Retos do sector lácteo de cara á nova PAC: os casos galego e francés

O XII Congreso de Economía Agraria que se celebrou en Lugo abordou, coa participación de especialistas españois e franceses, a situación do sector leiteiro de cara aos novos condicionantes económicos, sociais e medioambientais previstos na Política Agraria da UE para o periodo 2021-2027

Mesa redonda sobre os retos do sector lácteo con expertos galegos e franceses no XII Congreso de Economía Agraria celebrado en Lugo

Mesa redonda sobre os retos do sector lácteo con expertos galegos e franceses no XII Congreso de Economía Agraria celebrado en Lugo

O termo sustentabilidade, máis alá dunha das palabras de moda no discurso público nestes momentos, pasará a guiar a Política Agraria Común na vindeira década incorporando novas esixencias para as explotacións leiteiras. Da capacidade que teñan para adaptarse a estes condicionantes dependerá en boa medida a súa viabilidade e rendibilidade.

O ministro de Agricultura, Luis Planas, xa avanzaba o mércores durante a inauguración do XII Congreso de Economía Agraria que se estivo desenvolvendo esta semana na Escola Politécnica Superior do Campus Terra de Lugo que a nova PAC para o periodo 2021-2027 supón “un auténtico cambio de paradigma nas políticas agrarias europeas” e augurou “unha nova revolución verde na vindeira década” na que, dixo, “haberá que repensar o que producimos e como o producimos”.

Os aspectos de sustentabilidade medioambiental (redución das emisións de efecto invernadoiro e loita contra o cambio climático e conservación da biodiversidade, a paisaxe e o estado do chan e a auga) engádense así aos retos actuais da sustentabilidade económica (como lograr que as explotacións sexan rendibles nun contexto de competencia internacional) e da sustentabilidade social (relevo xeracional e perspectiva de xénero) de cara ao futuro do sector leiteiro na vindeira década.

A presenza no Congreso de especialistas españois e franceses permitiu facer unha análise comparativa das semellanzas e diferenzas das explotacións de leite galegas e francesas dentro do contexto europeo da vindeira década. Vexamos os principais aspectos a ter en conta:

Presenza no territorio

A produción de leite de vaca no mundo supón uns 700 millóns de toneladas, dos que a UE produce o 24%. España é o 8º produtor de leite dentro da UE por detrás de Alemania, Francia, Reino Unido, Holanda, Italia, Polonia e Irlanda.

O 55% do leite que se produce en España prodúceno as comunidades da cornixa cantábrica (só Galicia aporta o 40% do total do leite producido en España, sendo a 8ª rexión máis produtora de leite da UE). Sen embargo, o tamaño das explotacións existentes no resto da península é tres veces maior ca en Galicia.

Galicia é a 8ª rexión produtora da UE e aporta o 40% do leite producido no conxunto de España

A cadea láctea aporta en España o 27% do valor do sector primario, xerando 13.000 millóns de euros ao ano. No 2018 un total de 23.000 gandeiros fixeron entregas de leite no Estado español, incluindo os produtores de ovella e cabra, onde España é o principal produtor da UE. A industria láctea emprega de forma directa a outras 30.000 persoas e xera máis de 9.500 deses 13.000 millóns de euros.

Pero máis aló do seu valor económico, o mantemento do sector lácteo é fundamental para o mantemento da poboación e da actividade económica (directa e asociada) nas zonas rurais da meirande parte das comarcas galegas, tratándose pois dun sector estratéxico tamén desde o punto de vista social e demográfico.

Relevo xeracional

En España, 2 de cada 3 gandeiros están por enriba dos 55 anos, o que evidencia que se xubilarán no vindeiro periodo de vixencia da PAC. En Francia, a situación é similar, onde só o 20% dos responsables de explotacións teñen menos de 40 anos e máis da metade superan xa os 50 anos.

Ao problema do relevo xeracional engádese o da escasa incorporación feminina. Só o 22,6% dos titulares de explotacións son mulleres en España e o ministro de Agricultura avanzou unha revisión da Lei de Titularidade Compartida para poder seguir avanzando neste campo. O enfoque de xénero será outro dos aspectos que incorpore a nova PAC no seu Regulamento.

En España 2 de cada 3 gandeiros están por enriba dos 55 anos, unha situación similar á que acontece en Francia

En conxunto, en Francia, igual que en Galicia, estase a producir un importante proceso de redución no número de explotacións. Na actualidade hai un total de 57.000 pero estímase que no 2035 quedarán tan só reducidas a 36.000. Neste momento, só o 22,6% das explotacións de leite francesas logran para os seus traballadores salarios iguais ou superiores ao salario medio francés.

Sen embargo, de xeito parello á desaparición de explotacións, o 75% das granxas francesas están medrando. O promedio actual é de 73 vacas de media por explotación, aínda que o tamaño medio varía moito en función das zonas, con rexións como Bretaña ou Normandía, con explotacións leiteiras máis grandes, fronte ás existentes na zona máis montañosa do leste do país, onde son de menor tamaño e asociadas en moitos casos á produción de queixo.

“Durante 30 anos a xestión das cuotas era rexional, sen transferencia entre os distintos Departamentos, e iso fixo que as rexións máis dinámicas, como Bretaña ou Normandía, non desenvolveran todo o seu potencial”, afirmou Benoît Rouyer, director de Economía e Territorios do CNIEL, a interprofesional láctea francesa.

O 45% das explotacións de leite francesas atópanse nestas concas leiteiras do oeste do país, as montañas do leste concentran outro 23% mentres que o 29% restante están repartidas noutas zonas onde existe maior presenza de policultivo.

O peso das cooperativas e as organizacións de produtores

Máis da metade dos gandeiros franceses, o 55%, entregan o leite a unha cooperativa, mentres que o 45% restante faino a unha empresa privada. No país existen 240 cooperativas, aínda que moitas delas son pequenas queixarías situadas no leste do país.

Catro compañías francesas atópanse no top 15 das industrias lácteas mundiais e procesan case tanto leite fóra do país como dentro

O mercado está dominado pola cooperativa Sodiaal e pola empresa Lactalis, de capital privado pertencente á familia Besnier. Cada unha delas controla arredor do 20% do mercado. Pero no top 15 dos líderes mundiais da industria láctea hai outros dous grupos franceses, Danone e Savencia. En total, as empresas francesas procesan dentro de Francia 24.000 millóns de litros de leite e outros 20.000 millóns fóra, en países como España.

Ademais da maior relevancia e volume das cooperativas francesas, outro factor diferencial con respecto a Galicia é o feito de que o 30% dos gandeiros son membros dunha das 64 Organizacións de Produtores que hai recoñecidas en Francia.

Un terzo dos gandeiros franceses pertencen a unha das 64 Organizacións de produtores existentes e o 15% do leite que se produce ten un distintivo que diferenza a súa orixe

O 15% do leite producido en Francia está diferenciado pola súa orixe: o 9,6% por estar dentro dunha DOP, o 2,6% por ser de produción ecolóxica (unha porcentaxe que se incrementará considerablemente a finais deste ano até alcanzar o 4%) e o resto mediante diferentes distintivos tales como leite de montaña, leite sen OGM, leite de pastoreo, leite de prezo xusto ou identificadores rexionais de proximidade.

Volatilidade de prezos

Trala supresión das cuotas lácteas no ano 2015 e o desmantelamento das medidas de regulación europea o sector produtor español quedou a mercede do mercado internacional, quedando os gandeiros afectados pola alta volatilidade dos prezos e a falla de garantía de recollida. Unha desigualdade nas relacións entre os gandeiros e as empresas que o Paquete Lácteo non foi quen de corrixir no paso da regulación pública do sector á autoregulación privada.

“La volatilidad de precios es imposible de evitar en un mercado global internacional”, asegurou durante a súa intervención no Congreso Luis Calabozo, director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), que afirmou que “o que poida acontecer en Nova Zelanda, Arxentina ou EEUU afectará a España”.

Por iso, dixo, “tomar decisións individualmente como produtor ou mesmo como país non conduce a nada”. Puxo o exemplo de Francia, que decidiu voluntariamente reducir a súa produción tralo final das cuotas. “Hoy Francia produce menos que producía con las cuotas y no le ha servido de nada, es dejar hueco al competidor, y hoy ese hueco que ha dejado Francia lo ha ocupado Alemania”, asegurou.

Francia decidiu autolimitar a súa produción tralo fin das cotas lácteas, algo que o levou a perder peso no contexto europeo. O oco que deixou aproveitouno Alemania

A perda de peso do sector francés foi algo que tamén reafirmou Christophe Perrot, do Institut de l’Élevage, o organismo asesor en materia técnica e científica en Francia. “Tralo fin das cuotas produciuse unha perda de peso de Francia no mercado lácteo e de exportacións dentro da Unión Europea”, dixo. “Francia non participou da expansión da produción que se deu noutros países europeos tralo fin das cuotas e ve diminuir o seu excedente comercial coa UE”, engadiu. Tralo fin das cotas no ano 2015 os países que máis incrementaron a súa produción foron Irlanda, Polonia, Alemania e os Paises Baixos.

Esta situación está a xerar ademais rendas máis baixas nas explotacións “porque os gandeiros franceses non teñen o baixo custo de produción dos irlandeses nin o prezo alto de venda do leite que teñen os holandeses ou os daneses”, explicou. O custo medio de produción do litro de leite, sen incluir o traballo do gandeiro, sitúase en Francia nos 250 euros por tonelada, similar a Alemania e uns 60 euros inferior a países como Holanda ou Dinamarca, pero uns 100 euros máis ca no caso irlandés, cunha produción baseada na alimentación mediante pasto. En canto ao prezo de venda, sitúase en Francia arredor dos 33,6 céntimos, tres menos que o cobrado en Holanda ou Dinamarca e só dous céntimos máis que o que se paga en Irlanda, por exemplo.

Descenso no consumo de lácteos

Calabozo indicou que tralo fin das cuotas lácteas a produción de leite en España aumentou á par que se producía un descenso do consumo de leite nos fogares. As entregas totais de leite en España no ano 2018 foron de 8,1 millóns de toneladas: 7.117.700 toneladas corresponderon a leite de vaca, 513.745 a leite de ovella e 481.209 a leite de cabra. Por contra, o consumo descendeu un 6,1% de 2010 a 2016, pasando de 5.245.971 toneladas a comezos da década a 4.924.307 no ano 2016. Desde entón, explicou, “tocouse fondo e comezou a repuntar levemente de novo o consumo de lácteos”, cun ascenso do 1% nos últimos dous anos até pechar 2018 con 4.973.296 toneladas.

As industrias porán en marcha en toda España a partir da vindeira semana unha campaña para chamar a consumir tres lácteos ao día, cun logo alusivo que incorporarán todas as marcas aos seus envases

“As industrias defendían durante anos a súa cuota de mercado pero non o sector lácteo globalmente e os beneficios do consumo de leite. Isto deu lugar a que se extenderan falsos mitos e a que o consumidor deixara de identificar os produtos lácteos como imprescindibles na dieta”, indicou Calabozo. “Non estamos ante un problema de penetración, xa que practicamente o 100% das familias españolas compra lácteos habitualmente, senón ante un problema de frecuencia, xa que un certo tipo de consumidor, como mozos e mozas independizados e familias con nenos de máis de 7 anos, non ve xa os produtos lácteos como esenciais dentro da súa dieta, en contra do que acontece coas froitas e verduras, por exemplo, sendo ademais en moitos casos unha reducción inconsciente no consumo de lácteos, xa que o 70% das familias que reduciron o consumo de produtos lácteos nos últimos 2 anos non era consciente de telo feito”, engadiu.

Para incentivar este consumo, a FENIL porá en marcha unha campaña o vindeiro día 16 de setembro, cun investimento publicitario de 2 millóns de euros anuais durante os vindeiros 4 anos financiada na súa totalidade a través da INLAC. O lema da campaña será No dejes de hacer las cosas que te sientan bien e invita a tomar cando menos 3 lácteos ao día, cun logotipo alusivo que aparecerá en todos os envases de todas as marcas, lembrando os beneficios do consumo de leite e derivados como fonte de calcio e de proteínas pero non só asociado a épocas concretas como o crecimento, o embarazo ou a vellez.

Incremento das exportacións

Co descenso de consumo interno e o aumento da produción na UE tralo fin das cuotas, as empresas miran cara a exportación como solución, pensando no aumento de poboación mundial e de consumo de leite nos países asiáticos ou africanos. Pero para eses envíos non resulta rendible o leite líquido, senón produtos máis transformados como pode ser o caso do leite en pó.

A balanza comercial de produtos lácteos española foi reducindo de xeito importante o diferencial existente entre as importacións e as exportacións tralo fin das cuotas. Se no 2011 exportábanse por debaixo de 400.000 toneladas e importábanse preto de 1.200.000, no ano 2018 as exportacións foron de 500.000 toneladas e as importacións non chegaron ás 800.000. No aumento das exportacións está pesando o crecimento do mercado exterior de queixo, que desde 2010 a 2018 medrou un 163%.

Só nos últimos tres anos España importou 866.000 toneladas de queixo a baixo prezo procedente de Alemania, Francia e Holanda, que usan as exportacións como mecanismo para a regulación do seu mercado interno

Con todo, segue entrando moito queixo de fóra a baixo prezo. Só nos últimos 3 anos España importou 866.000 toneladas de queixo (Edam, Gouda, Cheddar, Emmental e Havarti principalmente, procedentes de Alemania, Francia e Holanda) a un prezo medio de entre 3,11 e 4,05 euros por quilo. Son países que usan o mercado exterior de queixo a baixo prezo como mecanismo para a regulación do seu mercado interno.

A balanza comercial de produtos lácteos francesa é completamente diferente á española. Por cada 10 litros de leite que exporta en forma de produtos lácteos Francia importa só 7, é dicir, o diferencial entre importación e exportación é favorable en máis dun 33%. Ademais, o consumo interno absorbe tres quintas partes dos produtos lácteos producidos no país.

Reparto xusto de valor na cadea

En Francia o marketing e a publicidade no sector lácteo xa non xira neste momento arredor dos beneficios alimenticios do leite. “Iso acontecía hai unha década, pero agora a maior parte da publicidade vai enfocada ao propio pracer de consumir eses produtos”, explicou Benoît.

Palabras como ética, prezo xusto ou produción responsable aparecen con frecuencia nos envases de produtos lácteos franceses, unha tendencia que se consolidou nos anos 2017 e 2018. O Goberno Macron estableceu no ano 2017 un periodo de consultas cos distintos actores da cadea láctea e elaborou un Plan Sectorial para o sector que tiña como un obxectivo prioritario aportar transparencia e lograr un reparto máis xusto do valor en todos os elos da cadea.

Francia estableceu hai un ano limitacións legais á venda de leite a prezos por debaixo do custo de produción pero estas novas ferramentas de transparencia agardan aínda o visto bo da Comisión Europea

O resultado foi a promulgación en novembro de 2018 da chamada Lei Egalim, con restricións por exemplo ás promocións ou á venda a perda. “En Francia non se permiten técnicas como compre un e leve outro gratis”, explicou Benoît. Pero a realidade, recoñeceu, é que de momento esta normativa “aínda non surtiu o efecto desexado”. Incluía novas ferramentas de transparencia que agardan aínda a luz verde da Comisión Europea, como a publicación de indicadores mensuais de custos de producción.

Segundo indicou, na última década os produtos alimentarios en Francia subiron unha media dun 0,7% anual, un incremento que non se notou no sector lácteo, que quedou á marxe. “Hoxe mantéñense os prezos de fai 10 anos”, dixo.

Mobilidade de terras

Francia ten un significativo potencial de producción de forraxes e cereais, cun custo moderado da terra e abundancia de superficie agraria útil, o que reduce a necesidade de insumos das súas explotacións. Pola contra, o minifundio e a fragmentación da propiedade é un hándicap que arrastra historicamente o sector leiteiro galego. O 97% da superficie total de Galicia é solo rústico, pero a nosa comunidade é un puzle de 11 millóns de parcelas catastrais pertencentes a 1,6 millóns de propietarios (un 8% deles descoñecidos para a Administración) e a parcela media non chega aos 1.500 metros cadrados.

Un terzo das terras que manexaban as explotacións leiteiras que pecharon en Galicia na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo

Pero a esta fragmentación engádese a escasa mobilidade de terras en Galicia, o que dificulta o crecimento e redimensionamento das explotacións ao impedir o incremento parello necesario da superficie agraria útil da que dispoñen. Da pouca transferencia de terras que se produce na nosa comunidade dá testemuño un dato aportado no Congreso polo profesor Francisco Sineiro, que revelou que un terzo das terras que tiñan as explotacións leiteiras que pecharon en Galicia na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo.

Redución de emisións

A sostibilidade medioambiental pasará a sen un dos condicionantes fundamentais da produción leiteira nos vindeiros anos. Así o recollerá tamén a vindeira PAC, segundo avanzou o ministro Planas, que o definiu como un dos tres retos para a vindeira década, xunto ao social e ao económico. Son dúas as premisas que terá en conta a nova PAC e que de seguro acabarán motivando novas limitacións ou restriccións no eido ambiental: a loita contra o cambio climático e a conservación da biodiversidade, a paixaxe e a calidade do chan e da auga.

A gandería é responsable do 31% das emisións de gases de efecto invernadoiro en Irlanda e representa a primeira causa de contaminación por enriba da industria e dos automóbiles

A agricultura e a gandería son responsables do 23% das emisións de efecto invernadoiro a nivel mundial. En España esa cifra baixa até o 12%, por debaixo da media da UE. En Irlanda, por exemplo, representa o 31% das emisións e é a primeira causa de contaminación por diante da industria e dos automóbiles. En Francia, que se sitúa no 18%, os problemas medioambientais son máis por calidade da auga e polos nitratos que pola emisión de gases como o metano. No caso de Holanda os límites son aos fosfatos.

O ministro recoñeceu que este é un dos debates para a nova PAC, que afecta sobre todo ao sector do gando de leite, así como no caso do vacún de carne unha das discusións está en se o aproveitamento dos montes e da biomasa mediante silvopastoreo debe entrar ou non dentro de la PAC, admitindo que non existe acordo neste sentido. “Eu creo que debería entrar e é algo que tamén defende Galicia, pero hai outras comunidades que non están dacordo”, recoñeceu.

Planas tamén se definiu como “firme defensor” dos regadíos porque, dixo, “o regadío produce seis veces máis que o secano”, aínda que avogou por un “regadío eficiente”, polo incremento das cubertas vexetais para os cultivos e a redución dos fitosanitarios.

Indicou que é necesario avanzar cara a “agricultura de precisión” e dixo que “los robot, que ya están en las explotaciones ganaderas de leche, estarán también dentro de poco en los invernaderos y cultivos agrarios”.

Maior liberdade dos Estados na aplicación da nova PAC

Algúns dos asistentes ao XII Congreso de Economía Agraria celebrado esta semana en Lugo

Algúns dos asistentes ao XII Congreso de Economía Agraria celebrado esta semana en Lugo

O primeiro debate de cara a posta en marcha da nova PAC, que se encetará dentro de dúas semanas nunha reunión dos ministros de Agricultura en Helsinki, será o da dotación económica. Luis Planas avanzou que España aspira a manter os mesmos fondos que no periodo 2014-2020, é dicir, unha mobilización de 50.000 millóns de euros en 7 anos (2021-2027). “Creo que non estamos lonxe de lograrlo”, asegurou. Con esta cifra, indicou, podería manterse o actual apoio ao sector, indicando que “no conxunto de España o 30% dos ingresos das explotacions corresponden neste momento á PAC”.

As axudas da PAC representan de media un 30% dos ingresos das explotacións en España

Pero ademais do canto a outra das cuestións a debate será o como. Outro dos aspectos nos que se terán que poñer de acordo os 27 países membros da UE será o do Novo Regulamento que fixe o marco básico de reparto deses fondos. A grande novidade desta reforma sobre os periodos anteriores é que os Estados membros gañan en autonomía e capacidade de decisión, unha descentralización da PAC que outorga maior protagonismo ao Plan Estratéxico Español que deberá guiar a acción do Estado na aplicación do Novo Regulamento da PAC.

“Nunca nos últimos 40 anos tiveramos en España a oportunidade e a posibilidade de revisar da A á Z a nosa política agraria, porque estabamos limitados e condicionados polos acordos establecidos para a entrada de España na UE”, indicou o ministro.

Por primeira vez en 40 anos o Estado español poderá revisar a súa política agraria tralas limitacións motivadas pola entrada na UE

A primeira reunión coas Comunidades Autónomas para a elaboración do Plan Estratéxico tivo lugar no pasado mes de xaneiro. En outubro está prevista a segunda, xunto a unha rolda de contactos coas organizacións agrarias e do sector. “En febreiro de 2020 iniciaremos as discusións sobre como aplicar en España a nova PAC coa intención de ser, a principios de 2021, un dos primeiros Estados en presentar á Comisión Europea o seu Plan Estratéxico nacional”, avanzou o ministro de Agricultura.

Dentro dese Plan Estratéxico estableceranse cuestións tan relevantes para os gandeiros galegos desde o punto de vista do reparto dos fondos como a definición do concepto de agricultor en aspectos como se para ter esta consideración deberá dedicarse a tempo completo á agricultura ou simplemente a tempo parcial.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información