Recomendacións para mellorar o funcionamento do carro unifeed

Resumo do relatorio de Pedro Sedano, veterinario de Qualivet, nas xornadas técnicas de vacún de leite de Mazaricos. As auditorías de carro están a implantarse cada vez máis para garantir un mesturado óptimo da ración

Recomendacións para mellorar o funcionamento do carro unifeed

Exemplo do que non se debe facer: o carro mesturador debe estar nivelado

Coa estabulación do gando vacún de leite que se xeneralizou nas últimas décadas, o carro mesturador ou carro unifeed pasou a desempeñar un papel crucial nas granxas, sendo o responsable de mesturar de forma uniforme os distintos ingredientes da ración (ensilados, palla, penso, melazas, auga…etc). Por tanto, do correcto manexo e mantemento do carro unifeed dependerá unha óptima inxesta e aproveitamento da ración por parte da vaca, a súa boa conservación e o rendemento leiteiro dos animais.

Neste sentido, Pedro Sedano, veterinario de Qualivet, explicou nas xornadas técnicas de vacún de leite de Mazaricos celebradas este mes cales son as claves dun correcto control do carro a través da ración. Así mesmo, destacou a importancia de realizar auditorías periódicas para comprobar que tanto o mantemento como o manexo da máquina son os máis axeitados para cada granxa.

“Os obxectivos que nos debemos marcar co manexo do carro unifeed son obter unha mestura uniforme ao longo do comedeiro e ao longo dos días; conseguir un tamaño de partícula adecuado da forraxe, e minimizar as necesidades de traballo do gandeiro ou do empregado. Tamén debemos perseguir unha redución dos custos enerxéticos -gasóleo- e maximizar a vida do carro”, son as conclusións de Tom Oelberg, PhD, técnico especialista en rumiantes en Diamond V, e creador da TMR Audits.

Puntos esenciais para realizar un correcto mesturado no carro:

Exemplos de sin cheos de restos de comida en carros con falta de limpeza

Exemplos de sen fin cheos de restos de comida en carros con falta de limpeza

Neste sentido, Pedro Sedano explica cales son os puntos esenciais que se deben revisar para lograr un correcto mesturado dos ingredientes no carro:

-Limpeza: Implantar unha rutina de limpeza periódica do carro, tanto exterior como interior, para evitar que se acumulen restos de comida no seu interior que constituirán unha fonte de contaminación (fermentos, fungos e bacterias non desexables).

-Revisar o desgaste das pezas e especialmente das coitelas. “A miña recomendación é cambiar dunha vez a metade das coitelas se están romas, porque desta forma sempre garantiremos que o carro funciona de forma razoablemente efectiva”, explica o veterinario de Qualivet.

 “As mellores mesturas de carro teñen un coeficiente de variación do 3% ou menos”

-Tempo adecuado de mesturado despois do último ingrediente. Neste sentido, unha tese doutoral realizada no ano 2015 por Endika Landa Goya na Universidade Pública de Navarra concluíu que a homoxeneidade da mestura, expresada en % de coeficiente de variación (CV) é dunha media de 3,11% se o carro permanece 3,5 minutos mesturando desde que se engadiu o último ingrediente. “As mellores mesturas teñen un coeficiente de variación do 3% ou inferior”, destaca Pedro Sedano.

Pero se este tempo aumenta a 5 minutos a homoxeneidade da mestura aumenta notablemente, ao descender os CV ao 2,15%. Os datos aínda son máis elocuentes se se comparan a parte superior do carro: 18,52% de CV fronte a un 8,15% cando se mestura durante 5 minutos. E tamén no fondo da bandexa: 4,81% fronte ao 2,56%.

cadro_mestura_cadro

-Manter o carro en posición nivelada ao cargar os ingredientes: De non ser así a mestura é moito menos homoxénea e as vacas tenden a seleccionar máis e a reducir a inxesta de Materia Seca.

-Posición da carga de ingredientes ao centro do carro mesturador. Nunca se deben cargar as forraxes, penso e demais ingredientes no lateral do carro, sempre no centro.

-Orde de adición dos ingredientes: A orde recomendada para garantir unha maior homoxeneidade da mestura é incorporar primeiro ao carro a palla, a continuación a fariña de soia e/ou o penso ou concentrado. A continuación engadiríanse as forraxes húmidas: silo de herba e silo de millo, por esta orde. E en último lugar a melaza e auga se fose necesario.

-A distribución dos líquidos (melazas..etc) debe realizarse no centro do carro e de forma uniforme.

-Débese evitar o sobreenchido. O volume de cargo debe ser o adecuado para garantir unha boa mestura.

Coitela nova e coitela gastada

Coitela nova e coitela gastada

-Velocidade suficiente de rotación do sin-fin. Debemos aumentar as revolucións do motor segundo o tamaño da fibra e aumentar o tempo de mestura cando se engaden os ingredientes.

-Traballar cun tamaño adecuado de partícula das forraxes antes do mesturado.

-Axuste adecuado das contra-coitelas.

As auditorías de carro mesturador

Pedro Sedano incide na importancia de realizar auditorías de carro mesturador para garantir que as mesturas son homoxéneas.

“O principal sinal de que o carro non está a traballar ben é que a produción de leite das vacas oscila de forma notable. Unha vez que aplicamos as medidas correctoras adecuadas á situación particular de cada granxa, as liñas de produción de leite teñen a ser moito máis lineais”, destaca o veterinario de Qualivet:

Exemplo de variación da produción de leite nunha gandaría antes e despois dunha auditoría de carro unifeed:

CARRO_AUDITORIA_1

Só o 30% das cargas logran unha boa mestura

A partir dos datos das auditorías realizadas por Diamond V, Pedro Sedano conclúe que “soamente o 30% das cargas son normais, é dicir, non presentan problemas, e os principais fallos son traballar con equipos desgastados, sobre todo as coitelas, (23% dos casos), seguido de tempo insuficiente de mesturado despois de engadir o último ingrediente (13,5%), calidade da forraxe e procesamento do mesmo (10%) e sobreenchido (6,2%)”.

CARRO_AUDITORIA_2

CARRO_AUDITORIA_3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información