Recomendacións básicas para mellorar o pastoreo

Resumo da “Xornada de iniciación ao pastoreo rotacional: gandería rexenerativa” impartida por Xestión Agrogandeira e Natureza este mércores en Santiago de Compostela. Respectar a altura de pasto para sacar e meter as vacas no prado é unha das claves para un bo pastoreo.

Recomendacións básicas para mellorar o pastoreo

Vacas en pastoreo en Ludrio (Castro de Rei-Lugo)

O pastoreo foi ata hai poucos anos o sistema maioritario de alimentación do gando vacún. Sen embargo, a intensificación das explotacións lácteas nas últimas décadas, xunto á expansión da alimentación unifeed con base, sobre todo, no silo de millo forraxeiro, levaron case á desaparición do pastoreo, ate o punto de que, segundo datos do sector, menos do 15% do leite en Galicia se produce en base a pastoreo.

Porén, o novo escenario de forte variación nos prezos do leite no que as explotacións con menores custos de produción son as máis resistentes, xunto ao crecemento da demanda de leite ecolóxico, están a provocar que rexurda o interese pola produción propia de forraxes, e polo pastoreo en particular, a forma de alimentación do gando máis barata que existe.

Sen embargo, séguense cometendo importantes erros á hora de xestionar o pasto. Neste sentido, Xan Pouliquen -de Xestión Agrogandeira e Natureza– , un dos expertos en Galicia en pastoreo, organizou este mércores en Santiago unha “Xornada de iniciación ao pastoreo rotacional: gandería rexenerativa”, na que participaron uns 30 gandeiros e profesionais do sector.

A continuación ofrecemos un resumo dos puntos básicos que, segundo Xan Pouliquen, se deben cumprir á hora de realizar pastoreo:

Aspectos básicos sobre a herba:

-Cada vez que cortamos a herba (sexa mecánicamente ou a dente polas vacas) as plantas tiran das reservas que teñen nas súas raíces, unhas reservas que tamén varían segundo a época do ano (máis en primavera e menos en verán e en inverno).

-Se se realiza un pastoreo moi baixo, sen darlle tempo a que as follas das herbas renoven e repoñan as reservas das plantas, a herba vai tardar máis en renovar e cada vez o rendemento do pasto vai ser menor. Deste xeito, pódese conseguir máis rendemento en kilogramos de herba dunha pradeira na que se realizan menos cortes, pero máis espaciados ata que a altura do pasto sexa a adecuada (sobre 15 centímetros), que se se realizan máis cortes pero cunha altura do pasto aínda demasiado baixa.

“O criterio para meter ou sacar o gando da parcela debe ser a altura do pasto”

A altura recomendable do pasto para meter as vacas é de 15 centímetros en pradeiras permanentes e de 22 centímetros en pradeiras artificiais.

Máis que mirar os días para volver meter o gando nunha pradeira, o gandeiro debe utilizar como único criterio a altura do pasto á entrada do gando e á saída.

É recomendable dividir as parcelas -dependendo do seu tamaño e do número de vacas- para realizar pastoreo rotacional e racional. O criterio para cambiar as vacas de parcela debe ser sempre o de altura de pasto á saída, e non os días. Tamén se pode facer un pastoreo por avance, cun fío dianteiro e outro traseiro que se van movendo día a día.

Débese preservar a altura mínima do pasto á saída do gando, complementando con outras forraxes ou con penso se non é suficiente con pastoreo.

Comportamento da vaca co pasto:

-A vaca ten por bioloxía un tempo máximo de pastoreo de non máis de 8 horas diarias. Os momentos nos que a vaca está máis activa para pacer son no comezo do día e no final da tarde.

-Canto máis follas teña o pasto máis vai comer a vaca. Un erro común é meter ao gando cando a herba xa está demasiado alta e/ou espigada: as vacas comen menos e de menor calidade nutricional, pérdese moita herba e a pradeira agroma peor.

No lugar onde caen as bostas, a vaca rexeitará pacer polo cheiro durante un período mínimo de 12 días. Por iso, debemos agardar como mínimo ese tempo para volver meter as vacas no prado. Pola contra, as zonas onde as vacas ouriñan no prado non son rexeitadas para pacer.

Variación da calidade da herba a medida que medra: 

calidades_pasto

Principios do pastoreo:

Seguindo as recomendacións do coñecido como “pastoreo Voisin”, existen estas leis fundamentais:

1)É preciso ter un tempo mínimo de repouso para a pradeira despois dun pastoreo: cando menos de 12 días e sempre utilizando como criterio a altura do pasto para volver meter o gando.

2) O tempo de pastoreo debe ser curto e sempre respectando a altura mínima. Do contrario, as vacas empezarían a comer os renovos da herba, impedindo que esta recupere as súas reservas.

“Débese agardar un mínimo de 12 días para volver meter as vacas na mesma pradeira”

3) O gando debe pacer tamén as plantas de maior esixencia, para garantir un pastoreo homoxéneo e que proliferen os trevos e o raigrass na pradeira en detrimento doutras especies de menos interese nutricional para o gando. Se se dispón dun rabaño de arredor de 100 ou máis animais, pódese realizar un pastoreo por lotes: primeiro entrarían as vacas en produción, que aproveitarían o pasto de maior calidade, e logo sacaríanse para meter as xovencas e as secas, que pacerían o pasto de menor calidade.

4) Canto menor é a ocupación do pasto maior é a produción. É dicir, se o gando está no pasto un día a pradeira vai ter máis produción e máis estable que se está pacendo 3 días nesa mesma parcela.

5) Hai que pacer ou cortar a herba antes de espigar, pois senón estamos perdendo dixestibilidade.

Ademais, Xan Pouliquen lembrou que “o gandeiro debe traballar cunha planificación, de forma que saiba onde van pacer as súas vacas dentro dun mes”. “Para iso -subliñou-, é necesario que vaia ver as parcelas todas as semanas para ver como está o pasto”.

Por último, recordou que “nas épocas nas que non hai pasto non se debe levar o gando aos prados: é mellor deixar as vacas nunha parcela de castigo e alimentalas con forraxes e penso, para permitir que as pradeiras se vaian recuperando”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información