SAT Cives, unha explotación láctea referente en benestar animal

Esta explotación gandeira de Colúns (Mazaricos) agrupa a catro gandeiros que decidiron agruparse para ser máis competitivos. A dificultade para ampliar a base territorial e o cumprimento do pago verde son algúns dos problemas aos que se enfrontan.

SAT Cives, unha explotación láctea referente en benestar animal

Vista xeral da nave de SAT Cives.

A SAT CIVES naceu da unión de varios gandeiros de Colúns, no concello coruñés de Mazaricos, que no ano 2007 comezaron a decatarse de que as súas explotacións leiteiras se lles quedaban pequenas e obsoletas para facerlle fronte a un entorno no sector lácteo cada vez máis competitivo.

Foi así como 4 gandeiros se puxeron de acordo para xuntar terras, cota e gando e no ano 2008 constituíron a SAT CIVES, cunha participación ao 25% para cada un. Hoxe é unha das explotacións máis grandes da comarca, con 280 cabezas de gando, das que 230 están en muxido cunha produción media de 36 litros por vaca e día. Pero os comezos non foron fáciles debido sobre todo ás oscilacións do prezo do leite en orixe.

Despois dun forte investimento, en marzo de 2009 trasladaron o gando ás novas instalacións, unha nave de máis de 2.000 metros cadrados con 220 cubículos destinados só a vacas en lactación. As instalacións tamén inclúen 2 silos e unha foxa de xurro cuberta de 3 millóns de litros de capacidade. O investimento, incluído a sala de muxido -de 24 puntos e ampliable a 32- e un tanque de frío de 16.000 litros roldou os 3.000 euros por vaca.

No 2010 veu a primeira ampliación: unha nave para a maquinaria e para cereais e soia. No 2011 constrúen outro silo e o pasado ano fixeron unha ampliación na nave destinada ás vacas secas e en preparto.

Preocupados polo benestar animal

SAT_CIVES_VACAS_EN_PALLA_02_standar

Zona de campa de palla para as vacas de preparto.

Segundo Antonio París, un dos socios da SAT CIVES esta última ampliación “foi un dos mellores investimentos que fixemos porque as vacas agradecen moito estar en cama quente de palla durante a fase de preparto”.

“Antes da ampliación as vacas tiñan menos espazo e as secas eran as que o peor o pasaban. Foi entón cando decidimos facer melloras no confort dos animais: os cubículos, de cama de area, pasaron de 1,25 a 1,30 metros de ancho; a barra educadora tamén é máis ancha, e fixemos unha zona para as vacas secas, con cama de casca de piñeiro moída, na que pasan 40 días e outra zona de preparto, en cama quente de palla, na que pasan de 20 a 25 días”, explica Antonio París.

Un confort e benestar animal que, segundo os socios de SAT CIVES, “repercute en vacas máis relaxadas, que comen máis, chegan mellor ao parto e que van arrancar mellor”.

A importancia da calidade dos forraxes

Xunto ao confort das vacas, outro dos aspectos que coidan moito en SAT CIVES é a calidade da forraxe que, segundo Antonio París, “parte de coller a herba e o millo no seu punto”. Así, explica que “vimos de recoller a herba para ensilar e durante unha noite só puidemos durmir 3 horas e a outra ningunha, todo porque tiñamos pouco tempo de escampada entre días de choiva e tivemos que aproveitalo ao máximo para coller a herba no seu punto óptimo de proteína”.

Como exemplo da importancia dun bo silo de herba afirma que “entre darlle un silo bo de herba ao gando e darlle un que non foi feito cunha herba no punto o rendemento por vaca e día chegounos a variar en 3 litros de leite”.

En canto á ración, para as vacas secas está formada por 7 kilos de silo, 6 kg de palla e 3kg de concentrado, e que no caso das vacas en preparto compleméntase con 2 kg máis de penso.

Para as vacas en lactación a ración diaria é de 28 kilos de silo de millo, 14 kg de silo de herba, 1,5 de alfalfa, 9,5 kilos de concentrado e 2,5 kilos de soia.

“Habería que volver facer a concentración parcelaria”

SAT_CIVES_SILOS_01_standar

Vista dos silos.

Ao igual que moitas outras explotacións gandeiras galegas, un dos problemas desta sociedade é a falta de base territorial, un paradoxo nun país, Galicia, no que unha parte importante da súa superficie agraria está abandonada.

No caso de SAT CIVES cultivan 90 hectáreas, das que 45 son en propiedade e o resto en alugueiro. Teñen previsto en breve alugar 10 hectáreas máis de dúas explotacións gandeiras próximas que veñen de pechar. En canto aos cultivos, plantan 72 hectáreas de millo e o resto a herba. Fan análise de terras todos os anos para adecuar a fertilización ás necesidades de cada terreo.

Segundo Antonio París, a base territorial é un dos seus principais limitantes neste momento: “Oxalá puidésemos aumentar a nosa superficie de cultivo porque é a clave para a competitividade do sector”. Neste sentido, xunto á falta de superficie dispoñible no seu entorno, outro dos problemas que detecta “é que as parcelas son pequenas”. “A concentración parcelaria nesta zona fíxose hai 40 anos e hoxe habería que facela de novo”, explica.

Descontento co pago verde e coa falta de información

Ao tratarse dunha explotación de máis de 30 hectáreas, a SAT CIVES será unha das 3.000 de toda Galicia obrigadas a cumprir coas obrigas do chamado pago verde.

O descontento dos socios coa forma en que se está aplicar e coa falta de información é palpable. “Pagamos ben polo alugueiro das terras e que agora nos digan que non podemos cultivar o 5% da superficie arable é unha auténtica faena”, critica Antonio París. Igualmente bota en falta información sobre a outra obriga do greening: qué terceiro cultivo fixador de nitróxeno plantar.

“A PAC deste ano aínda a temos sen facer porque mete respecto e non temos nada claro”, confesa.

Situación dos prezos

SAT CIVES vende o seu leite a FEIRACO e dentro de 45 explotacións que a cooperativa mantén nun plan de xestión sitúase como a terceira con menores custos de produción.

O mes pasado venderon o leite a 0,33 €/litro, IVE e prima de calidade incluída, pero para este mes prevén que o prezo descenda. “Estamos relativamente contentos: cúbrenos gastos e a gran vantaxe de estarmos en Feiraco é que os prezos non teñen os picos e baixadas tan forte das explotacións que llo venden á industria de capital privado, son prezos máis estables”, explica.

Con todo, Antonio París confesa a súa preocupación pola incerteza dos prezos. “Vemos que o mercado libre non funciona, porque coas cotas tiñamos que reducir a produción para que non nos sancionasen e agora que non as hai tampouco podemos producir máis leite porque a industria tampouco nos garante a recollida”, asegura.

“O sentir xeral é que os gandeiros fixemos os deberes para estar preparados para esta situación sen cotas, pero a industria parécenos que non os fixo”, conclúe.

“Unha SAT non é garantía de nada: fana as persoas e o traballo”

Unha das claves para que unha SAT vaia adiante é a comunicación, traballar con obxectivos comúns e implicación no traballo. Así o ve Antonio París, que pon como exemplo que “no noso caso, despois do muxido da mañá todos os socios almorzamos xuntos e falamos de todas as cuestións que se suscitan”.

“Se cada un tira para un lado ou non hai bo ambiente laboral, a SAT non funciona. Hai que sentarse, falar e arranxar as diferenzas”, subliña.

“Unha SAT -conclúe- non é garantía de nada: fana as persoas e o traballo”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información