Recomendacións para evitar a morte das vacas por anacos de metal

Máis dun 7% dos bovinos morren pola inxesta dun corpo extraño, fundamentalmente anacos de metal. Resumo do relatorio de Javier Jesús Camba Méndez, perito en sinistros pecuarios, nas XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO, celebradas recentemente en Lugo

Recomendacións para evitar a morte das vacas por anacos de metal

Arame atopado por Javier Jesús Camba Méndez no interior dunha vaca

A inxesta de anacos de metal segue sendo unha das principais causas de morte do gando bovino, unha mortaldade que provoca importantes perdas económicas aos gandeiros e que podería evitarse en grande medida. Así o puxo de manifesto Javier Jesús Camba Méndez, perito en sinistros pecuarios, nas XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO, celebradas recentemente en Lugo.

Máis do 7% das reses mortas na explotación perecen pola inxestión dun corpo estraño

Para pór cifras fiables, Javier Jesús Camba expuxo os resultados dun estudo realizado por el en base a 600 necropsias realizadas ao longo de dous anos en Galicia, e no que se conclúe que aproximadamente un 7% das reses mortas na explotación perecen pola inxestión dun corpo estraño. “A esas deberiamos engadir unha porcentaxe de animais que abandonan a explotación pola mesma causa, pero que alcanzan o matadoiro e eu non puiden cuantificar”, precisa o perito en sinistros pecuarios.

A partir da súa experiencia de 16 anos realizando necropsias, asegura que a porcentaxe deste tipo de mortes en gando vacún “non foi en aumento, pero desde logo non vai a menos”.

¿A partir de que medidas un anaco de metal é mortal para unha vaca? Este experto advirte de que “un anaco de metal alargado e puntiagudo a partir duns 5 centímetros xa pode ser fatal para a vaca”. Os elementos metálicos que máis aparecen nas necropsias ?”normalmente son anacos metálicos como arames do pastor, arames da embalaxe da alfalfa, cravos…. pero atopei vacas cravadas mesmo coa antena dun coche, de fibra de vidro”.

¿Como e onde se adoita producir a lesión? Unha vez que o animal inxeriu o anaco de metal a lesión prodúcese no retículo -o segundo estómago que teñen os ruminantes-, por unha cuestión puramente anatómica. “O tamaño do retículo permite que un arame das dimensións citadas, durante a dixestión poida perforalo. A perforación prodúcese polos propios movementos do retículo e por que na posición que ocupa está sometido a unha gran presión. A partir de aí, depende da dirección que tome ese corpo estraño, as lesións poden derivar en peritonite, pericardite, pleurite, hepatite… O animal loitará con máis ou menos éxito contra esa agresión, e inicialmente pode contela, pero a posteriori, calquera situación de tensión (normalmente o parto) provocará que esa lesión, inicialmente controlada, se reavive e xa sexa mortal”, explica Javier Jesús Camba.

Cada vez máis lesións por arames das pacas de alfalfa e das rodas dos silos

En canto á orixe destes anacos de metal, este perito en sinistros pecuarios conclúe que “variou o corpo estraño que provoca a lesión”. “Antigamente atopabámonos fundamentalmente con cravos de carpintaría e arame de espiño dos peches das leiras. Ultimamente o que me atopo con maior frecuencia son arames das rodas que se colocan sobre os silos como pesos e arames das pacas de alfalfa. A partir de aí podémonos atopar case calquera cousa: arames de cobre que non atenden ao tratamento con imán, rebabas da soldadura..etc”, explica.

O caso máis estraño que se atopou na súa longa experiencia profesional realizando necropsias a gando bovino, Javier Jesús Camba destaca “o dunha antena do coche, polo estraño e polo tamaño, pois podía ter aproximadamente uns 40 cm de lonxitude aínda que estaba partida en dous anacos aínda unidos polas fibras de vidro”. “Estaba cravada atravesando retículo e fígado e chegaba ao corazón. Aí non había solución ningunha, nin imáns nin nada que facer, pero habería que saber como chegou aquela antena alí”, detalla.

Anacos de metal atopados no interior dos animais por Javier Jesús Camba Méndez durante as necropsias

Anacos de metal atopados no interior dos animais por Javier Jesús Camba Méndez durante as necropsias

Medidas de prevención para evitar casos de vacas cravadas

En canto ás medidas de prevención, as súas recomendacións son:

-”En explotacións onde a incidencia de animais lesionados sexa moi alta, eu recomendaría a introdución de imáns a todos os animais a título preventivo, posto que un animal que trague un arame e teña no seu retículo o imán, non chegará a lesionarse”.

Como prevención xeral, os carros mesturadores na súa maioría xa contan con imáns no seu circuíto que extraen os metais que poidan aparecer, e a maquinaria de labor ten detectores que paran as máquinas cando detectan un anaco de metal. O problema son os arames e cravos que poden caer directamente ao pesebre ou algún carro antigo que non ten imáns e poden engadir á ración de forma involuntaria algún arame das rodas dos silos”.

-”Recomendaría o abandono do uso das rodas como peso sobre os silos, utilizar as famosas salchichas de area ou buscar outras alternativas que non teñan arames na súa composición”.

Por último, Javier Jesús Camba Méndez defende que “a xente debería tomar conciencia de que os animais que morren na explotación teñen un último servizo que darnos e este é contar por que morreron”.

“Darémonos conta deste xeito que hai unha enorme variedade de causas polas que falecen os animais; así mesmo estes animais poden contarnos algún problema que temos na explotación e do que é posible que non tivésemos coñecemento”, conclúe.

Imán que retén os anacos de metal no retículo, evitando lesións ao animal

Imán que retén os anacos de metal no retículo, evitando lesións ao animal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información