SAT A Campa, unha explotación que aposta pola venda de xenética

Facer dunha explotación de leite un referente a nivel de xenética Holstein e unha fonte de ingresos complementaria ao leite. Este é o obxectivo de SAT A Campa.

SAT A Campa, unha explotación que aposta pola venda de xenética

Alberto Lamas na súa explotación.

SAT A Campa é unha das explotacións lácteas galegas máis premiadas e con mellores clasificacións xenéticas, con vacas e xovencas nos primeiros postos do índice GICO.

O seu obxectivo é facer da venda de material xenético, tanto embrións como xovencas, unha fonte de ingresos á mesma altura que os ingresos pola venda de leite. A incorporación de Alberto Lamas Vázquez, o fillo desta explotación familiar, como responsable da SAT, marcou o inicio desta liña de negocio que a converte nunha explotación pioneira a nivel galego.

A orixe de SAT A Campa

Como a case totalidade das explotacións galegas, a orixe de SAT A Campa é froito do traballo e ilusión dunha familia. Os avós de Alberto chegaron por motivos familiares á Campa, no concello coruñés de Curtis, no ano 1970 dende o Courel, na provincia de Lugo. Viñeron con todo o que tiñan, incluídas 5 vacas, e compraron fincas no lugar.

O rabaño e as terras foron medrando e cos anos diversificaron o negocio familiar cunha explotación de porcino, agora pechada. A explotación pasou dos avós ao pai de Alberto, José Luis Lamas, e en 1995 constitúese a SAT A Campa. No ano 2000 construíron unha nave nova para as vacas en lactación e unha sala de muxido de 16 puntos, mentres que as naves vellas foron quedando para as vacas con mellor xenética e para os xatos. Por problemas de espazo, a recría das xovencas fanna noutra granxa cercana coa que está asociada a SAT. Para solucionar este problema teñen previsto construír este ano unha nova nave.

En total, a SAT A Campa conta cuns 340 animais, dos que 170 son vacas en lactación e as outras vacas secas e xovencas e crea 5 postos de traballo.

A xenética, nova liña de ingresos para SAT A Campa

Alberto Lamas ten claro o obxectivo para a explotación: “Queremos ser un modelo de granxa rendible e orientada cara a xenética, o noso referente é a granxa Badiola Holstein, de Asturias”.

Recoñece que “por agora estamos empezando, pero o obxectivo a medio prazo é chegar a igualar os ingresos por venda de xenética aos ingresos polo leite”.

SAT_A_Campa_vaca_campioa_01_standar

Alberto cunha das vacas de valor xenético da explotación.

Para conseguir as vacas coa mellor xenética empezaron mercando embrións. Sen embargo, os comezos non foron fáciles xa que a taxa de preñez era moi baixa. Isto levounos no 2010 a empezar a mercar xovencas en poxas, tanto en España como no resto de Europa. E aínda que os primeiros resultados tampouco foron satisfactorios, a compra de tres animais a Badiola Holstein, en Asturias, un dos referente a nivel europeo, supuxo un punto de inflexión.

Así, un deses animais -BADIOLA SHOTTLE MEGATEA 1 ET – colocouse de número 1 de España en GICO e a día de hoxe SAT A Campa conta coa mellor xovenca ICO – MAD SEA 3 ET- e tamén coa mellor xovenca Holstein vermella: CAMPA BARMAN SPECIAL ROJA ET.

Como resultado de compras en subastas hoxe hai na explotación unhas 80 vacas descendentes das mellores liñas de xenética Holstein.

Ademais, Alberto Lamas salienta que “a transferencia embrionaria tamén foi mellorando e neste momento implantamos unha media de 20 embrións ao mes e con bos resultados, aínda que retrasa un pouco a media de xestación, que está nos 15 meses”.

A alta calidade xenética dos animais de SAT A Campa levounos a asinar un acordo con Xenética Fontao, polo que o centro crea embrións a partir dos óvulos das vacas da explotación: unha vez implantados, as femias quedan quedan na Campa, mentres que os machos son entregados a Xenética Fontao para converterse en futuros touros xenómicos.

É precisamente a venda de xovencas a vía principal vía de ingresos a nivel xenético, unha liña que pensan ampliar tamén coa venda de embrións. A última venda acadou o prezo máximo na poxa de Frisonas de Boimorto: 3.000 euros por CAMPA YORICK MEGADEA 2 ET .

Neste sentido, o responsable de SAT A Campa explica que “intentamos adaptarnos á demanda do gandeiro, con diferentes liñas xenéticas, dende as orientados a concursos, a animais que só dean machos para índices, ou liñas para vacas rendibles con boa produción e de tamaño medio”.

Alimentación, rendemento leiteiro e base territorial da explotación

En canto á que segue sendo a principal vía de ingresos da explotación, o leite, SAT A Campa produce diariamente uns 5.500 litros e contaba cunha cota de 1,6 millóns de quilos. O leite que producen ten un 3,25 proteína e un 3,85 de graxa e véndenllo íntegramente a Queinaga, unha queixería que forma parte da explotación familiar.

SAT_A_Campa_silo_01_standar

Aspecto dos silos.

A ración diaria está feita con 33 kg de millo, 12 kilos de herba de silo, 0,5 kg de palla e 9,5 kg de penso concentrado, que mercan a unha media de 290 euros tonelada.

Un dato que chama a atención é que a produción está en 31 litros por vaca con dous muxidos diarios, por debaixo da media, que é de 36-38 litros diarios.

Alberto Lamas explica que “para nós é máis rendible producir algo menos, porque hoxe en día o dato relevante é canto che costa producir o litro de leite, máis que a media de produción ou o número de animais”.

“Ante todo miramos os custos de produción e a rendibilidade, porque isto ten que ser unha empresa”, remarca o responsable de SAT A Campa.

“A clave é ter autosuficiencia alimentaria na explotación para reducir os custos de produción”

Neste sentido, a media dos custos de produción nesta explotación está nos 24 céntimos por litro de leite. Para conseguir isto, Alberto Lamas subliña que “a clave na base territorial e na autosuficiencia alimentaria, é o futuro do sector lácteo galego”.

Así, na SAT A Campa cultivan unhas 70 hectáreas de millo e arredor dunhas 30 hectáreas de raigrás. Sen embargo, recoñece que, ao igual que moitas explotacións gandeiras de Galicia, “temos moitas dificultades para aumentar a base territorial”.

Ademais, intentan facer o máximo de traballo con maquinaria propia e só contratan a unha empresa externa a sementeira e a colleita.

En definitiva, unha explotación de referencia que aspira a deixar a súa pegada xenética en moitas ganderías de leite.

Alberto Lamas tomou o relevo en SAT A Campa.
image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información