Recomendacións para mover as vacas de maneira eficaz e segura

Gerard Cramer, da Universidade de Minnesota, falou no congreso de Anembe deste ano sobre as “Estratexias para o manexo práctico do gando en granxas leiteiras”. Velaquí un resumo.

Recomendacións para mover as vacas de maneira eficaz e segura

Vacas nunha estrada.

Os principais sentidos que utilizan as vacas para interactuar con quen as manexa son a vista e o oído e dado que se trata de animais presa, utilizan estes sentidos para asegurarse de que a súa contorna é segura.

Neste sentido, é crucial para as persoas que traballan con gando coñecer como actúa a vaca para evitar a resposta de fuxida ou de loita e realizar un manexo eficaz e seguro no establo cando necesitamos que se despracen.

Ademais, evitaremos estrés no animal e converteremos o manexo nunha práctica agradable e eficiente, tanto para o animal como para o gandeiro. De feito, estudos realizados revelan que as vacas que son movidas polos operarios sen estrés producen entre 300 e 400 litros máis por lactación.

En canto á vista, as vacas ven nun ángulo de entre 300 e 330 graos, quedando unha zona cega duns 80 graos detrás do rabo, que podemos aproveitar para que se movan na dirección que desexamos. Ademais, non perciben ben a profundidade, polo que teñen que mover a cabeza para calcular a distancia.

En canto ao son, as vacas non poden localizar os sons tan ben como os humanos, polo que necesitan mover a súa cabeza para localizalos. Ademais, os berros altos son tan molestos para elas como os golpes.

Como punto de partida, describíronse tres zonas á hora de manexar o gando:

-A zona de fuxida, a escasos centímetros rodeando o seu corpo. É a zona na que se entra o ser humano a vaca afastarase rapidamente e dunha maneira non controlada.

-A zona de presión: é a área máis ampla ao redor da vaca -ao redor de metro e medio ao redor do seu corpo-, na que nos podemos situar para presionar ao animal para que se mova nunha dirección, pero se saímos desa zona a vaca deterase.

-A zona crítica: é a zona na que o animal defenderá o seu territorio e atacará en lugar de fuxir.

Velaquí un vídeo da Universidade de Minnesota sobre as zonas de presión dunha vaca:

Como mover ás vacas de forma efectiva?

O coñecemento da zona de presión é clave para mover ás vacas dunha maneira efectiva. Usando a técnica de presionar e soltar, onde entramos na zona de presión, permitindo que o animal se afaste na dirección desexada, e logo soltar a presión, saíndo desa zona, conseguirase mover ás vacas de forma lenta e controlada.

Para utilizar esta técnica de presionar e soltar, na que os nosos brazos e mans son suficientes, debemos ter en conta catro claves:

-Debemos ser pacientes, para darlle tempo á vaca a avaliar a súa contorna e verificar a seguridade da mesma. É normal que teñan temor dos charcos, das zonas de sombra, das portas ou dos ángulos, polo que lles debemos dar tempo para adaptarse.

-Controlar a nosa velocidade é importante, xa que os humanos e as vacas temos distintas velocidades, de forma que se entramos na súa zona de fuxida da vaca, causaremos un movemento non controlado.

-A nosa posición inflúe na presión que se aplica, polo que temos que ser conscientes da nosa posición cando movamos vacas. É dicir, é necesaria unha posición máis próxima para iniciar o movemento do animal da que se require para continuar o movemento.

-O ángulo no que nos aproximemos á vaca inflúe na dirección na que a vaca se move. Así:

.Se nos movemos na mesma dirección e en paralelo á vaca terá como resultado que esta reduza a súa velocidade.

.Se nos movemos en paralelo pero en dirección contraria á vaca, esta moverase máis rápido.

.Para mover un grupo cara a adiante podemos camiñar en ziz-zag nun ángulo de 45 graos detrás delas para que avancen, seguindo a regra de presionar aproximándonos á súa zona de fuxida e afastándonos soltando presión.

Vídeo da Universidade de Minnesota sobre as técnicas para mover ás vacas eficazmente:

Máis información: http://umash.umn.edu/stockmanship/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información