A reforma do Paquete Lácteo en España ultima a súa posta en marcha, tras o trámite de Competencia

A Comisión Nacional de Mercados y Competencia cuestiona a fianza de 150.000 que se lle ía esixir ós primeiros compradores para afrontar posibles impagos. O organismo propón reducir os compromisos dos gandeiros coas organizacións de produtores

A reforma do Paquete Lácteo en España ultima a súa posta en marcha, tras o trámite de Competencia

O proxecto de reforma do Paquete Lácteo en España, presentado polo Ministerio de Agricultura hai case un ano, afronta os seus últimos trámites, logo do informe emitido estes días por Competencia. A revisión do Paquete Lácteo en España ten entre os seus obxectivos principais facer operativas as organizacións de produtores (OPs), que ata o de agora tiveron un funcionamento residual no país. Outro dos fins é o de ofrecerlle maiores garantías ás explotacións gandeiras en caso de impagos de primeiros compradores.

O Paquete Lácteo naceu en Europa no 2012 co obxectivo de establecer relacións específicas de contratación no sector leiteiro, permitindo excepcións ás normativas comunitarias de Competencia. O informe emitido agora pola Comisión Nacional de Mercados y Competencia (CNMC) recoñece a excepcionalidade do Paquete Lácteo, pero precisa que “salvo nos casos recollidos expresamente, a normativa de competencia segue aplicándose no sector”.

Negociación colectiva coas industrias
O proxecto de reforma do Paquete Lácteo en España busca impulsar a negociación entre as organizacións de produtores (OPs) e as industrias lácteas, que ata agora estiveron bloqueadas por parte das industrias. A revisión do Paquete Lácteo naceu coa idea de impedir que as industrias lácteas negocien de xeito individual cos gandeiros adscritos a unha organización de produtores, de xeito que se force así a negociación colectiva entre industrias e OPs.

Unha das dúas organizacións de produtores constituída en Galicia, Ulega, creada por Unións Agrarias, está ultimando estes días os comités negociadores que se reunirán con cada industria, que estarán conformados por gandeiros da propia OP, acompañados do correspondente asesoramento. Ulega agarda que a negociación coas industrias se active en canto se aprobe a reforma do Paquete Lácteo.

En relación á reforma do Paquete Lácteo proxectada polo Ministerio de Agricultura, a CNMC cuestiona o periodo mínimo de adhesión dos gandeiros a unha OP, que se establece en dous anos. A CNMC propón que se baixe ese periodo e lembra que o mínimo esixido pola normativa comunitaria é dun ano. Tamén pide que se eliminen as penalizacións ás explotacións en caso de renuncia anticipada e que non se lles impida incorporarse a outra OP no prazo dun ano.

Primeiros compradores

Competencia tamén quere estar informada sobre os acordos de produción e venda que suscriban as OPs, a fin de controlar que se cumpre coa normativa comunitaria. Outro punto polémico do informe da CNMC radica en que se opón á fianza de 150.000 euros que o Ministerio de Agricultura propuxo esixirlle ós primeiros compradores, a fin de enfrontar posibles casos de impago.

Esa fianza era considerada insuficiente polas organizacións agrarias, pois antes do fin das cotas lácteas pedíase unha fianza de 300.000 euros, pero desde a perspectiva de Competencia non está xustificada a petición da fianza.

Igual que sucede co resto de informes de Competencia, corresponderá agora ó Ministerio competente decidir sobre a redacción final do proxecto de Real Decreto. Queda tamén por ver se o cambio de Goberno leva á inclusión de cambios na iniciativa, se ben á fronte da Secretaria de Agricultura do Ministerio situouse Fernando Miranda, ata agora director general de Mercados, polo que non se esperan grandes cambios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información