SAT Agropegal, unha explotación concebida para medrar

Situada no lugar de Churiz, na parroquia de Caraño, pertencente ao concello lucense de Pol, esta unión de dúas ganderías foi deseñada para muxir 500 vacas. Hoxe atópase aínda na metade da súa capacidade e busca reducir custos mercando os insumos directamente, sen intermediarios

SAT Agropegal, unha explotación concebida para medrar

José Luis Penelas Fernández e Diego Penelas, ante a explotación.

A desaparición dunha explotación a carón da súa casa polo falecemento dun dos seus tres socios foi visto por José Luis Penelas Fernández coma unha oportunidade para facer medrar a súa gandería. El non figura na SAT, pero foi o verdadeiro ideólogo deste proxecto que puxo en marcha xunto a súa muller, Josefa Blanco, o seu fillo Diego, a súa prima Isabel Lenza e o seu home, José Henrique Domínguez.

Entre todos mercaron as naves da cooperativa que se desfixo e hai cinco anos que xuntaron nelas as vacas das dúas casas tras un investimento dun millón de euros, que incluíu unha sala de muxido de 2×20 puntos, un tanque de frío de 30.000 litros e unha fosa de purín con capacidade para 3 millóns de litros. O feito de mercar sobredimensionados estes tres elementos foi unha decisión consciente. “A diferenza nese momento de comprar unha sala de 20 puntos a unha de 40 como a que temos era de 14.000 euros. Gastamos máis pero gastamos unha soa vez, porque se tiveramos posto a outra e hoxe tiveramos que cambiala sería dobre gasto”, razoa José Luis.

Tanque de frío e achegador de comida.

Tanque de frío e achegador de comida.

Asesorados polo cántabro Juanjo Lavín Cobo, a quen José Luis coñeceu noutra explotación de Guntín, deseñaron desde o comezo todos os elementos da explotación para muxir 500 vacas, malia que comezaron con moitos menos animais, uns 80, os que sumaban José Luis e súa prima. Hoxe atópanse na metade dese proceso de crecimento, cunhas 350 cabezas (250 entre produción e secas e 100 novillas), e agardan sumar outras 100 vacas no 2018.

“Se non fora pola multa da supertaxa que tivemos que pagar no ano 2015, teriamos desdobrado xa o número de cabezas neste momento”, explica. Ese fora un ano moi bo de produción en SAT Agropegal e entregaron 2.225.000 quilos, o dobre do que tiñan de cota. “Ían as cousas sobre rodas e foi un estacazo”, recoñece José Luis. Tiveron que pagar 192.500 euros de multa por sobreprodución, a gran pedra no camiño de crecemento desta explotación. “É un absurdo, porque por un lado déronnos 200.000 euros de Plan de Mellora para poder medrar e logo sacáronolo polo outro, facéndonos pagar 192.500 euros de supertaxa. Non ten sentido que che dean unha axuda para medrar e despois non che deixen producir “, considera.

Grazas a que lles deron a opción de repartir a sanción a pagar en tres anos, SAT Agropegal puido seguir adiante, aínda que o camiño sexa máis costa arriba. “Temos estrutura para muxir 500 vacas co que fixemos no 2012, gastamos para 500 vacas e estámolo mantendo coa metade. Se completaramos as previsións iniciais, levariámolo mellor”, expón José Luis.

Lograr financiamento para explotacións deste tamaño non é doado. “Comezamos con Banesto, pero atrancáronnos cando estabamos no medio da obra. Salvounos Caixa Rural, grazas a eles puidemos acabar o proxecto que tiñamos. Pero todos os bancos miran moito antes de deixar cartos”, asegura.

Sala de muxido.

Sala de muxido.

Venden o leite a unha queixaría de Zamora
Outro freo ao crecemento desta explotación foron os baixos prezos do leite nos últimos dous anos. E iso que esta explotación de Pol cobra o leite máis que as que se atopan ao seu redor. A razón, o tanque de frío de 30.000 litros co que contan. Actualmente produce uns 7.000 litros diarios, polo que ten capacidade no tanque para almacenar a produción de 4 días. Iso fai que o camión da recollida non teña que vir a diario e poidan vender o leite a unha empresa situada a maior distancia da granxa.

Na actualidade lévallelo Quesos El Pastor, de Zamora. “Nesta zona só lles vendemos nós. O camión vén cada tres ou catro días, só co noso leite carga 28.000 litros e marcha, por iso nos poden pagar un pouco máis o leite, porque aforran moito en portes”, explica José Luis.

A explotación está nunhas medias de 4,32 de graxa e 3,68 de proteína, cunha produción de 32-33 litros diarios por animal

A produción media por vaca de SAT Agropegal está en torno a 32-33 litros diarios, lonxe dos niveis que alcanzan outras explotacións intensivas do seu tamaño. Sen embargo, explican que “a nosa produción por vaca non é moi alta porque non buscamos iso, buscamos calidade”. Están en 4,32% de graxa e 3,68% de proteína. “O que máis nos premia é a proteína, porque para o rendemento queixeiro é fundamental. Temos unhas primas importantes por calidade, se subimos 2 ou 3 litros de produción por vaca e baixamos en calidade non nos compensa”, xustifica José Luis.

Mercar directamente os cereais en porto para abaratar custos
SAT Agropegal manexa 141 hectáreas de terreo, das que 100 son propias e o resto en aluguer. Este ano botaron a millo 72 hectáreas e obtiveron “a mellor colleita desde que comezamos a funcionar en serio”, din. O resto da superficie está a herba. “Probamos con alfalfa. A intención era ensilala mesturada con herba para mellorar a proteína, pero os técnicos de Mabegondo fixeron probas con até 17 variedades distintas e ningunha se adaptou a esta zona. Sen embargo, aínda non o temos descartado de todo, porque temos unhas fincas que erosionan moito e temos que buscar como fixar o nitróxeno”, contan nesta gandería.

Vacas en produción.

Vacas en produción.

O silo de herba, o silo de millo e a herba seca son a base da ración diaria das súas vacas, que se complementa con millo en gran, soia, pulpa e un corrector. A compra e o almacenamento destas materias primas fáillelo Sarriana de Piensos, segundo os parámetros e directrices que lle marcan desde a propia explotación. Juanjo Lavín é tamén nutrólogo e especialista en alimentación de gando vacún e José Luis asegura que “ter un bo asesor para nós foi fundamental, abriunos os ollos en moitas cousas, porque tiñamos ideas que eran erróneas”, admite.

Agora mesmo a empresa que lles subministra estes cereais e leguminosas failles de almacenista, pero a mestura diaria fana na propia explotación cun carro mesturador propio. Sen embargo, a súa intención a curto prazo pasa por mercar directamente a materia prima en porto, sen intermediarios, en grandes volumes e almacenala na propia explotación para abaratar custos. Calculan un aforro de entre 1 e 2 céntimos por quilo de materia prima.

“Co volume que manexamos nós, son uns 3.000 euros mensuais, que multiplicado por 12 meses son moitos cartos a final de ano e ese aforro repercutiría nos beneficios da explotación, pero todo son trabas e problemas para medrar”, insiste José Luis. “Estórbanos un poste da luz para poder ubicar o almacén para os insumos, pero Barras Eléctricas pídenos 17.500 euros por cambiar o poste, que está na nosa finca, ao carón de onde temos os silos”, explica.

Compra de vacas en Francia
O crecemento desta explotación desde as 80 vacas iniciais até as 250 actuais logrouse importando animais recén paridos en Francia. “O primeiro camión que trouxemos foron vacas de Menorca pero despois todas viñeron importadas de Francia. Cada ano viñan entre 2 e 3 camións, máis ou menos 60 animais ao ano, todas vacas acabadas de parir de raza frisona, das que agora criamos para seguir medrando”, conta José Luis, que explica que empezaron a facer recría hai só dous anos.

“As vacas de fóra teñen outra configuración corporal e acumulan maior cantidade de carne, o que repercute na venda dos animais de desvelle” (José Luis Penelas)

“Antes non tiñamos onde facer a recría, agora temos unhas naves alugadas doutra explotación que pechou a dous quilómetros daquí, en Vilar de Infante, e á que lle collimos terras e naves”, relata. Nos establos vellos non podían ter as novillas, porque teñen as vacas secas e tamén o almacén de maquinaria.

José Luis viaxa acompañado por Juanjo a Francia a escoller os animais que traen. Mércanllos a Firma Dekker, propiedade dun holandés. “Nós escollemos aló, senón sempre che ofrecen o que eles non queren, o que non van usar eles. Pero nós somos esixentes, para facer un camión de 30 vacas unha vez aló botamos unha semana”, lembra. As vacas postas aquí sáenlles a unha media de 2.000 euros.

Son animais con boa xenética e produción pero “veñen moi mal nutridas”, recoñece. Aínda que “melloran enseguida coa alimentación que aquí lles damos”, di. “Dúrannos unha media de entre 3 e 4 partos pero non as exprimimos con máis partos porque perderiamos moito despois para desvelle”. Ahí é onde ve José Luis a vantaxe a este tipo de animais. “Máis que pola mellora en produción con respecto a unha vaca de aquí, optamos polas vacas de fóra pola maior repercusión que logramos no desvelle. Por exemplo, aos últimos 6 animais que mandamos para Silleda sacámoslles de media 1.800 euros, hai moita diferenza cunha vaca de aquí pola configuración corporal e a cantidade de carne que acumulan”, considera.

Módulo separado para parir e para os animais enfermos
Mentres nos últimos anos boa parte das explotacións intensivas deste tamaño pasáronse a tres ordeños diarios, SAT Agropegal mantense en dous. “Non pensamos en dar ao salto a tres ordeños porque implicaría máis persoal e porque penso que gañariamos en litros pero perderiamos calidade e os animais durarían menos”, argumentan.

Módulo para vacas de parto.

Módulo para vacas de parto.

Nesta gandería non teñen neste momento empregados fixos e só contratan puntualmente por necesidades concretas. “Facemos o traballo os membros da SAT, pero se duplicamos as vacas en produción, como temos pensado, teremos que coller a alguén porque a calidade de vida tamén é necesaria”, din. Tamén por iso optaron por un robot para achegar a comida ao gando.

“O achegador é o mellor empregado da cuadra con diferenza, cando o mercamos parecíanos que non lle iamos sacar proveito, pero págase el só, hoxe vemos que foi un investimento ben feito”, considera José Luis. Desde que teñen o achegador automático notaron unha maior inxesta diaria no gando e deixaron de ter que retirar todas as mañáns as sobras da ración do día anterior, na maioría dos casos porque quedaba fóra do alcance das vacas. Hoxe iso non pasa.

Outra das peculiaridades que ten esta gandería é contar cun módulo separado da nave principal onde paren as vacas e están os primeiros días. Nese espazo tamén están os animais enfermos, que se muxen nun circuito aparte porque ese leite non vai para o tanque e así non ten que ir polos mesmos conductos que o resto da produción.

Touros blonde de Aquitania para os cruces con carne
Da mellora xenética e a reprodución na explotación encárgase Diego, coa axuda do Centro Veterinario de Meira, que realiza o control reprodutivo e leva tamén o control de enfermidades da granxa. Fan control reprodutivo semanal e diagnose a partir de 30 días. Se as vacas están preñadas revísanse aos dous meses e fáiselles outra aos sete meses e medio de xestación coincidindo co secado e co cambio de lote e de alimentación até o momento do parto.

As novillas insemínanse todas con touro sexado e ao resto dos animais na metade dos casos póñenlles doses xenómicas. Das vacas que non se recría faise cruce con carne con dous touros que teñen na casa. Son dous sementais da raza blonde de Aquitania adquiridos a Granxa Caxigueira, de Ortigueira. “Temos dous para asegurar un maior índice de fertilidade”, explican. 

Una idea sobre “SAT Agropegal, unha explotación concebida para medrar

  1. Fernando González Neira

    Les recogen la leche cada 4 días…pues no sé yo que decir sobre eso y lo que la legislación actual estipula.
    Por otra parte, estudios relacionados con los problemas de coagulación del queso en las industrias queseras han demostrado que una de las principales causas de estos problemas es usar leche poco fresca, con mas de dos días posteriores al ordeño, debido a alteraciones en las proteínas lácteas. Habrá que ver que tal son esos quesos zamoranos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información