, situada xusto a carón e que comezou a funcionar nesa mesma época cun modelo distinto, apostando polo muxido en sala.

“O investimento foi forte, de máis dun millón e medio de euros, e cadrounos con anos de prezos moi baixos. Estamos aquí de milagre”

Así que cando o 30 de abril de 2015 Miguel e os outros tres socios (Iván Ferreiro, María Pérez e Manuel José Rodríguez) estrearon as novas instalacións, ao cambio que xa de por si supón concentrar nunha única nave o gando que cada un tiña na súa casa sumouse o proceso de adaptación aos robots. “Tivemos que acostumarnos a eles, é un cambio no xeito de traballar. O robot é automático pero non muxe só. É unha máquina que che dá calidade de vida, pero tamén che fai levantarte ás 4 da mañán de vez en cando”, admiten.

Dos catro socios tres traballan na explotación e túrnanse para atender as chamadas dos robots (José Manuel é unicamente socio capitalista e está exento de salario). “Contamos con servizo técnico 24 horas pero o 70% dos avisos xa os amañamos nós”, indican. Pero sempre hai contratempos. “En Nadal foise a luz e tivemos un atraso que tardamos 3 días en normalizar”, lembran.

Teñen instalados 4 robots de muxido e prevén 2 máis para seguir medrando

Teñen instalados 4 robots de muxido e prevén poñer 2 máis para seguir medrando

As 250 vacas en produción están divididas en 4 lotes, un por robot. No primeiro están as primeirizas, nos lotes 2 e 3 están as vacas de segundo parto e no cuarto están mesturadas. “Logo do secado as vacas volven sempre ao mesmo lote no que estiveran porque dá menos que facer, xa coñecen o sitio”, explica Miguel.

En canto ás primeirizas, “hai que acompañalas 2 ou 3 días para que entren ao robot e estar pendentes pero tamén habería que pelexar na sala igual”, considera. As becerras están na explotación até os tres meses de vida, até completar o proceso de destete que se produce con 60 días. Logo pasan a unha finca e ás cuadras antigas dos socios e voltan á explotación 15 días antes de parir. “Non as podemos traer moi próximas para que se vaian acostumando ás instalacións”, explican.

Seguir medrando e seleccionar en función do robot

A colocación dos tetos e a velociade de muxido son factores determinantes á hora de escoller a recría

As becerras completan o proceso de recría nas instalacións antigas dos socios

O tope actual que teñen nesta SAT son 260 vacas en muxido, marcado pola propia capacidade dos robots instalados, pero a idea é seguir medrando. “Temos previstos dous robots máis. Fai falla medrar para rendibilizar o investimento que se fixo, que subiu do millón e medio de euros”, explica Miguel.

“A aposta foi forte e coincidiunos con anos de prezos moi baixos. Ao segundo ano de estarmos aquí cobramos o leite a 24 céntimos durante 4 meses. Primeiro dicíannos vós producide e logo non nos querían levar o leite. Estamos aquí de milagre”, confesa María.

Mandan na actualidade uns 250.000 litros ao mes pero lembra que comezaron muxindo 135 vacas hai 4 anos cunha produción de tan só 96.000 litros o primeiro mes. A media de produción é hoxe de 38 quilos por vaca cunha media de 3,80% de graxa e 3,35% de proteína.

A colocación dos tetos e a velocidade de muxido son factores determinantes á hora de escoller a recría nesta SAT

Logran a día de hoxe medias de 2,7 muxiduras diarias nos robots pero para incrementar eses niveis pretenden logralo a través dunha maior selección na recría. “Temos vacas moi boas de leite pero que tardan 15 minutos en muxirse, que é o que tardarían en pasar polo robot dúas (a media de presenza é de 7 minutos por vaca).

A colocación dos tetos e a velocidade de muxido son dous factores determinantes agora na SAT Revolta á hora de seleccionar as vacas das que criar e de escoller os touros cos que inseminar. Desa labor encárgase Miguel. “De momento estivemos poñendo leite a todas as vacas porque facíanos falta recría para medrar, pero a partir de agora imos comezar a seleccionar máis e imos xenotipar e empezar a poñer sexado nas primeirizas”, explica.

Vacas de Alemania e Holanda

As camas son 30% carbonato e 70% serrín

As camas son 30% carbonato e 70% serrín

Cando no ano 2015 se mudaron ás novas instalacións, cada un aportou as súas cabezas de gando, ao que sumaron dous camións de xatas traídas de Holanda e Alemania. As 40 que mercaron en Alemania trouxéronas con menos dun ano e fóronas criando mentres facían a nave. As 32 holandesas eran xovencas xa preñadas, a maioría próximas ao parto. “Eran vacas moi grandes, pero non resultaron ser moi boas de leite”, asegura María.

Todas aqueles animais importados son vacas que teñen agora 4 anos, o que implica que van ter que facer moito reemprazo xunto. “Por iso agora nun ano imos precisar moita recría”, explica Miguel. A partir de entón poderán estabilizar a cabana, eliminar vacas con problemas e escoller máis a recría.

No prazo dun ano van ter que facer fronte ao reemprazo dos 72 animais importados no ano 2015

Fixeron tamén cambios nas camas das vacas en produción. “Comezamos probando con area, pero non nos convenceu polo tema de non levala para as terras. Logo probamos con carbonato só, pero endurecía moito e non absorvía. Agora facemos unha mistura de carbonato (o 30%) e serrín (o 70%). De estar con carbonato só a misturalo con serrín aumentamos á produción porque pasamos de ter a cama dura a estar esponxosa. Antes as vacas deitábanse moito menos e iso ao final é leite porque ás vacas calquera cousa lles afecta na produción”, explica María, que é a que se encarga da cuadra.

Ademais de Miguel, Iván e María, que libran un día á semana, na explotación traballan outras tres persoas contratadas, con turnos de 8 horas (de 8 a 13 horas pola mañán e de 18 a 21 horas pola tarde). Dous dos obreiros traballan na cuadra e o outro coa maquinaria.

170 hectáreas de superficie

Ao facer directamente as tarefas agrícolas controlan todo o proceso de alimentación do gando

Ao facer directamente as tarefas agrícolas controlan todo o proceso de alimentación do gando

O traballo de campo faino tamén todo a SAT con maquinaria propia, agás a sega do millo, cunha colleitadora que é propiedade de Manuel José, o socio capitalista. “Os robots déixanche tempo para atender as labores agrarias”, explica Iván, que é o que se encarga das forraxes xunto con Miguel.

A ración está composta por 21 quilos de silo de herba, 28 de silo de millo e 7,6 quilos de penso, ao que se engade o punteo que fai o robot por produción. Esa mesma ración emprégana para as xovencas, mentres que para as vacas secas usan palla, herba seca, melaza, silo de herba e fariña.

No ano 2015, cando constituíron a SAT, mercaron fincas e hoxe dispoñen dunha superficie de 170 hectáreas entre propias e alugadas. “De momento fincas para arrendar temos, a que está máis lonxe estará a uns 4 quilómetros”, di Iván. “O problema que temos é que non hai concentración parcelaria, así que a nosa finca máis grande é de 3 hectáreas e de menos de unha hectárea hai moitas, así que con esta estrutura da terra unha empresa de servizos sairíanos moi caro”, engade.

Botaron este ano 105 hectáreas de millo, 15 máis que o ano anterior, no que recolleron 5 millóns de quilos. O resto da superficie destínana a herba e en máis de 60 hectáreas fan rotación con millo. A decisión de apostar polos robots desde o comezo tiña como obxectivo tamén liberar tempo para adicarllo ás terras e controlar deste xeito o proceso de alimentación. Case cinco anos despois aseguran que foi unha decisión acertada.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información