Riscos e beneficios de aproveitar a parte sólida do xurro como cama para o gando

Un estudo realizado en granxas do Reino Unido analiza as vantaxes e os perigos de empregar a fracción sólida do xurro como cama nas granxas de vacún de leite. A cantidade de patóxenos e os custos son dous factores claves fronte a outras alternativas. Coñecemos en detalle os resultados e algunhas recomendacións

Riscos e beneficios de aproveitar a parte sólida do xurro como cama para o gando

Gando sobre camas elaboradas con xurros reciclados, logo de separar a parte sólida da líquida.

En Inglaterra é frecuente atopar granxas de vacún de leite que empregan para as camas do gando a fracción sólida dos xurros, principalmente fibra non dixerida, logo dun proceso de separación da parte líquida. O uso deste esterco reciclado está permitido técnicamente na Unión Europea pero, ¿que riscos e beneficios ten este material fronte a outras alternativas?

Esa mesma pregunta foi a que se formularon na Universidade de Nottingham e o motivo polo que levaron a cabo diferentes investigacións sobre o uso deste esterco reutilizado como cama. O profesor de Sanidade Animal e Produción Láctea desta universidade, Andrew Bradley, expuxo recentemente os resultados destes traballos nunha videoconferencia da rede europea de gandeiros de vacún de leite, Eurodairy.

As investigacións buscaban avaliar o impacto que pode ter empregar estas camas para a saúde das vacas e dos humanos

A investigación partiu dos traballos xa realizados ó respecto nos Países Baixos e tamén recabou as opinións de gandeiros que estaban a empregar este sistema. As principais vantaxes que observaran tiñan que ver co aforro de custes, maior limpeza e confort dos animais e unha importante redución no pó durante o seu manexo.

As dúbidas sobre o uso das camas de esterco reciclado céntranse en avaliar o impacto que pode ter empregar xurros reciclados para a saúde dos animais e dos humanos, tanto dos gandeiros que no seu día a día están en contacto con eles, como para os consumidores, a través da cadea alimentaria.

Comparativas con area e serraduras

Nas investigacións que levaron a cabo, que incluíron enquisas e visitas a 125 granxas, procuraron non só obter datos sobre este tipo de cama senón ofrecer unha comparativa con outras alternativas empregadas hoxe en día nas ganderías, como a area e as serraduras. Deste xeito, en 40 destas granxas empregaban os xurros reciclados, en 41 a area e en 44 as serraduras.

Detectaron importantes variacións nos recontos de microorganismos dos mesmos materiais dunhas granxas a outras

“Era importante non só ter os datos obxectivos do risco en canto a patóxenos e bacterias que podía supoñer as camas de esterco reciclado, senón tamén comparalo con outros materiais de camas, como a area ou as serraduras, que normalmente non se someten a unha análise tan profunda sobre o impacto que pode ter o seu uso na granxa”, xustifica o experto.

Separador-de-solidos-liquido-para-cama-ganado-

Proceso de elaboración do esterco reciclado, polo que se separa a parte sólida da líquida dos xurros.

Un dos principais aspectos que avaliaron foi a presenza de patóxenos e bacterias nas camas, polo risco que poden implicar inicialmente. Así, fixeron recontos para algúns dos máis habituais nestes espazos (coliformes, Streptococus spp, Staphylococcus spp) e para aqueles que poden provocar unha intoxicación alimentaria (listeria, salmonella, Bacilus cereus ou Yersinia enterocolitica, entre outros).

Cos recontos comprobaron que a presenza de microorganismos era máis alta nas camas a base de xurros reciclados pero tamén apreciaron que había grandes variacións nos recontos dentro dos mesmos materiais. De este xeito, empregando o mesmo material, unha mala xestión podía provocar que os recontos fosen moi altos.

Non hay unha clara relación entre o número de bacterias na cama e os recontos de baterias que logo hai no leite

Ademais, comprobaron que pese a que os recontos fosen máis altos isto non implicou que se traducisen en maiores recontos no leite. Así, o evidencia que pese a que os recontos totais de bacterias nas camas de esterco reciclado eran elevados, sen embargo algunhas das mostras de leite de granxas que as empregaban, situábanse nos recontos máis baixos. “Non hai unha clara relación entre o número de bacterias na cama e o número de baterias que logo hai no leite”, concreta Bradley. A mesma conclusión extraeron cando revisaron recontos de células somáticas, así como as infeccións durante a lactación ou mastites clínicas.

Reconto total de bacterias presentes nas camas do gando da parte sólida do xurro (RMS), area (sand) e serrín (sawdust): 

Reconto total de bacterias presentes nas camas do gando.

Reconto total de bacterias presentes no leite segundo o tipo de cama: 

TBC-en-leite-

Á hora de analizar os riscos que supón para patoloxías que poden ser transmitidas ó ser humano, un dos casos destacados é a Salmonella, xa que de producirse un brote nas granxas, ó contar con este tipo de camas pode resultar máis complicado atallalo, segundo conclúe o experto.

O confort para os animais foi outro dos aspectos que avaliaron, e neste caso resultou vantaxosa o emprego de esterco reciclado fronte a outras alternativas , tendendo a superar os rendementos tanto da area como das serraduras. “En termos de limpeza e confort parece haber uns claros beneficios das camas de esterco reciclado”, concreta o experto.

Tamén estimaron os costes que supón o uso do esterco reciclado como cama para as vacas. Neste senso, concluíron que resulta unha alternativa rendible cando se trata de granxas de importantes dimensións. “Para que se converta nun beneficio económico debe realizarse en granxas duns 200 animais ou máis”, explica Bradley.

Recomendacións para empregar os xurros reciclados como cama

O investigador Andrew Bradley aporta algunhas claves a ter en conta cando se decide empregar a fracción sólida dos xurros como camas para o gando. Recollemos 7 recomendacións básicas para reducir ó máximo os potenciais riscos e implementar beneficios:

1 – Seguimento da saúde dos animais. Os usuarios deste tipo de camas para o gando de vacún de leite deberían realizar unha monitorización exhaustiva da saúde e do manexo do gando para ter baixo control calquera potencial efecto adverso.

2 – Hixiene persoal. O persoal das granxa debe ser consciente dos riscos que pode supoñer para a súa saúde este tipo de camas co gaio de extremar as precaucións e reducir os riscos á hora de realizar o seu mantemento.

3 – Preparación baixo cuberta. A preparación destas camas de esterco reciclado debería facerse nunha zona cuberta para evitar un incremento do contido de auga. Tamén o seu almacenamento ata a súa aplicación debería ser nun espazo con teito por este mesmo motivo.

4 – Axeitado manexo do cubículo. O experto incide na importancia de realizar un mantemento excelente das camas con este tipo de material. Entre outras cuestións é preciso facer unha renovación frecuente do material polo que, alomenos unha vez ó día convén incorporar material novo ás camas.

Ademais, engadir o material en pequenas cantidades tamén permite optimizar o seu poder secante. Neste manexo das camas, tamén é preciso deseñar e manexar axeitadamente o material para minimizar a contaminación con ouriños e outros restos fecais.

5 – A ventilación é a clave. Coa eliminación frecuente do material evítase o quentamento e favorécese a ventilación da cama, co que se minimiza o risco de humidade e os niveis de amoníaco aloxado na atmósfera.

6 – Usar só os xurros. É recomendable evitar que a auga ou as solucións empregadas para os baños de pés das vacas rematen mesturándose cos xurros que se empreguen para facer as camas. A presenza de metais pesados nestas augas pode perpetuar a resistencia antimicrobiana na gandería.

7 – Plan de continxencia. Para o experto é fundamental contar cun plan de contixencia co que poida ser posible empregar outro material nas camas se fose preciso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información