Recomendacións do CIAM para o abonado e o ensilado da herba nesta campaña

Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e o seu equipo explican as claves da fertilización nitroxenada das pradeiras nun ano coma este e ofrecen unhas recomendacións xerais para o ensilado

Recomendacións do CIAM para o abonado e o ensilado da herba nesta campaña

Equipo da cooperativa Os Irmandiños cortando a herba.

O intervalo habitualmente recomendado entre a aplicación de Nitrógeno mineral en cobertoira e o corte da herba non debería ser inferior a 6 semanas, o cal non sempre será posíbel nas condicións meteorolóxicas da presente campaña de ensilado de herba. Cómpre ter en conta que debido ao exceso de chuvia, non se puido aplicar fertilizante nitroxenado até moi tarde, polo que o intervalo entre a aplicación e o corte da herba é escaso. A este respecto, recoméndase non superar os 2 kg de nitróxeno (N) por día de crecemento activo da herba. Así, cun intervalo de 30 días entre a aplicación e o corte, a máxima dose de N a aplicar será de 60 kg por hectárea.

Un exceso de N aplicado na herba incrementará a concentración de nitrato e reducirá o contido de azucre na planta, o que pode influír negativamente na fermentación do ensilado e reducir a inxestibilidade e valor proteico da forraxe conservada. É recomendábel un nivel de 0.1% ou inferior de nitrato na materia seca (MS) da herba, non debendo superar o 0.25 %MS como limiar de seguridade para non comprometer a calidade da fermentación no silo.

“Recoméndase non aplicar máis de 60 kg de Nitróxeno por hectárea”

Polo xeral, para aplicacións de N por debaixo de 90-100 kg/ha é suficiente un intervalo de 30 días entre a aplicación e o corte da herba para acadar un nivel seguro de nitrato na forraxe. Polo xeral, o contido en N amoniacal das ensilaxes utilízase como indicador da calidade de fermentación, sendo desexábeis valores inferiores ao 8-10% do N total. Cando este valor se sitúa entre o 15-20%, son de agardar reducións na inxestión voluntaria da ensilaxe de herba polo gando vacún do orde do 10% ou superiores respecto dunha ensilaxe de herba ben fermentada.

Non son de esperar efectos negativos para o gando debido a un nivel excesivo de nitrato na herba, aínda con doses altas de aplicación de N e con intervalos fertilización-colleita reducidos (3 ou 4 semanas), posto que a fermentación que ten lugar no silo reduce nun 50-60% o contido en nitrato da herba orixinal.

Outras claves a ter en conta

Por outra banda, é interesante ter en conta o seguinte:

1.- A colleita da herba nas proximidades do espigado reduce o nivel de nitrato na planta con respecto ao que tería a herba nun estado vexetativo

2.- Os nitratos tenden a concentrar-se na parte baixa do talo, polo que en caso de sospeitar risco de alto contido en nitrato, pode ser interesante elevar a altura de corte.

3.- O aproveitamento da herba inmediatamente despois dunha chuvia pode elevar o contido en nitratos na planta.

4.- Este aspecto é particularmente importante no caso da sega da herba para alimentación en verde. Nesta circunstancia debe considerar-se, adicionalmente, que a herba con risco de ter alto contido en nitrato (cortada nun estado inmaduro e fertilizada fortemente con N) debe ser consumida polo gando de forma inmediata, evitando o seu quecemento cando, por exemplo, a herba fresca cortada se deixa amoreada para o día seguinte. O quecemento da masa causa a conversión do nitrato en nitrito na forraxe, incrementando o risco potencial para a saúde do gando.

 

¿Que factores inflúen na calidade do silo de herba?

O concepto de calidade dunha forraxe, nun sentido amplo, está relacionado co nivel de produtividade animal que é capaz de manter. Pode definirse máis precisamente como o produto da concentración de nutrientes contidos na forraxe pola cantidade de forraxe que o animal é capaz de inxerir. O ensilado é o produto obtido a través da fermentación controlada dunha forraxe con alto contido en humidade. A técnica do ensilado ten como obxectivo o minimizar as perdas en valor nutritivo ocorridas durante o proceso de conservación.

O valor nutritivo do ensilado e o nivel de perdas no silo están en gran medida determinados, para unha forraxe dunha calidade inicial dada, polo tratamento da colleita tras o corte e a calidade de fermentación conseguida. Esta afecta fundamentalmente o valor nitroxenado real do ensilado e a inxestibilidade potencial. Aínda que en xeral, en ensilados realizados correctamente a dixestibilidade (valor enerxético) é sensiblemente semellante á da forraxe orixinal , unha mala calidade de fermentación pode afectar aquela negativamente.

De entre os factores que influencian a calidade dos ensilados, salienta a importancia e interrelacións da ensilabilidade da forraxe orixinal (capacidade para fermentar correctamente de forma natural) e a tecnoloxía utilizada no proceso de ensilado para controlar a fermentación.

Ensilabilidade da herba orixinal:

A aptitude para o ensilado depende fundamentalmente do seu contido en carbohidratos solubles (CHS), a súa resistencia á acidificación durante a fermentación (poder tampón) e o seu contido en materia seca. Existen notables diferenzas entre especies en canto ao contido de CHS (alto en raigrases, baixo en dactilo e alfalfa), variando este para unha mesma especie coa idade e o ciclo de aproveitamento. Adicionalmente, existe unha correlación positiva coa intensidade luminosa e negativa coa fertilización nitroxenada.

O poder tampón depende da especie vexetal (alto en leguminosas, máis baixo en gramíneas pratenses, en particular no raigrás italiano anual), da idade da planta e do número de ciclo (en xeral, diminúe coa idade, particularmente ao longo do primeiro ciclo).

Un exceso de humidade na forraxe pode ter un efecto negativo no modelo de fermentación. Con contidos en MS inferiores ao 15%, as bacterias clostrídicas poden non ser suprimidas a un pH de 4.0. Nas condicións da zona costeira de Galicia, a obtención duns valores de dixestibilidade da materia orgánica (DMO) próximos ao 70% no primeiro corte, implican en xeral o realizar o aproveitamento cando a materia seca (MS) da herba é do 16-20%, ou mesmo inferior se a climatoloxía é adversa, polo que é práctica habitual o secado da forraxe no campo por un breve período.

A importancia do presecado

As vantaxes do presecado derivadas do efecto positivo que a elevación do nivel de MS de forraxe ten sobre a calidade de fermentación e o incremento do nivel de inxestión do ensilado están amplamente documentadas na bibliografía. No entanto, a súa utilidade está fundamentalmente limitada pola súa dependencia da climatoloxía. O nivel de perdas asociado ao secado no campo pode oscilar entre 1-4% da MS/día dependendo daquela, e o atraso no rebrote da herba é aproximadamente equivalente á duración do período de secado.

Por outra banda, a superior inxestión do ensilado presecado non se ve sempre reflectida nunha mellora da produtividade animal se ben por razóns operativas hoxe é unha práctica amplamente difundida nas explotacións galegas, ao cal non é alleo a considerábel mellora na fiabilidade das predicións meteorolóxicas a curto e incluso a medio prazo.

Unha excelente calidade de conservación pode ser definida como aquela que se observa en ensilados con pH=4, agás se a MS é superior a 30%; contidos en N-NH3=5 – 7% N total, N soluble =50% N total; A. Acético=2-2.5% MS e ausencia ou trazas de A. Butírico. Esta calidade de conservación, que situaría o nivel de inxestibilidade e a retención de N a niveis comparables cos da forraxe verde orixinal, só pode ser conseguida por un presecado correcto (MS 32-35%) polo xeral acompañado dun aditivo eficaz (inoculantes a base de bacterias lácticas homofermentativas).

Recoméndase analizar os silos con métodos precisos

A utilización eficiente da ensilaxe de herba na alimentación do gando, en particular no vacún de leite, esixe ineludibelmente coñecer con precisión o seu valor nutricional, en particular o valor enerxético e proteico a fin de axustar adecuadamente a sua inclusión na ración. Para elo a toma de mostras debe ser realizada mediante unha sonda que permita a obtención de mostras representativas do total da masa ensilada e enviar ditas mostras a un laboratorio de servizo que proporcione resultados fiábeis.

Neste sentido, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite conta a este respecto con métodos NIRS para estimación nutricional de ensilaxes, cuxas calibracións son actualizadas anualmente en base aos traballos conxuntos que realiza conxuntamente co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo na área A3F (aplicacións avanzadas para análise de forraxes).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información