SAT O Chope: unha unión para optimizar a granxa e gañar calidade de vida

Esta gandería de Silleda resultou da fusión de dúas granxas familiares de vacún de leite e de porcino para afrontar a falta de terra e de tempo. Hoxe moxen unhas 215 vacas e ceban arredor de 7.000 porcos sendo cada vez máis autosuficientes e sostibles

SAT O Chope: unha unión para optimizar a granxa e gañar calidade de vida

Os irmáns Manuel e José Ramón Iglesias Canda e José Ramón García Iglesias na granxa de vacún, en Escuadro, Silleda.

“Eramos moi conscientes de que, pola nosa situación, non podiamos medrar nin dispoñer de máis terra nesta zona polo que só podiamos optimizar ó máximo os nosos recursos”, explica Manuel Iglesias, un dos socios da SAT O Chope, de Escuadro (Silleda, Pontevedra). Este foi un dos principais motivos polo que decidiron formalizar a sociedade no 2006, logo de anos de colaboración entre ambas familias.

Deste xeito, conseguiron facer fronte a algúns dos retos máis habituais que se lle presentan ós gandeiros a día de hoxe no campo galego como a dificultade para dispor de terra ou o relevo xeracional das dúas ganderías. Tamén lles permitiu converterse en autosuficientes na produción de forraxes, conseguiron reducir a carga de traballo e organizar quendas que lles posibilitan dispor de tempo libre, ademais de diversificar a súa actividade gandeira.

“Eramos conscientes de que, pola nosa situación, non podiamos medrar polo que só podiamos optimizar os nosos recursos”

Hoxe moxen 215 animais dun rabaño de máis de 400 vacas frisoas, cunhas 40 vacas secas e o resto recría. Ceban arredor de 7.000 porcos ó ano e traballan por ser cada vez máis autosuficientes e sostibles. Aínda que comezaron 7 socios, os proxenitores e os fillos, logo de que se foran xubilando, agora quedan á fronte tres socios: os irmáns Manuel e José Ramón Iglesias Canda e José Ramón García Iglesias.

Un dos seus obxectivos é optimizar a granxa para conseguir ser máis eficientes polo que nestes últimos anos están a introducir novos sistemas robotizados tanto no muxido como na alimentación. Ademais están a realizar outras melloras para conseguir ser máis sostibles e participan en programas internacionais para coñecer os avances que se levan a cabo en ganderías europeas.

Robot-muxido-SAT-O-CHope-

Na granxa contan con 4 robots de muxido.

Robots de muxido: fonte de información dos animais

Un dos principais cambios que fixeron nos últimos tempos é a incorporación do sistema de muxido robotizado, con catro robots. Instalaron os dous primeiros en febreiro do 2018, cos que comezar a substituír a sala de 2×8 puntos de muxido coa que contaban. En agosto dese mesmo ano viñeron os 2 últimos robots cos que complementaron a instalación.

“Cando no 2013 instalamos na granxa de porcino o sistema robotizado de alimentación vimos que se estas tarefas as facían as máquinas eran máis precisas e regulares e os resultados mellores. Tendo constancia na vixilancia resulta máis doado supervisar ás máquinas, por iso comezamos a valorar a instalación dos robots para o muxido”, comenta Manuel. Tamén recoñece que, antes de decidirse pola instalación dos robots, visitaron moitas ganderías para coñecer en profundidade os prós e contras do sistema.

No primeiro ano de muxido cos robots reduciron nun 65% o uso de antibióticos e este ano agardan chegar ó 80%

Teñen unha produción duns 38 litros por vaca ó día, cunha media de 157 días en produción de leite, unhas calidades de 3,6 de graxa e 3,10 de proteína e un reconto 220.000 células somáticas. Dende a instalación dos robots realizan unha media de 3,2 muxidos. A necesidade de realizar un terceiro muxido foi outra das razóns para decidirse pola instalación dos robots. “Viamos que había animais con boas producións que horas antes do muxido xa perdían no leite polo que era preciso facer un terceiro muxido pero non podiamos asumir pasar máis horas na granxa e atopar quen faga este muxido é tamén moi difícil”, recorda o gandeiro.

Paralelamente á redución da carga de traballo, coa incorporación deste sistema tamén aseguran que reduciron os problemas na granxa. “Para nós foi moi positivo a liberación do muxido, non só por solucionar o problema de realizar o terceiro muxido, senón por toda a información que nos aporta este sistema”, concreta Manuel.

No primeiro ano co sistema de muxido robotizado conseguiron reducir nun 65% o uso de antibióticos e este ano agardan chegar a unha redución do 80% de tratamentos con respecto ó 2017. “Os robots estanche proporcionando unha cantidade de datos importante que che permiten unha maior anticipación. É máis doado controlar, revisar e actuar fronte ós problemas que vaian tendo os animais. Podes ter a granxa controlada en todo momento, aínda que non esteas nela”, indica o gandeiro.

As gardas da granxas encárgase de facelas un só traballador, cunha persoa de apoio

Tamén comprobaron que a produtividade dos traballadores era máis alta ó contar cos robots de muxido. “Percibimos que os operarios se liberaron da presión que supuña o muxido xa que ó dispor de tódolos datos, abonda con supervisalos para comprobar que todo está correcto”, concreta o gandeiro. Agora as gardas da granxas encárgase de facelas un só traballador, cunha persoa de apoio para cuestións puntuais. O seu obxectivo é conseguir ter quendas de xornada intensiva, para tentar facer máis atractivo o traballo, xa que nos últimos anos tamén acusan a falta de man de obra.

Vista-xeral-granxa-SAT-O-Chope-

Canda o robot de muxido tamén incorporaron un robot para achegarlle a comida ós animais.

Así, na gandería repártense o traballo os tres socios e outros seis traballadores repartidos por parellas para atender a granxa de porcino, a de vacún e para se encargar dos traballos no campo, aínda que, isto varía durante as campañas, en función das necesidades que vaian xurdindo.

Ser autosuficientes e eficientes

A dispoñibilidade de terra é unha das limitacións que máis acusan nesta gandería. No mesmo lugar de Sestelo, onde se asenta a granxa das vacas en produción, hai tamén outras ganderías de vacún de leite similares polo que a demanda de terra é moi elevada. Tanto é así que nesta pequena aldea contabilízanse preto dunhas 1.000 vacas. “A outra granxa, onde temos as xovencas a partir dos 6 meses, está nunha zona con menos ganderías o que nos permite dispoñer de terra e mesmo, en determinadas épocas, darlle herba verde”, apunta Manuel.

Nesta aldea contabilízanse arredor de 1.000 vacas e o prezo medio da terra en aluguer é de 262 euros por hectárea

As granxas, aínda que próximas, están separadas por uns 3 quilómetros e a terra localízase tamén nese radio. Así, repartidas entre as dúas zonas, dispoñen dunhas 110 hectáreas, 45 delas en propiedade e o resto alugadas cun prezo medio de arredor de 262 euros por hectárea. Teñen 55 hectáreas adicadas permanente a herba raigrás de distintos tipos, nas que realizan 3 cortes (2 de silo e 1 de herba seca), e no resto alternan a pradeira co cultivo de millo, polo que obteñen dous cortes de herba.

Silos-SAT-O-Chope-

Buscan producir forraxes moi dixeribles.

“Ó dispoñer do abono da granxa dos porcos e das vacas apenas empregamos fertilización química, só puntualmente algo de nitróxeno para a herba e o millo”, indica o gandeiro. Coa sementeira do millo fan un abonado de fondo co esterco das parideiras que mesturan co abono que traen de dúas granxas de 45.000 polos próximas, co que realizan un abonado de 30-35 metros cúbicos de esterco por hectárea.

No millo conseguen unha media de 40 toneladas por hectárea, cun custe de 34,51 euros por tonelada en materia fresca, mentres que, na herba obteñen uns rendementos de 11 toneladas por hectárea que supoñen un gasto de 38,37 euros por tonelada. Na campaña pasada as calidades do millo rondaron o 34% de materia seca e 32% de amidón, e na herba a materia seca é do 30% e cun 15,44 de proteína.

“Para nós, o segredo para que os robots funcionen ben é conseguir forraxes moi dixeribles”

Reivindican que a produción das forraxes, da que se encargan persoalmente, é outra das claves para lograr unha mellor produtividade dos animais. “Para nós, o gran segredo para que os robots funcionen ben é conseguir uns forraxes moi dixeribles para favorecer a circulación dos animais. Deste xeito logramos que as vacas non estean moi saciadas, teñan apetito e se levanten. A rutina que vemos na maioría dos animais é que se levantan, comen, móxense, beben e volven tombarse polo que a clave está en que se ergan moitas veces para comer e muxirse”, detalla o gandeiro.

A ración das vacas en produción realízana cun carro mesturador e componse de 25 quilos de silo de millo, 22 quilos de silo de herba, 5 quilos de concentrado no carro e arredor doutros 5 no robot, en función da produción de cada vaca. Namentres, para as vacas secas a ración é de 16 quilos de silo de millo, outros tantos de silo de herba e 4 de penso. Para as xovencas, a cantidade de silo de millo e de herba repártese equitativamente e completase con 2 quilos de penso. A ración modifícase cando dispoñen de herba verde na primavera.

Recria-SAT-O-Chope-

Parte da recría máis nova da gandería.

No afán de ser máis eficientes tentan mellorar a xenética dos animais e empregan un 30% do seme sexado nas xovencas e entre o 10 e o 15% nas vacas adultas. Sobre todo procuran animais con boas ubres, sen moito temperamento e con boas característas de saúde, que lles permitan optimizar a produción da gandería.

Ademais, para incrementar o confort dos animais reduciron a altura dos cubículos e teñen sempre unha cama por animal. Tamén aumentaron a ventilación da granxa e o espazo dos corredores de cruce para facilitar a circulación dos animais e evitar problemas coas vacas dominantes.

Recoñecen que a instalación dos robots contribuíu a que os animais estean máis tranquilos.“Antes cando te acercabas ós animais entendían que era para molestalos por algo e eran moito máis ariscos. Agora as vacas están máis tranquilas e iso nótase tamén na produción”, concreta o gandeiro. Estes cambios comezaron a velos xa nos primeiros tempos cando convivían os dous sistemas de muxido. Manuel tamén recorda que a adaptación inicial implicou unha vixilancia constante de 24 horas, con quendas de 8 horas, que se prolongaron durante os dous primeiros meses, para conseguir acostumalos ó novo sistema.

Balsa de decantación e separación de sólidos e líquidos do xurro para o seu aproveitamento.

Balsa de decantación e separación de sólidos e líquidos do xurro para o seu aproveitamento.

O reto do futuro: a sostibilidade ambiental

Á par destas melloras nas instalacións, na gandería teñen como meta ser tamén máis sostibles. “Cada vez queren facernos máis responsables ás ganderías da contaminación do planeta por iso temos que ser moi respectuosos co medio ambiente”, recoñece. Así é que nesta liña están a traballar nun proxecto, xunto coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), para a separación dos xurros e o seu aproveitamento na granxa.

Por unha banda pretenden depurar a parte líquida a través dunha balsa con plantas de macrófitas e bacterias para poder empregala logo na limpeza da granxa. Mentres, a parte sólida empregaríana nas camas das vacas, logo dun proceso de secado, co que substituirían as camas de carbonato e fibra de madeira que teñen na actualidade.

“A European Dairy Farmers permitiunos ver ganderías doutros países coas que competimos e valorar que lugar ocupamos e como mellorar”

Tamén buscan estar ó tanto das novidades que incorporan outras ganderías europeas polo que forman parte da asociación European Dairy Farmers (EDF). “Un dos nosos veciños acudía a reunións e encontros con outros gandeiros europeos a través dela e viamos que era unha oportunidade para coñecer como traballan os gandeiros en Europa, que ó fin de conta son competidores nosos, polo que é importante estar ó corrente do que fan e valorar que lugar ocupamos e como mellorar”, valora Manuel. De feito, á par de coñecer outras ganderías, tamén acolleron o ano pasado a visita de membros da asociación, nun dos encontros anuais que celebran.

Granxa-porcino-SAT-O-Chope-_Porcos-

Quixeron aproveitar o nicho de mercado que supuña a venta directa de porcos a particulares.

Unha granxa de porcino enfocada á venda directa

Xunto coa granxa de vacún, a gandería conta cunha granxa de porcino coa que diversifican a actividade. “Cando no 2000 decidimos ampliar a granxa das vacas que tiñamos tamén valorabamos diversificar a nosa actividade e barallamos tanto o porcino como o avícola, por iso cando decidimos formar a sociedade xa aproveitamos que a outra familia tiña unha granxa de porcos e experiencia nese sector”, indica Manuel.

O 35% do cebo da granxa véndeno de xeito directo a particulares e o resto a unha fábrica de embutidos local

Porén, tamén decidiron reorientar a produción da granxa de porcino, que ata ese momento funcionaba a través dunha integradora, para centrala na venta directa. “Vimos que había un nicho de mercado que estaba quedando desatendido e que se centraba na demanda de porcos por parte de particulares para a crianza nas casas”, detalla o gandeiro.

Na actualidade teñen unhas 250 nais e ceban uns 7.000 animais ó ano. O 35% da súa produción dedícana a abastecer a demanda de particulares polo que os porcos véndenos dende os 40 ata os 120 quilos, en función do que solicite o cliente. O resto da produción véndenlla a unha fábrica de embutidos locais. A súa aposta céntrase na calidade da carne así é que traballan con distintos cruces de razas e melloran a alimentación a través da fábrica de pensos Producións de Porcino de Silleda (Proporsi) da que tamén son socios.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información