Recomendacións para o pastoreo en vacún de leite

Resumo da ponencia do presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada, nas xornadas sobre produción de leite en base a pastoreo organizadas polo Sindicato Labrego Galego. “O pastoreo deixa máis marxe neta aos gandeiros”, subliña

Recomendacións para o pastoreo en vacún de leite

Vacas en pastoreo

Pouco a pouco as explotacións gandeiras volven á produción de leite baseada no pastoreo. Aínda que este sistema acabou sendo minoritario en Galicia -non ocorre o mesmo en potencias mundiais na produción láctea, como Nova Zelanda (100%), Irlanda (100%) e mesmo Francia (92%)-, producir leite en base a herba (produción intensiva de herba) segue sendo máis sustentable que os sistemas ultraintensivos adoptados en Galicia, debido a que a herba sigue a ser o alimento máis barato e saudable para o gando. Ademais, con utilizacións medidas ou inferiores a 200 gramos de concentrado por litro de leite, o pastoreo deixa máis marxe neta para os gandeiros.

Estes e outros aspectos expuxéronse nas xornadas sobre produción de leite en base a pastoreo organizadas polo Sindicato Labrego Galego en Meira e Vilalba, e nas que interviron Isabel Vilalba, secretaria xeral do Slg; Eloi Villada, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e tres gandeiros de vacún de leite con experiencia en pastoreo: Daniel Veiga Legaspi, da gandería Patalarga, da Pastoriza; Óscar Morado, de Sat Margá, en Guitiriz, e Ángel Rivas Lamas, de Casa Codesal, en Friol.

Todos eles coincidiron na necesidade de mellorar a formación técnica en pastoreo, abandonada nos últimos anos debido á presión comercial e o cambio do paradigma produtivo de cara a unha maior intensificación. Neste sentido, Eloi Villada subliñou que “os sistemas de pastoreo son máis complexos e requiren maior formación que os sistemas de cero pastoreo ou que non empregan herba fresca”.

Como principais razóns para volver a este sistema de produción de leite, o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes salientou que “a herba segue sendo a forraxe máis barata e a máis nutritiva e equilibrada para o gando, redundando nunha maior lonxevidade e benestar das vacas”.

A continuación ofrecemos un resumo da súa ponencia:

Vantaxes do pastoreo:

-Permite aproveitar a herba durante un período de 8-11 meses nas condicións galegas.
-Redúcense ata un 50% as necesidades e os custos das forraxes conservadas. En pastoreo só se debe conservar o que sobra e que non poden comer as vacas a dente e/ou en verde.
-Reduce os riscos da conservación de forraxes as necesidades deste moito menores.
-Precisase unha menor capacidade da foxa de almacenamento de xurros, gastos e tempo de distribución.
-Redución dos gastos en maquinaria e dos consumos enerxéticos.
-A mellora da saúde e da lonxevidade dos animais ten un impacto económico importante.
-A calidade do leite é mellor no referente ao contido de ácidos graxos insaturados (omega 3).
-O contido de Ácido Linoleico Conxugado (Cla) é superior ao das forraxes conservadas.
-Permite unha maior variabilidade na xestión dos recursos da explotación, adaptándoa á situación da economía do leite.
-As explotacións de pastoreo, en xeral teñen menores investimentos e menores cargas financeiras.

Inconvenientes do pastoreo:

-Pode requirir máis man de obra para mover os animais e racionar o pastoreo.
-Está limitado polas condicións de humidade do solo.
-A alimentación das vacas en lactación non é homoxénea ao longo da lactación, e case require a toma diaria de decisións.
-É preciso manter un sistema de cercados eficiente, ainda que cos cercados eléctricos o coste é moi baixo e flexible.
-O gandeiro debe ter unha alta formación técnica e coñecementos de dinámica vexetal.
-As veces a estrutura da explotación non o permite. As parcelas en pastoreo, deben estar nun radio máximo de 2 kilómetros, excepto para vacas secas e xovencas.

Como manexar o pasto?

-O pastoreo débese iniciar o máis cedo posible, entre finais de xaneiro e mediados de febreiro, se hai herba.

-A saída do gando ás parcelas debe ser gradual, ao igual que a retirada, empezando cunha hora diaria e incrementándose progresivamente cos días a presenza no pasto.
-Hai que estimar a cantidade de MS/ha. presente na parcela, igual ou maior a 1.300-1500 kg MS/ha.

-A altura do pasto debe estar entre 9-16 cm.

-Retirar o gando cando a altura baixe de 5 cm. Hai que evitar a redución de inxesta e tamén o sobrepastoreo.

-A máxima eficiencia por unidade de superficie, no pastoreo, acádase con 9 cm de altura e 3.5/4 cm. de retirada. Aínda que pode baixar a produción por vaca. O grao de flexibilidade é amplo

-As quendas de pastoreo deben ser rápidas. Os animais lactante non deben permanecer mais de 2 ou 3 días en cada parcela. O ideal é o cambio diario.

-O pastoreo continuo é unha alternativa máis cómoda, pero menos eficaz que o pastoreo rotacional, no que se divide a parcela.

-As vacas de alta produción de raza Frisona teñen elevadas necesidades nutricionais. Compre favorecer a inxesta de elevadas cantidades de materia seca, no entorno de 17/18 kg/dia, de ahí para arriba é prácticamente imposible que unha vaca consuma mais, en base a só herba. O pico de lactación acádase ás seis semanas do parto, nese período entre parto e pico da lactación é cando as vacas teñen menos apetito e pode aparecer un posible déficit enerxético, é cando nas nosas condicións o aporte de concentrados é moi conveniente ou mesmo necesario.

“O uso do concentrado debe ser maior despois do parto”

-Na primavera as vacas en pastoreo poden acadar, só con herba producións importantes (ata 25 l/dia). Por tanto é a época na que se pode reducir ou eliminar o concentrado. Na tempada seca do verán e no inverno, o pasto, se o hai, debe suplementarase con forraxes conservadas e concentrado, procurando evitar os efectos de substitución (que por dar moito concentrado as vacas baixen o consumo de forraxes, conservadas ou non).

-A herba excedentaria que medra no outono, cada vez mais importante por mor da mudanza climática, pódese reservar para o inverno para alimentar as vacas secas.

-Convén suprimir o pastoreo no fin do outono e/ou no inicio do inverno, entre decembro e xaneiro, para que, unha vez que o pastoreo cesou, as pratenses poidan acumular sustancias de reserva nas raíces, e deste xeito ter un inicio do crecemento vigoroso na seguinte estación de pastoreo.

-A herba outonal é de boa calidade pero ten poucos azúcares solubles, polo que é pouco enerxética, e cando se emprega para alimentar vacas en produción é preciso suplementar co penso e outras forraxes.

resch_pastoreo_vacun_leite_02

Autor: César Resch (Ciam-Ingacal)

Deseño e forma das parcelas e subparcelas, cando se volta ao pastoreo:

-As subparcelas (plots) formas cadradas ou funcionan mellor 2:1 (non mais de 4:1), xa que requiren menos entradas e menor desprazamento aos puntos de auga. Pola contra, as parcelas longas e estreitas sofren maiores danos en períodos chuviosos, especialmente preto da cancela de entrada.

Entradas:

-Convén ter varios puntos de acceso dende os camiños.
-Se é posible, convén ter entradas na parte traseira da parcela.
-Deben ser o sufientemente amplas para facilitar a entrada do rabaño e tamén o acceso con maquinaria.

Camiños:

Consideracións a ter en conta no deseño e localización dos novos camiños:
-Tamaño futuro do rabaño.
-Situación e localización das parcelas de pastoreo.
-Anchura dos camiños: maior anchura preto da entrada á corte e á sala de muxir. Para rabaños de máis 80 vacas deben ter de 4-5 m de anchura. Para os de máis de 250 vacas deben ter uns 6 m de anchura. Os camiños estreitos provocan un maior risco de laminite.

Bebedeiros.

Os bebedeiros nas parcelas deben cumprir as seguintes recomendacións:
-Un caudal mínimo de 0,15 litros/minuto/vaca.
-O consumo de auga por vaca sitúase en:
– Arredor de 10 litros en días fríos e húmidos.
– Máis de 90 litros en días cálidos e soleados.
– Poden beber mais de 14 l/minuto, e deles o 30-50 % nunha hora arredor do muxido.
-A localización debe ser central para minimizar a distancia dos desprazamentos e facilitar o pastoreo en bandas (rotacional). Non colocar preto das entradas das parcelas.

Tamaño do bebedeiro:
– Debe ter unha capacidade mínima para 7 litros/vaca.
– Os bebedeiros amplos supoñen maior espazo e capacidade para beber.
– Cálculo aproximado: asegurar que o 5% do rabaño pode beber ao mesmo tempo.

Cando o subministro de auga se fai con cisterna móbiles, debe intentarse respetar as condicións antes citadas pero certa flexibilidade é aceptable.

O uso estratéxico de concentrados:

Na situación actual, para ser competitivos, convén reducir o consumo de concentrado por litro de leite producido ao mínimo posible. Así, no inicio da lactación débense suplementar as vacas con concentrado para que eleven a produción ata o pico, que se alcanzará ás 6 semanas aproximadamente. Sería interesante agrupar partos para que o período de máximo rendemento da herba en primavera coincida co pico de lactación e período posterior.

“Sería interesante empezar a agrupar partos”

O concentrado debe servir tamén para que as vacas non perdan condición corporal en demasía. O obxectivo é acadar un consumo medio non superior 200 gramos de concentrado por litro de leite producido. Actualmente na maioría das ganderías de vacún de leite en intensivo de Galicia supéranse os 400 gramos de concentrado por litro de leite, o que as fai moi dependentes das oscilacións dos prezos das materias primas a nivel internacional.

ELOI_VILLADA_concentrado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información