A rega do millo forraxeiro por goteo aumenta o rendemento ata nun 80%

Un campo de demostración realizado en Carballedo (Lugo) conclúe que a rega do millo forraxeiro en Galicia pode incrementar os rendementos ata nun 80% nun ano seco como o 2016 con respecto ao cultivado en secaño.

A rega do millo forraxeiro por goteo aumenta o rendemento ata nun 80%

Tubos de regadío por goteo na finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo). Foto: Juan Piñeiro

Un campo de demostración realizado en Carballedo (Lugo) conclúe que a rega por goteo do millo forraxeiro na zona interior de Galicia pode incrementar os rendementos ata nun 80% nun ano seco como o 2016 con respecto ao cultivado en secaño.

Así se puxo de manifesto nunha xornada organizada o pasado mércores pola Fundación José Luis Taboada (FJLT) no Pazo de Cartelos, neste municipio lucense, e en cuxas fincas se realizou o ensaio.

O estudo, que leva por título “Efecto da rega no rendemento e valor nutricional do millo forraxeiro”, forma parte dos traballos de colaboración entre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), a Cooperativa ICOS e a Fundación José Luis Taboada (FJLT) dentro das actividades do Plan de Transferencia Tecnolóxica da Consellaría do Medio Rural.

Máis do 90% do millo que se cultiva en Galicia é en secaño, o que provoca que en anos nos que os meses de xullo e agosto sexan especialmente secos, baixen notablemente os rendementos, incluso ata niveis antieconómicos para este cultivo.

Neste sentido, Juan Piñeiro Andión, patrono da fundación e investigador xubilado do CIAM, explicou a ficha técnica deste campo de demostración do que conclúe que existen boas perspectivas para a rega do millo en Galicia mediante un sistema eficiente e pouco custoso como é a rega por goteo mediante mangueiras distribuídas polas filas de millo.

O cultivo de millo foi realizado en sementeira tardía (mediados de xuño) no ano 2016, que tivo baixas precipitacións en primavera-verán. A rega, que se realizou por gravidade, comezou o 12 de xullo e rematou o 12 de setembro, pouco antes da colleita que se realizou o 28 de setembro de 2016.

Datos de rendementos

A este respecto, Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos de Mabegondo, lembrou que o cultivo do millo é, xunto co de herba “un dos piares sobre os que se sustenta a produción leiteira de Galicia” en base aos seus bos rendementos, elevado valor enerxético e facilidade para ensilar correctamente”.

Sen embargo, dado que o cultivo se realiza en secaño, a produción acadada é moi variábel de ano en ano, dependendo das precipitacións rexistradas a finais da primavera e na primeira metade do verán.

Os resultados obtidos no CIAM nos 15 últimos anos mostran rendementos medios de 13 toneladas de materia seca (MS) por hectárea e ano, que poden oscilar entre as 15-16 toneladas MS/ha en anos chuviosos e as 9-10 toneladas MS/ha en anos secos. Por outra parte, obsérvase en ditos traballos que “as precipitacións acumuladas no mes de xullo explican o 80% da variación da colleita de millo forraxeiro dun ano para outro, e de aí a importancia de realizar regas puntuais e estratéxicas”.

 Con rega por goteo os rendementos chegaron a 12,4 toneladas MS/ha

Neste sentido, os investigadores do CIAM, en colaboración cos técnicos de ICOS e a gandería “Carteiro de Trasar”, compararon os rendementos de cultivo e o valor nutricional da planta de millo en tres parcelas do pazo de Cartelos, en Carballedo, unha en secaño con pouca profundidade de terreo e en pendente, outra con terreo máis fondo e a terceira con rega.

En canto ao rendemento do cultivo, o ensaio revela que a produción de materia seca case se duplicou aplicando rega: 6,3 toneladas fronte a 12,4 toneladas MS/ha. En termos de produción de Enerxía Neta Leite por hectárea o incremento con regadío é dun 80%, a mesma porcentaxe que se se analiza a produción de proteína.

Así se reflicte no seguinte cadro:

Autor: Ciam/Ingacal

Autor: Ciam/Ingacal

O contido en amidón do millo con rega case multiplica por 4 o do cultivado no peor terreo

En relación á influencia das características do solo no rendemento da planta obsérvanse diferenzas notables entre as tres parcelas nas que se realizou o ensaio. Así, na parcela non regada con peor calidade do solo o rendemento foi moi baixo, de tan só 4,5 toneladas de MS/ha, chegando ás 8,0 toneladas MS/ha na finca sen regadío pero con terreo máis fondo e as citadas 12,4 toneladas MS/ha da parcela na que se realizou regadío.

No relativo á composición química, destaca que o contido en amidón do millo producido con rega (22,1 %MS) é superior ao cultivado na finca en secaño con boa calidade do solo (18,4 %MS), pero case multiplica por 4 a porcentaxe de amidón do cultivado no peor terreo (6,4 %MS).

CARTELOS_MILLO_CADRO_4

CARTELOS_MILLO_CADRO_3

Necesidade de almacenar auga en pozas ou estanques para regas puntuais do millo

Durante a xornada de transferencia foi comentada a tendencia a unha maior estacionalidade das precipitacións anuais, concentradas de forma cada vez máis frecuente nos meses de outono-inverno. Isto suxire a necesidade e oportunidade de almacenar ditos excedentes mediante pequenas obras hidráulicas (pozas ou estanques) a fin de dar regas puntuais mediante sistemas de goteo ao cultivo do millo no período de máximas necesidades (xullo e agosto), actividades que ben poderían ser incluídas dentro das axudas do PDR de Galicia 21014-2020.

4 ideas sobre “A rega do millo forraxeiro por goteo aumenta o rendemento ata nun 80%

  1. José Luis López Salgueiro

    en la tabla de composición química de planta entera los datos de FAD y FND están invertidos

    Contestar
  2. Ángel

    Moi interesante o artigo. Pero para o meu entender debería complementarse a información con datos como: ¿De canto volume de auga estamos a falar aproximadamente por hectárea?. ¿canto consumo de enerxía se leva a cabo no bombeo da auga?

    Contestar
    • campogalego

      Boa tarde Ángel:
      Envíoche a resposta de Juan Piñeiro, autor do estudio. Podes poñerte en contacto con el no seguinte correo: pineirop@mundo-r.com

      Moitas grazas polo comentario e suxestións. Non se mediu a cantidade de auga usada porque non dispuxemos dun contador ata o final do período de rega, o faremos en 2017. Non se consumiu enerxía porque a auga baixou por gravidade desde un pequeno encoro que hai na parte alta da finca, é unha situación moi favorable.

      Un cordial saúdo

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información